viernes, 20 de mayo de 2011

Presentación eixos programáticos sobre o Rural e Ecoloxía.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTOU AS SÚAS MEDIDAS PARA ACADARMOS UN CONCELLO ECOLÓXICO E O SEU PROXECTO GLOBAL PARA O RURAL COMPOSTELÁN.




Esquerda Unida Compostela comprobou, ao longo das diversas xuntanzas que mantivo, como non se avanzou no proceso de cohesión entre centro urbán e o rural compostelán. Son moitas as carencias existentes en provisión de infraestruturas e servizos elementais: accesibilidade e seguridade viaria; oferta educativa e cultural; espazos de lecer; transporte público; posibilidades de desenvolvemento de nichos de emprego asentados no rural; atención sociosanitaria, etc.

Xabier Ron espuxo os puntos básicos do proxecto global. En primeiro lugar, unha plena integración do rural no proceso de creación da democracia participativa. En segundo lugar, establecer un plan de actuación para a mellora da accesibilidade e seguridade viaria. En terceiro lugar, establecer plans de formación de emprego a través da creación de cooperativas asentadas no traballo agropecuario, na preservación medioambiental e na atención social. Igualmente, a través da Empresa Municipal para a Soberanía Alimentar darlle saída aos produtos de labregos e labregas en feiras e mercados propios. En cuarto lugar, un equilibrio na oferta de servizos educativos. Trátase de afortalar as escolas unitarias existentes no rural e, de ser necesario, crear novas escolas para que se asente poboación. En quinto lugar, cómpre pór en valor a nosa riqueza paisaxística, medioambiental e arquitectónica a través de roteiros que sirvan, ademais de dignificar o noso rural, para promover un turismo de baixa intensidade. Finalmente, que as novas tecnoloxías (rede de internet) sexa accesible en todo o rural para que podan desenvolver as súas tarefas administrativas evitando penosos desprazamentos.

Desde o punto de vista ecolóxico, Esquerda Unida basea as súas propostas no principio de planificación de cara a unha sustentabilidade social, territorial, económica e ambiental. A insustentabilidade actual concrétase nunha falta absoluta de criterios conservacionistas e sociais na ordenación do territorio, un crecemento desmesurado do uso de fontes enerxéticas sucias, non renovables e con elevado risco para a saúde, e o desenvolvemento dunha rede de infraestruturas que desarticula as relacións sociais e cuartea o territorio. Esquerda Unida desexa impulsar un novo modelo de organización urbana e rural que reduza os impactos medioambientais. Para iso, hai que avanzar no Plan de Acción Local da Axenda 21.

En materia de recollida do lixo, amais de re-municipalizar o servizo, hai que reformar a taxa do lixo para evitar os excesos, especialmente por parte das grandes empresas. Artellaremos un plan de redución de resíduos, que abranguerá os eidos familiar, industrial e comercial (coa saída de SOGAMA e estudar a creación dunha planta comarcal de compostaxe, amais de fomentar a compostaxe no eido familiar). Crearemos unha Axencia Local de Enerxía, de carácter público para regular todo o referido ao consumo enerxético da cidade e camiñarmos cara a redución da pegada ecolóxica.

Xabier Ron animou ás persoas para que comproben no programa (descargable en http://eusantiago.blogspot.com) a incidencia das medidas de todo tipo destinadas a acadarmos un concello ecolóxico, sustentable, con cohesión social.

No hay comentarios: