lunes, 9 de mayo de 2011

Presentación eixo programático sobre Democracia Participativa

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PRESENTA AS SÚAS MEDIDAS PARA TERMOS UNHA DEMOCRACIA PARTICIPATIVA NO CONCELLO DE COMPOSTELA .


Xabier Ron presentou en rolda de prensa o luns 9 de maio as medidas destinadas a facer da democracia participativa o piar esencial da vida orgánica do Concello de Compostela.

O cabeza de lista de Esquerda Unida en Compostela sinalou que “ao longo destes catro anos, nos diferentes encontros que fomos mantendo con colectivos veciñais e sectoriais do concello de Compostela unha queixa unánime se erguía: non hai canles verdadeiras de participación cidadá. Hai, si, unha política impositiva que asoballa con proxectos xa deliñados, xa elaborados, sen contar coa participación dos veciños e veciñas onde vai ter lugar a acción en cuestión”. Xabier Ron fixo un repaso de mostras desa queixa vecinal: a) en febreiro de 2011 os medios de comunicación facíanse eco do fracaso do Plan Urbana Norte á hora de fomentar a participación (isto para Esquerda Unida é proba de que o fracaso non é do Plan, senón de quen goberna pensando que o sabe todo e que os veciños e veciñas só poden dicir si, ou como moito, presentar alegacións que, na meirande parte das veces, serán ignoradas); b) no concello de Compostela hai constituídos Consellos Municipais que só son meras farsas institucionalizadas e que nin sequera cumpren coas xuntanzas estipuladas no seu regulamento: exemplos coñecémolos nos Consellos Municipais de Servizos Sociais, de Ensino ou no Inmigración...

Esquerda Unida Compostela quere que estas prácticas rematen xa. É posible facer unha política diferente. Unha política onde a voz do pobo sexa non só escoitada ou consultada, senón que sexa protagonista das decisións que se adopten.

Xabier Ron puxo de relevo que democracia participativa favorece a claridade e a transparencia, exerce de control das irregularidades; supón un freo para as prácticas escuras e un obstáculo da corrupción.

Significa que todas as persoas poidamos desenvolver as nosas capacidades para intervir e co-decidir na vida política e social do noso Concello. Significa darlle forma a un dereito constitucional hoxe limitado, para o equipo de goberno, a votar cada 4 anos.

A democracia participativa que Esquerda Unida quere poñer en marcha no Concello de Compostela pasa polas seguintes grandes medidas:

1) Elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá que, entre outros aspectos, contemple: unha Carta de Dereitos Cidadáns que asuma os seguintes dereitos: a) de petición; b) de intervención; c) de consulta ou referendo; d) de información.
2) Reorganizar o Concello en base á democracia participativa e crear órganos de participación cidadá coma os consellos de barrio e parroquia.
3) Avanzarmos na consecución duns orzamentos participativos.

Xabier Ron detallou en que consisten esas grandes medidas, como se levan a cabo e cal é o rol nelas dos políticos e políticas asi como dos veciños e veciñas.

No hay comentarios: