Xa no 2007 Esquerda Unida Compostela alertaba de que o estourido da burbulla inmobiliaria requiría de medidas valentes e non sometelo todo aos intereses do mercado. Non se pode esquecer, di Xabier Ron, que a actual crise parte dunha crise financeira e especuladora sobre o valor da vivenda.
Esquerda Unida Compostela quere impulsar unha política de vivenda social, baseada nunha cultura do uso, e non na especulación, do cambio e do lucro. En efecto, por moita vivenda de protección oficial que se faga, se esta se vencella ao prezo de mercado, o resultado é o impedimento de acceso para as delicadísimas economías das persoas.
Para Xabier Ron unha das medidas máis importantes será empregar a empresa municipal de vivenda e solo non para adquirir metros e vendelos directamente a quen xoga co prezo do valor do metro cadrado, senón para intervir de forma directa e gardar titularidade sobre as vivendas construidas e ir creando un parque público de vivenda en réxime de aluguer social, atendendo a un criterio de dispersión dentro do tecido urbán e reservando un número determinado de vivendas adaptadas para axudar á autonomía de persoas con discapacidade. Igualmente, reservaranse vivendas para emerxencias sociais.
Tendo en conta que existen en Compostela, segundo o último reconto, máis de 11.000 vivendas baleiras, Esquerda Unida quere elaborar un censo motivado de vivendas baleiras, e en base a dito censo, gravar a vivenda baleira até o máximo que permite a lei para animar a que esas vivendas se incorporen ao parque de aluguer.
As plusvalias que se xeren coa construción de vivendas libres serán directamente redistribuídas na mellora dos servizos públicos. E antes de proceder a novas edificacións, será fundamental unha política activa de rehabilitación de vivendas e acceso ás mesmas.
É fundamental ter activo desde o Concello un censo propio de demanda de vivenda para garantir un equilibrio entre oferta e demanda.
En relación directa coa vivenda, o cabeza de lista por Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron, apelou á necesidade de reformular o PXOM en base á democracia participativa, impulsando técnicas de participación cidadá no eido das decisións públicas en materia de vivenda e ordenación do territorio, e en base ao respecto do Plan de Acción Local da Axenda 21. Estas accións permitirán cohesionar o territorio e definir as reservas de solo necesarias para instalacións educativas, sociosanitarias e culturais de xestión e titularidade públicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario