Mostrando entradas con la etiqueta municipais 2011. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta municipais 2011. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de mayo de 2011

Reforma lei electoral

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESTARÍA NO CONCELLO DE SANTIAGO CUNHA LEI ELECTORAL XUSTA

EU COMPOSTELA ESIXE A REFORMA DA LEI ELECTORAL



Esquerda Unida Compostela lamenta profundamente que se silencie a voz expresada nas furnas por 1906 persoas, cunha lei electoral que impide que a pluralidade da rúa se reflicta nas institucións.

Con estes mesmos resultados, pero cunha lei que non discrimine obrigando a alcanzar un arbitrario 5% dos votos para que as persoas que expresaron a súa vontade nas furnas “conten” a hora de designar concelleiros e concelleiras, Esquerda Unida estaría no concello de Santiago, representada por Xabier Ron.

O resultado, sen artimañas ideadas polo PP e PSOE para conseguir o ansiado bipartidismo, sería:

PP: 12 concelleiros/as
PSdG: 9 concelleiros/as
BNG: 3 concelleiros/as
ESQUERDA UNIDA: 1 CONCELLEIRO

Por todo isto, en primeiro lugar, EU Compostela ratifícase no seu compromiso de seguir traballando, como até o de agora, dende as rúas, cos veciños e veciñas, para acadar que a voz da esquerda Alternativa e Transformadora chegue a Raxoi.

Por último, se en verdade hai vontade de acadar una democracia real e plural, Esquerda Unida Compostela reclama una reforma da lei electoral que, como mínimo, suprima o inxusto e inxustificado solo do 5% para que a vontade da persoas expresada nas furnas sexa escoitada, propoñendo que como máximo se fixe no 3%.


A continuación tedes os enlaces ó documento excell e pdf, onde reflexamos como aplicando, como se aplicou, a lei D'Hont pero sen inxusto e inxustificable solo do 5% Esquerda Unida estaría no concello.
https://spreadsheets.google.com/spreadsheet/ccc?key=0AtRLCjgODaVxdFRYaGVZVG9IU19lQTNFekhhRGRVbkE&hl=en_US

https://docs.google.com/viewer?a=v&pid=explorer&chrome=true&srcid=0B9RLCjgODaVxZDdmNWEzZTYtZTkwNS00NWUwLWJmNWUtOGZmYjhhMmJlY2Rl&hl=en_US

lunes, 23 de mayo de 2011

Valoración resultados electorais

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA VALORA POSITIVAMENTE O RESULTADO ACADADO NESTAS MUNICIPAIS.

UNHA VEZ MÁIS A INXUSTA LEI ELECTORAL EVITA QUE A PLURALIDADE DA SOCIEDADE SE REFLICTA NAS INSTITUCIÓNS.



Esquerda Unida Compostela agradece ás 1906 persoas a confianza depositada nesta organización, acreditando o progresivo crecemento de EU na cidade de Santiago, pois dos 242 votos en 1999, pasouse a 590 no 2003 chegando até 1119 no 2007, o que reflicte, sen lugar a dúbida, que Esquerda Unida está traballando de forma seria e que, de seguirmos así, levaremos a voz da esquerda Alternativa e Transformadora ao concello na vindeiras municipais.

Unha vez máis hai que facer fincapé que a inxusta lei electoral impide que se cumpra o axioma de unha persoa un voto, pois os datos amosan que, según a lei D’Hont, o conselleiro/a número 11 do PP acadárono con 1879 votos, o 12 con 1732 e o 13 con 1599 e o PSdG acadou o seu conselleiro/a número 8 con 1858 e o 9 con 1652, en cambio as 1906 persoas que votaron a EU comproban que se silencia a súa voz porque non lle interesa ao capital ter unha democracia plural.

Silencio que non pode nin debe chegar ós medios de comunicación, pois este 4% da cidadanía que expresou o seu apoio ó proxecto de EU para Santiago ten que comprobar que o traballo que se realizará a partir de agora conta con ese respeto a pluralidade que debe rexer nos medios de comunicación da cidade.

Tamén salientar que entre votos nulos e en branco, chegamos a un abultado 5,87 %. Neste sentido, o 3,87 % de votos en branco (1.834 votos) repercutiu de forma moi negativa na nosa organización, xa que no reconto beneficia ás forzas maioritarias e impediu que puidesemos chegar ao 5% desexado.

No tocante ao resultado electoral acontecido na cidade, EU, dende o debido respeto á decisión da maioría, lamenta o resultado obtido polo PP, xa que, de seguro, e en base ao que ten demostrado Feijóo desde o goberno da Xunta, proseguirán as políticas de recurte e de degradación do carácter público dos servizos.

Por último manifestar que Esquerda Unida Compostela proseguirá o seu traballo dende as rúas de Santiago para mellorar a cidade, estando cos veciños e veciñas da cidade sempre que sexa necesario, manténdose firme na defensa das persoas por riba dos mercados.

domingo, 22 de mayo de 2011

SEGUEMENTO DA XORNADA NA SEDE COMARCAL EN FONTIÑAS

Hoxe, domingo 22 de maio

a partir das 19h30,

estaremos na nosa sede comarcal

na rúa Dublín (8, baixo dta) no barrio das Fontiñas

para seguir os resultados desta xornada electoral


por suposto

estades convidados e convidadas a achegarvos

viernes, 20 de mayo de 2011

CARTA DE XABIER RON Á CIDADANÍA

QUE MÁIS TEN QUE PASAR?
QUE A VOSA INDIGNACIÓN SE CONVIRTA NUN VOTO ÚTIL PARA DEFENDER OS VOSOS DEREITOS, NUN VOTO A ESQUERDA UNIDA




Xa está. A campaña electoral rematou. Procuramos dar a coñecer as nosas propostas con forza e moito traballo. Traballo non sempre publicitado polos medios de comunicación máis interesados en divulgar unha falsa imaxe de bipartidismo (nunha cara da moeda, a rancia política da dereita; na outra cara da moeda, os que, co sorriso, aplican as mesmas políticas neoliberais).

Mais, da mesma forma que fixemos ao longo destes catro anos desde as rúas, presentando iniciativas para que o equipo de goberno, nestes 15 días pateamos as rúas do concello, as dos barrios e as das parroquias, entregando en man o díptico e conversando coas xentes do lugar.

Hai fartura. A xente está cansa dos mesmos xestos, das mesmas prácticas.

Nós, Esquerda Unida Compostela, estamos convencidos que, se entramos, entra con nós o pobo. Nós teremos aberta a nosa porta para os veciños e veciñas. Nós escoitaremos as suxestións veciñais e defenderemos, respectando, loxicamente, os nosos principios ideolóxicos e o noso programa, as vosas propostas no Concello. Abonda xa de ollar por riba do ombreiro desde o balcón do pazo de Raxoi. Nós queremos igualdade, unha ollada fronte a fronte, en diálogo constante con vós, veciños e veciñas de Compostela.

Hai desencanto. Sabémolo ben. Porque nós levamos loitando todo este tempo contra as políticas que o provocaron. Nós enfrontámonos a todos os recurtes de dereitos que os que nos gobernan consideran inevitable. Falso. Non son inevitables. Evitable é pasear en coches oficiais que valen varios millóns das antigas pesetas. Evitables son as custosas asesorías externas. Evitables son os esaxerados salarios de concelleiros e concelleiras. Evitable foi o desbaldimento de diñeiro público durante a visita papal. Evitables son as privatizacións que sempre ofrecen un servizo máis caro á cidadanía. Si, sabémolo ben. Hai desencanto.

Por iso, eu, Xabier Ron, en tanto que candidato á Alcaldía de Esquerda Unida Compostela, pídovos que ese desencanto se transforme en indignación (que focalicedes ben que son os causantes da desfeita en dereitos) e que esta indignación se transforme nun voto a Esquerda Unida Compostela, o único voto útil pois defendemos sempre primeiro ás persoas. Que máis ten que pasar entón para facelo?

Como dicía o poeta catalán Miquel Martí i Pol, “queda todo por facer, e todo é posible”, pero, para iso, Esquerda Unida precisa do voso apoio.

Apertas
Xabier Ron
Candidato á Alcaldía de Esquerda Unida Compostela.

Vídeos Xabier Ron no mitin no CSC das Cancelas.

A continuación tedes as dúas primeiras partes da intervención de Xabier Ron no mitin realizado nas Cancelas, onde EU expuso os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións municipais.

No noso canal Youtube tedes máis vídeos que poden resultar do voso interese.



Valoración final de campaña

OS CANDIDATOS DE ESQUERDA UNIDA EN AMES, DANIEL PÉREZ AMADOR, E EN COMPOSTELA, XABIER RON, PIDEN QUE A INDIGNACIÓN SE CONVIRTA NUN VOTO A ESQUERDA UNIDA, O ÚNICO VOTO REALMENTE ÚTIL PORQUE DEFENDE ÁS PERSOAS




Esquerda Unida Ames, a través de Danel Pérez Amador, candidato á Alcaldía, e Esquerda Unida Compostela, a través de Xabier Ron, candidato á Alcaldía, realizaron unha valoración da campaña electoral.

Ambos candidatos amosáronse satisfeitos co traballo realizado, pero expresaron as súas críticas ante a nula atención que a maioría dos medios de comunicación dedicaron aos moitos actos realizados: desde roldas de prensa até repartos na rúa pasando por mitins. Denunciaron que os medios e a clase política son os que xogan a crear o bipartidismo ramplón que quere dominar a esfera política. O bipartidismo causante das desgrazas para a clase traballadora.

O mellor de todo foi o contacto directo coas persoas que expresaron o seu descontento coas políticas actuais, centradas en realizar promesas que quedarán no tinteiro das promesas incumpridas até o 2015.

Tanto Daniel Pérez Amador como Xabier Ron insistiron en que tanto en Ames coma en Compostela é preciso rachar co anquilosamento e con prácticas políticas que distancian a cidadanía da clase política. Esquerda Unida preséntase como a única organización política que realmente cre na democracia participativa, que aposta por un modelo público de xestión, que ten propostas para acceder a unha vivenda e a un emprego dignos, que defende os servizos sociais coma un dereito esencial das persoas.

Os dous candidatos apelaron ás persoas que están descontentas para que canalicen ese descontento en indignación, pero que focalicen esa indignación nas siglas políticas que atacaron os seus dereitos sociais, laborais e económicos e que son os que nos desgobernan desde o goberno central, desde o da Xunta e desde os concellos de Ames e Compostela.

Daniel Pérez Amador e Xabier Ron pediron que esa indignación se transforme nun voto útil a Esquerda Unida, a única forza que realmente demostrou nos concellos de Ames e Compostela, desde as rúas, e no goberno central coas nosas iniciativas, que se enfronta aos donos do capital e non se resigna á perda de dereitos. Porque Esquerda Unida pon por riba dos intereses do mercado, ás persoas.

Presentación eixos programáticos sobre o Rural e Ecoloxía.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTOU AS SÚAS MEDIDAS PARA ACADARMOS UN CONCELLO ECOLÓXICO E O SEU PROXECTO GLOBAL PARA O RURAL COMPOSTELÁN.




Esquerda Unida Compostela comprobou, ao longo das diversas xuntanzas que mantivo, como non se avanzou no proceso de cohesión entre centro urbán e o rural compostelán. Son moitas as carencias existentes en provisión de infraestruturas e servizos elementais: accesibilidade e seguridade viaria; oferta educativa e cultural; espazos de lecer; transporte público; posibilidades de desenvolvemento de nichos de emprego asentados no rural; atención sociosanitaria, etc.

Xabier Ron espuxo os puntos básicos do proxecto global. En primeiro lugar, unha plena integración do rural no proceso de creación da democracia participativa. En segundo lugar, establecer un plan de actuación para a mellora da accesibilidade e seguridade viaria. En terceiro lugar, establecer plans de formación de emprego a través da creación de cooperativas asentadas no traballo agropecuario, na preservación medioambiental e na atención social. Igualmente, a través da Empresa Municipal para a Soberanía Alimentar darlle saída aos produtos de labregos e labregas en feiras e mercados propios. En cuarto lugar, un equilibrio na oferta de servizos educativos. Trátase de afortalar as escolas unitarias existentes no rural e, de ser necesario, crear novas escolas para que se asente poboación. En quinto lugar, cómpre pór en valor a nosa riqueza paisaxística, medioambiental e arquitectónica a través de roteiros que sirvan, ademais de dignificar o noso rural, para promover un turismo de baixa intensidade. Finalmente, que as novas tecnoloxías (rede de internet) sexa accesible en todo o rural para que podan desenvolver as súas tarefas administrativas evitando penosos desprazamentos.

Desde o punto de vista ecolóxico, Esquerda Unida basea as súas propostas no principio de planificación de cara a unha sustentabilidade social, territorial, económica e ambiental. A insustentabilidade actual concrétase nunha falta absoluta de criterios conservacionistas e sociais na ordenación do territorio, un crecemento desmesurado do uso de fontes enerxéticas sucias, non renovables e con elevado risco para a saúde, e o desenvolvemento dunha rede de infraestruturas que desarticula as relacións sociais e cuartea o territorio. Esquerda Unida desexa impulsar un novo modelo de organización urbana e rural que reduza os impactos medioambientais. Para iso, hai que avanzar no Plan de Acción Local da Axenda 21.

En materia de recollida do lixo, amais de re-municipalizar o servizo, hai que reformar a taxa do lixo para evitar os excesos, especialmente por parte das grandes empresas. Artellaremos un plan de redución de resíduos, que abranguerá os eidos familiar, industrial e comercial (coa saída de SOGAMA e estudar a creación dunha planta comarcal de compostaxe, amais de fomentar a compostaxe no eido familiar). Crearemos unha Axencia Local de Enerxía, de carácter público para regular todo o referido ao consumo enerxético da cidade e camiñarmos cara a redución da pegada ecolóxica.

Xabier Ron animou ás persoas para que comproben no programa (descargable en http://eusantiago.blogspot.com) a incidencia das medidas de todo tipo destinadas a acadarmos un concello ecolóxico, sustentable, con cohesión social.

jueves, 19 de mayo de 2011

Presentación eixo programático sobre deporte

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTOU AS SÚAS MEDIDAS PARA CONQUERIR UN CONCELLO SAUDABLE.

Esquerda Unida Compostela, a través do seu cabeza de lista á Alcaldía, Xabier Ron, e o segundo cabeza de lista, Vicente Vázquez, presentou o eixo programático sobre deporte.

En primeiro lugar Xabier Ron salientou a defensa que durante estes catro anos Esquerda Unida Compostela fixo do deporte de base, presentando, entre outras medidas, mocións que pedían a creación de carreiras populares ou a supresión do horario de inverno na Alameda, para que os atletas tiveran a posibilidade de exercer o seu dereito de practicar deporte unha vez rematada a súa xornada laboral.

Durante a exposición das medidas programáticas que EU presenta, Xabier Ron e Vicente Vázquez, manifestaron a súa preocupación pola clara falta de infraestruturas deportivas, en especial nos deportes non maioritarios, e a continuación da defensa do deporte de base que Esquerda Unida quere levar a cabo, incentivando dende o concello a organización de eventos deportivo de carácter popular, facendo fincapé na obrigación que todas as administración públicas teñen a hora de fomentar estas actividades lúdicodeportivas beneficiosas para a saúde e benestar da cidadanía.

No tocante as medidas que Esquerda Unida Compostela propón, tanto Xabier Ron como Vicente Vázquez, salientaron a obrigación do concello en xerar as condicións necesarias para fornecer o uso real e non esporádico da bicicleta, tanto o seu uso como medio de transporte como lúdicodeportivo, recalcando, unha vez máis, que o carril bici non debe seguir sendo algo descoñecido en Santiago, esixindo a elaboración do Plan Director da Bici dentro do Plan Global de Mobilidade.

Por último Xabier Ron, ademais da creación de pistas de atletismo cubertas, a homologación da pista de San Lázaro e o impulso a deportes menos mediáticos, recalcou que se precisa acelerar os pasos para a creación da vía verde pola antiga vía férrea Amio-Sigüeiro en base a moción que EU rexistrou no 2007.

Mitin no CSC das Cancelas

Esquerda Unida Compostela levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións municipais de 2011.

Data: xoves 19 de maio

hora: 20:00

Lugar: CSC das Cancelas na Calzada das Cancelas, 19 baixo

Intervirá:

Xabier Ron, cabeza de lista por Esquerda Unida en Santiago

Agardamos a túa presenza

miércoles, 18 de mayo de 2011

Vídeos intervención de María Rozas no CSC a Trisca

A continuación tedes os dous vídeos coa intervención de María Rozas no mitin levado a cabo no CSC a Trisca.



Presentación eixos programáticos sobre Educación e Cultura

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTOU AS SÚAS MEDIDAS EN DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA E DUNHA CULTURA DE BASE .

XABIER RON DEFENDE A NECESIDADE DE REMATAR COA HIPOCRISÍA ACTUAL: “NON SE DEFENDE A PAZ, FACENDO A GUERRA” .




Esquerda Unida Compostela, a través do seu candidato á Alcaldía, Xabier Ron, presentou os eixos programáticos sobre educación e cultura. A educación é un piar da integración e da cohesión social e EU quere proxectar igualdade e equidade entre os diferentes centros educativos, tanto do rural como do espazo urbán, e, sobre todo, para que os nosos centros públicos non coñezan desequilibrios con respecto aos centros privados concertados. E debe asumirse tendo en conta os principios da democracia participativa.

As comisións de escolarización teñen que funcionar con claridade de criterios, de reparto, evitando problemas de densificación ou de redución (como pode ser o Santiago Apóstol da Almáciga). Xabier Ron insistiu na necesidade de equiparar a zonificación dos centros privados concertados coa dos centros públicos. EU considera prioritario artellar un Plan Director para coordinar a oferta de servizos complementarios para evitar os actuais desequilibrios. EU recuperará a xestión pública dos servizos. EU quere que o Concello asuma a súa responsabilidade, en tanto que administración pública, na xestión dos comedores escolares, mentres non se acade o marco de cooperación necesario coa Xunta de Galicia. Xabier Ron expresou que debe crearse un Plan Plurianual de mantemento e renovación de centros educativos.

E non caben triunfalismos en canto a oferta de centros públicos en educación infantil 0-3 anos, e debemos garantir que se lle dá resposta ás demandas desde o eido publico. As delicadas economías familiares merecen todo o esforzo da administración pública. E isto atendendo a un criterio de racionalización e equilibrio na distribución xeoespacial para que o rural non quede desasistido a este respecto.

Para Xabier Ron os centros educativos teñen que muda en verdadeiras comunidades de aprendizaxe, co obxectivo de que todas as persoas participen na comunidade de xeito democrático. Un exemplo diso seríano as escolas de pais e nais, entendidas como espazo de formación e participación democrática.

Son numerosas as medidas centradas sobre a educación. As prazas, os parques e xardíns serán un lugar para o desenvolvemento cultural, formativo e educativo das persoas usuarias. Dinámicas de animación á lectura, escenficacións de guiñois, dinámicas teatrais; maxia; xogos de cooperación...o espazo público como educador.

Esquerda Unida quere dinamizar unha política cultura formativa de base. Favorecer a creación e a consolidación de creadores e creadoras, de axentes culturais da localidade. Avanzar, desde un enfoque participativo, en dinámicas de apoio aos mercados na rúa. Rachar a uniformización cultural actual e revitalizar o tecido cultural e asociativo a este respecto. O rural, desde a conformación de roteiros educativos que poñan de relevo os aspectos naturais, arqueolóxicos, históricos, etc., sumarase á visión integradora que ten EU da cultura.

Finalmente, Xabier Ron insistiu na necesidade de sermos máis solidarios. De non recurtar neste eido a débeda que temos co mundo empobrecido debido ás nosas políticas e ao noso estilo de vida devorador. Desde unha Concellaría de Paz, Solidariedade e Dereitos Humanos, EU artellará unha politica de solidariedade xusta e ética. E Xabier Ron pediu que remate a hipocrisía dalgúns que falan de paz nesta campaña electoral mentres apoian guerras que matan inocentes –e de paso gástanse inxentes cantidades de diñeiro público moi necesarias por exemplo para afortalar os servizos sociais ou poder acometer a reconstrución das vivendas de Lorca con garantías- ou mentres vemos como a OTAN, coa complicidade de España, deixa morrer no mar a persoas que foron expulsadas dos seus países por mor da guerra e da insolidaria política do norte enriquecido.

Mitin no CSC de Conxo

Esquerda Unida Compostela levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións municipais de 2011.

Data: mércores 18 de maio

hora: 20:00

Lugar: CSC de Conxo na Praza Aurelio Aguirre nº1

Intervirá:

Xabier Ron, cabeza de lista por Esquerda Unida en Santiago

Agardamos a túa presenza

Vídeos entrevista a Xabier Ron en Preguntoiro de Correo TV

A continuación tedes a primeira e segunda parte da entrevista realizada a Xabier Ron no programa Preguntoiro de Correo TV. No noso canal Youtube tedes máis vídeos de esta entrevista.



lunes, 16 de mayo de 2011

Mitin no CSC a Trisca

Esquerda Unida Compostela levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións municipais de 2011.

Data: martes 17 de maio

hora: 20:00

Lugar: CSC a Trisca na Corredoira das Fraguas, 92

Intervirán:

Xabier Ron, cabeza de lista por Esquerda Unida en Santiago

María Rozas, 3ª cabeza de lista por Esquerda Unida en Santiago

Agardamos a túa presenza

Valoración campaña electoral

OS CANDIDATOS Á ALCALDÍA DE ESQUERDA UNIDA EN AMES E COMPOSTELA VALORAN DE FORMA POSITIVA O TRABALLO REALIZADO.

DANIEL PÉREZ AMADOR E XABIER RON DENUNCIAN OS MUROS DE SILENCIO QUE DESVIRTÚAN A PLURALIDADE INFORMATIVA E EROSIONAN O DEREITO DA CIDADANÍA A UNHA BOA INFORMACIÓN.



Esquerda Unida Ames e Esquerda Unida Compostela valoraron de forma positiva o traballo realizado até o de agora para dar a coñecer o programa político e social co que se presentan nestas Eleccións Muncipais 2011.

Un traballo realizado de forma directa, en estreito contacto cos veciños e veciñas a través de mesas informativas, de repartos polas rúas dos barrios e parroquias de ambos concellos, asi como de encontros cos veciños e veciñas.

Agora que entramos na semana decisiva, asistiremos, una vez máis á polarización informativa que divulga, de forma errada, que nestas eleccións só contenden tres partidos políticos, silenciando, agás honrosas e escasas excepcións, o traballo realizado por Esquerda Unida . Este agochamento informativo erosiona os piares da propia democracia xa que impide o acceso da cidadanía a una boa información para decidir con plena liberdade quen os pode representar de forma máis xusta.

Para Daniel Pérez Amador, candidato á Alcaldía de EU Ames, a pesar deste silencio, o contacto coa cidadanía reveloulle que existe cansancio en como se está enfocando, una vez máis, desde os medios, esta campaña electoral, que caen no xogo dos grandes partidos e vemos como en vez de propostas e medidas concretas destinadas a loitar polos dereitos da clase traballadora, atopamos insultos, descalificacións, acusacións cruzadas, un exacerbado personalismo, que están desvirtuando a esencia do que debe ser a política, asi como un asoballamento de propaganda –mercantilización da información- en vez de información verdadeira.

Xabier Ron, pola súa banda, insistiu en que no concello de Compostela só se pode atopar algo de información de todo o realizado nestes 10 días nun único medio de comunicación da cidade, sendo cáseque ignorado nos restantes medios. O cabeza de lista de EU Compostela anuncia que Esquerda Unida seguirá loitando e que, nesta semana decisiva, procurará rachar os muros de silencio para que a cidadanía, ben informada, poda decidir en consecuencia que non existe voto máis útil que o que non se resigna a axeonllarse perante as imposicións dos donos do capital , que non acepta as rebaixas do delicado “estado de benestar” e que defende os dereitos da clase traballadora mediante a democracia participativa, un modelo público de xestión, cuns servizos públicos e sociais de calidade, eficaces e eficientes. E ese é o voto de Esquerda Unida.

Mitin no CSC de Laraño

Esquerda Unida Compostela levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións municipais de 2011.

Data: luns 16 de maio

hora: 20:00

Lugar: CSC de Laraño na Rúa Riobo s/n

Intervirá:

Xabier Ron, cabeza de lista por Esquerda Unida en Santiago

Agardamos a túa presenza

viernes, 13 de mayo de 2011

Presentación eixos programáticos sobre Inclusión Social e Sanidade

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA QUERE UN CONCELLO INCLUSIVO PARA DESENVOLVER UNHA POLÍTICA DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES REAL



Hoxe, debido ao desleixe da administración pública, existe unha visión de “empobrecemento” dos servizos sociais que se dedican a dar só asistencia ante unha emerxencia social. Xabier Ron, candidato de EU á Alcaldía de Compostela, reitera que o acceso aos servizos sociais deben ser un dereito que non debe estar suxeito a caridades. Cómpre camiñar cara a universalización e fuxir do estigma de “marxinalidade”.

En tempos de crise non é de recibo que os recortes se apliquen sobre a protección social, Esquerda Unida entende que os dereitos sociais deben ser sempre unha prioridade e deben afortalarse. O Concello, en tanto que administración pública, debe tutelar dita prioridade en cooperación coas entidades que se dedican á atención sociosanitaria.

Entroutras medidas, Esquerda Unida propón a creación dun Consello Municipal de Políticas de Igualdade de Oportunidades e dunha Concellalía de Inclusión Social. Igualmente, amais dos propios órganos participativos, defínese a creación dunha Oficina de Dereitos Sociais constituída por unha especie de Valedor do Pobo Local e por persoal especializado.

Esquerda Unida Compostela, dentro dese Concello Inclusivo, establece 6 grandes plans para acadar unha política de igualdade de oportunidades real: a) o plan local para a inclusión social das persoas con discapacidade; b) o da igualdade efectiva entre mulleres e homes; c) o dedicado á mocidade; d) o do respecto da diversidade afectivo-sexual; e) o dedicado ás persoas migrantes; f) e o destinado ás persoas de etnia xitana.

Estas políticas queren asentar unha cidadanía inclusiva, onde se acaden os dereitos humanos desde o principio democrático de xustiza social.

Xabier Ron insistiu na relevancia do plan local para a inclusión social das persoas con discapacidade, dado a coñecer a diferentes colectivos como COGAMI, DOWN COMPOSTELA, que tiveron ocasión de participar tamén na súa definición, ou a PLATAFORMA SOCIOSANITARIA.

A rolda de prensa complementouse coa presentación do eixo programático sobre sanidade. A este respecto, Esquerda Unida Compostela explicitou algunhas das medidas destinadas a mellorar a Atención Primaria, os Servizos de Atención Comunitaria, asi como a Atención Temperá. Esquerda Unida Compostela loitará para que a sanidade pública non siga exposta ás políticas de degradación realizadas desde a Xunta de Galicia e reclamará que se manteña o Plan de Mellora de Atención Primaria, asi como o mantemento dos compromisos económicos para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013.

Presentación eixo programático sobre Vivenda

ESQUERDA UNIDA PRESENTOU AS MEDIDAS PARA AVANZARMOS NO DEREITO AO ACCESO A UNHA VIVENDA DIGNA.



En tempos en que o acceso a unha vivenda digna é un hipotecarse de por vida, Esquerda Unida Compostela, a través de Xabier Ron, candidato á Alcaldía, e Vicente Vázquez, segundo cabeza de lista, presentaron unha serie de medidas destinadas a loitar por ese dereito.

Xa no 2007 Esquerda Unida Compostela alertaba de que o estourido da burbulla inmobiliaria requiría de medidas valentes e non sometelo todo aos intereses do mercado. Non se pode esquecer, di Xabier Ron, que a actual crise parte dunha crise financeira e especuladora sobre o valor da vivenda.

Esquerda Unida Compostela quere impulsar unha política de vivenda social, baseada nunha cultura do uso, e non na especulación, do cambio e do lucro. En efecto, por moita vivenda de protección oficial que se faga, se esta se vencella ao prezo de mercado, o resultado é o impedimento de acceso para as delicadísimas economías das persoas.

Para Xabier Ron unha das medidas máis importantes será empregar a empresa municipal de vivenda e solo non para adquirir metros e vendelos directamente a quen xoga co prezo do valor do metro cadrado, senón para intervir de forma directa e gardar titularidade sobre as vivendas construidas e ir creando un parque público de vivenda en réxime de aluguer social, atendendo a un criterio de dispersión dentro do tecido urbán e reservando un número determinado de vivendas adaptadas para axudar á autonomía de persoas con discapacidade. Igualmente, reservaranse vivendas para emerxencias sociais.

Tendo en conta que existen en Compostela, segundo o último reconto, máis de 11.000 vivendas baleiras, Esquerda Unida quere elaborar un censo motivado de vivendas baleiras, e en base a dito censo, gravar a vivenda baleira até o máximo que permite a lei para animar a que esas vivendas se incorporen ao parque de aluguer.

As plusvalias que se xeren coa construción de vivendas libres serán directamente redistribuídas na mellora dos servizos públicos. E antes de proceder a novas edificacións, será fundamental unha política activa de rehabilitación de vivendas e acceso ás mesmas.

É fundamental ter activo desde o Concello un censo propio de demanda de vivenda para garantir un equilibrio entre oferta e demanda.

En relación directa coa vivenda, o cabeza de lista por Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron, apelou á necesidade de reformular o PXOM en base á democracia participativa, impulsando técnicas de participación cidadá no eido das decisións públicas en materia de vivenda e ordenación do territorio, e en base ao respecto do Plan de Acción Local da Axenda 21. Estas accións permitirán cohesionar o territorio e definir as reservas de solo necesarias para instalacións educativas, sociosanitarias e culturais de xestión e titularidade públicas.

jueves, 12 de mayo de 2011

Vídeos Antonio Olives e Xesús Abuín

A continuación podedes ver os vídeos das intervencións de Antonio Olives, 5º cabeza de lista, no mitin no CSC da Almáciga e de Xesús Redondo Abuín no mitin no CSC de Fontiñas

Vídeo presentación e intervención de Antonio Olives, en breve no noso canal Youtube poderedes ver a segunda parte.

Vídeo intervención Xesús Redondo Abuín

Suspensión Mitin no CSC do Castiñeiriño e outros actos públicos da campaña electoral

Esquerda Unida Compostela ante o terremoto acontecido en Lorca, suspende o mitin que ía levar a cabo hoxe, ás 20:00, no CSC do Castiñeriño, e os demais actos públicos da axenda electoral.