sábado, 31 de diciembre de 2011

Valoración Pleno decembro

Proseguindo co seu compromiso coa cidadanía que deposita a súa confianza nesta organización, o representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou coa novidade, grazas a este goberno que se farta de pregoar a súa austeridade, dun gasto de 8.000 euros en sendos retratos dos xefes do Estado.

O Pleno comezou, como en outras ocasións, coa protocolaria aprobación dos primeiros puntos da orde do día sen maior debate que ratificar por asentimento a unanimidade nestes puntos.

Foi a partir do terceiro punto da orde do día onde se empezou a producir o debate entre as distintas organizacións políticas. Este punto era sobre a ordenanza reguladora da publicidade e rotulación, finalmente aprobada cos votos a favor do PP e en contra do PSdG e o BNG.

No debate, profundamente técnico no tocante a multitudes de normas ou leis nomeadas para a defensa das distintas posicións, quedou constancia da premura coa que foi presentada esta ordenanza, que impediu facer achegas, facendo necesario que a representante do PP se vira no obriga de recoñecer que non é unha ordenanza pechada.

EU Compostela quere recalcar, no tocante a este punto, que de ningunha maneira se apoiaría unha norma liberalizadora da publicidade que permitira o uso abusivo de certos soportes publicitarios como, por exemplo, os luminosos que dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que só se deberían utilizar en edificios públicos, tales como hospitais ou centros de saúde, que axuden visibilizar a súa ubicación pero que consideramos un dispendio inútil de enerxía se se utilizan, entre outros usos, para facer rechamantes fachadas de centros comerciais.
Tamén queremos recalcar que neste punto coincidimos coa postura do BNG, que remarcou que no caso de levar a cabo esta ordenanza sería o lóxico que as multas polo seu incumprimento foran o suficientemente altas como para no ser rentable imcumprir dita ordenanza, tendo como respostas un asentimento pola representante do PP a micrófono pechado.

Por último dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos mostrar que no relativo a rotulación no Casco Histórico, coincidimos por unha vez coa postura mostrada co alcalde Conde Roa, ratificando a necesidade de regular o tipo de letreiros que nesta parte da cidade, e evitar tal como expuxo o Alcalde rotulacións tan inapropiadas como a dunha franquicia de pizzas na rúa das Orfas.

Proseguiu o Pleno cunha proposición do PP para crear unha comisión de estudo de accesibilidade, aprobada por unanimidade. Por suposto EU Compostela está totalmente a favor desta comisión, sempre que sexa eficaz e efectiva e non un mero fogo de artificio retórico. Normas sobre accesibilidade universal, hainas, só hai que aplicalas conforme a unha planificación real, por iso, consideramos imprescindible que este estudo se articule en torno a un Plan Local para a Inclusión Social. Para avanzarmos neste eido e termos un Concello Inclusivo, é preciso que as decisións a este respecto se tomen contando coa participación dos diferentes axentes sociais implicados no proceso da accesibilidade universal, tal como propoñía Esquerda Unida no seu programa político das municipais 2010.

Por iso, agardamos que o posicionamento do PP sexa real e que esta comisión sexa aberta á participación, sobretodo, das entidades que traballan por e para as persoas con mobilidade reducida, e que a redacción do proxecto de cidade accesible, finalidade de tal comisión, sexa froito dunha elaboración conxunta e sometida ao necesario de debate.

No tocante a este punto EU Compostela quere remarcar o seu claro posicionamento por unha cidade accesible demostrado nas distintas mocións presentadas como, por exemplo, a que se rexistrou o pasado 25 de abril de 2011 na que se pedía a correcta sinalización e coas dimensións pertinentes das prazas de aparcamento para persoas con discapacidade na vía pública ou a moción rexistrada o pasado 12 de novembro de 2010 na que se esixía a adecuación das beirarrúas nos pasos de peóns ás persoas con mobilidade reducida.

O seguinte punto da orde do día foi unha proposición do PSdG sobre a actividade turística que foi desestimada cos votos en contra do PP, a favor do PSdG e a abstención do BNG.

Sobre o debate deste punto o Consello Comarcal de EU Compostela critica a actitude belixerante mostrada pola representante do PP, Reyes Leis, que sen ningunha motivación, pois os demais grupos municipais defenderon a súa posición sen recurrir a violencia verbal mostrada por esta concelleira, provocou certa crispación no Pleno que “curiosamente” rematou cunha chamada de atención ao representante do PSOE, Bugallo, que contestou airadamente, e até certo punto comprensiblemente, a unha recriminación por parte da representante do PP que non tiña por que se ter producido.

Sobre os argumentos escoitados o Consello Comarcal de EU Compostela preocúpase de que ningún dos grupos municipais expuxo medidas para un turismo alternativo ao xa existente centrándose case por completo o debate no aeroporto da cidade e na súa centralidade, é dicir, o perpetuo debate de sempre que nin PP, PSdG e BNG queren solucionar dende o Parlamento de Galicia, fomentando os nefastos localismos entre Coruña, Vigo e Santiago.

Proseguiu o transcorrer do Pleno coa proposición do BNG de instar a Fomento abaratar as tarifas do AVANT, que foi aprobada por unanimidade despois de aceptar o BNG as modificacións propostas polo PP, como que a quen se debe instar a abaratar as tarifas do AVANT é a RENFE e non a Fomento.

Como xa é habitual o grupos políticos centraron o debate nas sempiternas críticas entre partidos polos retrasos neste dispendio que supón o AVE, mantendo dende EU Compostela o posicionamento, ratificado unha e outra vez publicamente, na defensa, fomento e habilitación do tren de proximidade ou o de media distancia para vertebrar e cohesionar o territorio tanto a nivel comarcal como autonómico.
Por puro protocolo cumpriuse o trámite de dar conta de distintos informes, resolucións... sen maior debate que mencionar en voz alto o exposto na orde do día.

O decimosegundo punto da orde do día foi a comparecencia de Reyes Leis para definir con claridade o posicionamento do actual equipo de goberno do PP sobre a feira de gando de Amio.

A priori EU Compostela valora positivamente a actitude mostrada polo PP de manter as negociacións cos gandeiros e tratantes para que a feira de gando se quede na cidade. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos manifestar que se a feira se mantén por agora en Santiago é pola mobilización e traballo realizado pola plataforma cidadá en defensa do mercado de Amio, da que Esquerda Unida forma parte. EU Compostela proseguirá seu traballo para que o cambio mostrado sexa real e se evita a maxadería que supuña a ocorrencia do señor Rueda acatada polo señor Conde Roa.
O Pleno concluíu cun rogo e 3 mocións. O rogo foi do BNG sobre o uso do galego e tamén unha das mocións, que versaba sobre a tarxeta sanitaria, similar a presentada por Esquerda Unida o 2 de decembro, que foi rexeitada polos votos do PP.
Tamén foi rexeitada cos votos do PP a moción do PSdG para instar a cubrir o antes posible as prazas dos profesores de baixa, e unicamente se aprobou cos votos do PP e PSdG , e a abstención do BNG, a moción para intentar acoller un cumio da UE.

lunes, 26 de diciembre de 2011

Mesa Redonda Amio

A plataforma cidadá en defensa da feira de Amio, da que EU Compostela forma parte, levará a cabo unha mesa redonda á que están convidados o alcalde Conde Roa ou algún representante do seu equipo de goberno, a Cámara de Comercio, a asociación de hostalería, a concesionaria actual da feira e diferentes membros da plataforma.
Esta mesa redonda sobre Amio terá lugar o luns, día 26 de decembro, ás 20:15 na Aula de Cultura do Centro Social Novacaixagalicia sito na Pza. de Cervantes, 17.
Dende o Consello Comarcal de EU Compotela animámosvos a acudir. 

martes, 20 de diciembre de 2011

Xuntanza coa AVV Francisco Asorey da Almáciga

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE COAS XUNTANZAS CO TECIDO ASOCIATIVO DA CIDADE REUNÍNDOSE COA AVV FRANCISCO ASOREY DA ALMÁCIGA.

EU COMPOSTELA REITERA O SEU POSICIONAMENTO A FAVOR DUN TRANSPORTE PÚBLICO QUE CUMPLA AS REIVINDICACIÓNS VECIÑAIS E CO ARRANXO DE BEIRARRÚAS E ESTRADAS.

Os representantes do Consello Comarcal de EU Compostela, María Rozas, René Gamborino e Vicente Vázquez, mantiveron unha xuntanza coa directiva da AVV Francisco Asorey da Almáciga, dentro programa de visitas ó tecido do movemento asociativo da cidade co fin de pulsar as distintas opinións sobre a situación da cidade, e coñecer de primeira man as súas eivas e tamén as posibles solucións.

No referente ó barrio da Almáciga, Esquerda Unida Compostela sempre defendeu que a mellor maneira de dar resposta á antiga reivindicación veciñal de facilitar o acceso até a zona máis alta do barrio, de certa dificultade para moitas persoas dada a gran pendente existente, era, e o sigue sendo, que a liña ou liñas pertinentes do transporte público fagan este servizo.

Por iso compartimos a decisión tomada pola asociación de veciños Francisco Asorey da Almáciga de aceptar a proposta do actual equipo de goberno do PP de que, a cambio de non levar a cabo a construción do elevador proxectado, sería o autobús urbano o encargado de prestar este servizo a cidadanía.

Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela considera moi acertada a decisión da AVV de aproveitar os 700.000 euros orzamentados para o elevador para, tal e como se acredita no proxecto presentado ó alcalde Conde Roa, realizar os arranxos necesarios en beirarrúas e estradas, dende pasamáns para facilitar o ascenso nas pronunciadas costas até a obra necesaria para facilitar o acceso do autobús urbano.

Por último dende Esquerda Unida criticamos que en moitos casos, aínda a día de hoxe, a zona de residentes para aparcar neste barrio non son máis que liñas pintadas no asfalto e sinais verticais, que non solucionaron os problemas sobretodo pola noite, acreditando unha vez máis que o anterior equipo de goberno fixo moitas actuacións sen maior intención que a electoralista.

viernes, 16 de diciembre de 2011

Acto Foro Galego de Inmigración

O Foro Galego de Inmigración, do que Esquerda Unida forma parte, desenvolverá, en relación coa celebración do Día Mundial das Persoas Migrantes, un acto lúdico-reivindicativo que terá lugar no salón de actos do Museo do Pobo Galego e na Praza do 8 de Marzo entre as 11:00h e as 14:00h do domingo día 18 de decembro, que incluirá actuacións musicais e lúdicas. No transcurso do mesmo diferentes persoas de diferentes colectivos de migrantes afincados na cidade lerán o Manifesto Revindicativo. Este Acto conta co apoio e colaboración de colectivos veciñais e sociais do Barrio de San Pedro. 
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a participar.

viernes, 2 de diciembre de 2011

Moción defensa cobertura sanitaria universal

O Consello Comarcal de EU Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión esiximos, dentro das súas posibilidades, que o Concello de Santiago defenda a sanidade pública gratuita e universal, tralas recentes actuacións da Xunta de Galicia.


 Aquí tedes o texto da moción:

Todas as Administracións Públicas deben velar, dende as súas competencias, polo respecto e defensa dos dereitos básicos da cidadanía.

En Galicia, debido á Orde de 5 de setembro de 2011, estase producindo unha situación de desamparo para as persoas sen recursos económicos suficientes, para as persoas que en situación de desemprego de longa duración, asi como tamén discrimina ás persoas extranxeiras; estase xerando unha vulneración no seu dereito básico á saúde e causa unha grave eiva na universalidade e equidade da sanidade pública.

Resulta inconcebible que unha persoa quede, o tempo que sexa, sen cobertura sanitaria e farmacolóxica, e, non obstante, debido á aplicación da Orde xa referida, as persoas sen recursos ou que esgotaran a súa prestación por desemprego, que non foron informadas de forma axeitada sobre este feito, son dadas de baixa no sistema da seguridade social e vénse privadas do dereito á atención médica e farmacolóxica habitual, producíndose verdadeiros casos abraiantes de persoas con necesidades de tratamento oncolóxico, e que se viron igualmente afectadas.

O proceso de tramitación da nova tarxeta (chamada Código 29, que é no fondo unha especie de lista B e que debería darnos vergoña en tanto que etiqueta ás persoas en base á súa condición laboral), amais de que xa non debera nin existir, resulta farragoso, e tarda máis do que se pode permitir unha persoa enferma. E, por riba, nese tempo de baleiro están na obriga de abonar o custo das consultas que realicen. E, desde logo, dicir que vaian todos a urxencias é un despropósito funcional e operativo. E, no tocante ás persoas migrantes esíxelle unha antigüidade mínima no padrón de 183 días para poder solicitar a tarxeta sanitaria, o que contradí claramente a Lei Orgánica sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social, que en ningún momento esixe prazo algún para equipar os dereitos sanitarios dos españois e estranxeiros.

Polo tanto, debido aos distintos trámites burocráticos que estas persoas teñen que realizar para contar cunha prestación sanitaria acorde a lei, deberán ter o gasto económico que supón abonar os importes establecidos no Decreto 209/2011 do 27 de outubro.

Por outra banda, segundo datos do Defensor do Pobo e do estudo que o Ministerio de Sanidade realizou a instancias do grupo parlamentario de Izquierda Unida no Congreso dos Deputados, entre 90.000 e 180.000 persoas carecen actualmente en España de cobertura sanitaria.

Dende Esquerda Unida entendemos a sanidade como un servizo universal e gratuíto ao que ten dereito toda a cidadanía sen excepcións.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela manifesta a necesidade de reformar a Constitución Española para que de maneira explícita se garanta a cobertura sanitaria e farmacéutica en tanto que dereito esencial para toda a cidadanía.

Segundo.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, mentres non se produza a citada reforma constitucional, insta ao Goberno central e a Administración autonómica a que modifiquen as normas legais necesarias para garantir que ningún cidadán neste país quede en ningún momento sen cobertura sanitaria e farmacéutica.

Terceiro.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, insta ao Presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijoo a modificar con carácter de urxencia o procedemento de funcionamento vixente, e que se evite que ningún cidadán quede sen cobertura sanitaria e farmacéutica baixo ningunha circunstancia.

jueves, 1 de diciembre de 2011

Moción axudas pago hipoteca ou aluguer

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou hoxe unha nova moción, nesta ocasión pedimos que nos orzamentos municipais se reserve, todos os anos, a partida pertinente para axudar no pago total ou parcial da cota da hipoteca ou aluguer a persoas en situación de emerxencia social, con grave risco de perder o seu dereito constituacional a unha vivenda digna.










Aquí tedes o texto da moción:
 
Esquerda Unida Compostela considera que todas as Administracións Públicas teñen a obriga de cumprir co rol fundamental de prestar servizos públicos permanentes e de calidade que axuden á cidadanía tanto en tempos de grave crise coma os actuais coma no de supostas épocas de bonanza.

Os axentes sociais do noso Concello alertan que a situación de abafo está afectando a cada vez máis persoas que, sen emprego e sen coberturas, corren o risco de perder a súa vivenda habitual para a que destinan case todo o seu salario (en réxime de alugueiro ou en réxime de propiedade), quedándolles moi pouco para satisfacer outras necesidades básicas (alimentación, roupa...). Ademais de perderen o seu dereito constitucional a unha vivenda digna, estas persoas poderían encamiñarse cara a unha situación de risco de exclusión social.

Por iso, entendemos prioritario que o Concello asuma, despois de reunirse cos axentes sociais, destinar unha determinada porcentaxe dos vindeiros orzamentos –e con criterio de continuidade nos vindeiros exercicios orzamentarios- para facerlle fronte a esta situación de emerxencia social. En dito encontro deberían formalizarse os requisitos da convocatoria anual para acceder á axuda, especificar os tramos e as contías a percibir de forma clara, asi como os criterios de exclusión.

En boa lóxica, e en unión cos axentes sociais do municipio, coordinados polo departamento de servizos sociais, debe conformarse un órgano de supervisión e xestión que vele polo bo uso das axudas e que, de forma previa, realice un estudo que certifique as persoas demandantes cumpren cos criterios de acceso que se fixen, que controle que a axuda se destina para permitir o mantemento do pago da hipoteca da vivenda habitual. Semella innecesario dicir que esta axuda desaparece en canto a causa que provoca a súa concesión desaparece. E, ao mesmo, debe garantirse que se cumpren os criterios de confidencialidade necesarios.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Crear unha convocatoria anual, a cargo dos orzamentos do Concello, de axudas para o pago da hipoteca ou alugueiro en situacións de emerxencia social.

Segundo.- Manter un encontro cos axentes sociais do municipio para conformar as bases que regularían dita convocatoria, con criterios claros á hora da concesión ou á hora da denegación.

Terceiro.- Articular un órgano de xestión e supervisión, con participación dos axentes sociais, para garantir que as demandas e as axudas se destinan ao fin da convocatoria.

Cuarto.- Desenvolver unha campaña informativa para dar a coñecer a súa existencia.