sábado, 7 de mayo de 2011

Xuntanzas coa Asociación Cultural Cidade Vella e coa Plataforma Sociosanitaria

O CABEZA DE LISTA DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, XABIER RON, MANTÉN SENLLAS XUNTANZAS COA ASOCIACIÓN CULTURAL CIDADE VELLA E COA PLATAFORMA SOCIOSANITARIA DE COMPOSTELA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA AMOSOU O SEU COMPROMISO COA CULTURA DE BASE E PRESENTOU AS DIFERENTES MEDIDAS PARA ACADAR UN CONCELLO REALMENTE INCLUSIVO .



O venres 6 de maio de 2011 foi un día intenso para Xabier Ron, cabeza de lista de Esquerda Unida Compostela, que mantivo pola tarde na sede comarcal de Esquerda Unida en Fontiñas dúas xuntanzas consecutivas coas directivas da Asociación Cultural Cidade Vella e da Plataforma Sociosanitaria de Compostela.

Un feito relevante permite relacionar as dúas xuntanzas: ambos colectivos veciñais manifestaron as súas queixas pola carencia de canles de participación e reclamaron, neste sentido, a valentía política para acadar ese dereito. A ese respecto, Xabier Ron enfatizou que o programa político e social xira ao redor do principio rector da democracia participativa e significou a importancia de reformar a vida organizativa do Concello en base a ese feito e a necesidade de introducir os orzamentos participativos.

A Asociación Cultural Cidade Vella espuxo as súas demandas para evitar a progresiva quebra da dinámica cultural da zona vella de Compostela. En concreto, lamentaron o inmobilismo do equipo de goberno e a súa política impositiva. Esquerda Unida Compostela amosou o seu compromiso coa cultura de base e apoiou a necesidade de revitalizar a vida cultural da zona vella sometida hoxe a un proceso de uniformización comercial que lle está roubando a diversidade e o seu dinamismo. Varios foron os temas que centraron a discusión: a necesidade de revisar o mapa de zonas saturadas, hoxe sometido á arbitrariedade, mediante o diálogo e a participación; a necesidade de regular de forma flexible e innovadora todo o que se refire ás terrazas exteriores e interiores; a necesidade de implementar nas políticas de rehabilitación axudas para materiais de illamento acústico; a necesidade de avanzarmos na política convivencial na cidade vella. En definitiva, definir unha política que procure novas metas e posibilidades de desenvolvemento que garantan a vitalidade social, económica e cultural.

Pola súa banda, o encontro coa Plataforma Sociosanitaria de Compostela serviu para comprobar a coincidencia en que, hoxe, coa xustificación da crise, o sector social é o que máis padece os recortes de todo tipo, en recursos, en convenios cos colectivos sociosanitarios, en espazos para o desenvolvemento do traballo, en definitiva, a administración pública dálle as costas ao sector mentres que se acumulan as demandas de apoio e protección nunha cidade que coñece 4.000 persoas que (mal)viven moi empobrecidas, outro 20% que (sobre)vive en situación de risco de exclusión social, unhas 4.000 persoas maiores que viven soas (moitas delas mulleres), e con máis de 8.500 persoas en situación de desemprego. Xabier Ron presentoulle ao colectivo as medidas en materia de emprego, vivenda e sanidade destinadas a dar resposta a esta situación de vulnerabilidade, asi como describiu as medidas destinadas a converter os servizos sociais nun piar esencial da igualdade de oportunidades das persoas en tanto que dereito universal.

No hay comentarios: