martes, 30 de enero de 2018

Xuntanza con CCOO



A COORDINADORA COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANTÉN UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DA UNIÓN INTERCOMARCAL DE CCOO SANTIAGO-BARBANZA.

A CC DE EU REITERA O SEU COMPROMISO NA LOITA POR RECUPERAR OS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS ROUBADOS NESTA CRISE-ESTAFA QUE SEGUIMOS A PADECER.

Os membros da Coordinadora Comarcal de EU Compostela, Alexandre Vila Peleteiro e Vicente Vázquez Freire, mantiveron unha xuntanza con representantes de CCOO.
Durante este encontro foron varios os temas expostos polos representantes sindicais que mostraron unha amarga realidade laboral, na que a precariedade e temporalidade marcan un presente e futuro terrible para a clase traballadora.
Como se evidenciou na xuntanza, a comarca de Compostela centra a súa actividade económica principalmente no sector servizos, sendo a hostalería e o comercio os que contribúen, en gran medida, a condicións laborais que non garanten o benestar das veciñas e veciños.

Para a CC de Esquerda Unida é lamentable que, ante os datos económicos que mostran, claramente, que as empresas do sector turístico, na súa maioría, acreditan ascensos nos seus beneficios, as traballadoras e traballadores seguen a padecer, dende horarios ata remuneracións, situacións inadmisibles. Clara mostra disto foron as vivencias que ao sindicato lle constan das camareiras de piso, que mostran, sen lugar a dúbidas, o neoescravismo ao que a crise-estafa que padecemos nos quere conducir.
En relación ao comercio, para a Coordinadora Comarcal a realidade mostra que se está a liquidar o comercio pequeno local, fomentando as franquicias e grandes superficies. Demostrando a estratexia do PP para fomentar leis que axuden ao lucro das oligarquías mentres aniquilan o porvir de moitos homes e mulleres, carentes de calidade de vida antes os baixos salarios e horarios infernais.
Tamén foi tema tratado na xuntanza a realidade do emprego público, que demostra unha alta temporalidade, a erradicar o antes posible, non só para garantir as condicións laborais do funcionariado, senón porque os servizos públicos (sanidade, educación...) prestados coa calidade debida, son vitais para alcanzar unha sociedade xusta. É prioritario derrogar as iniciativas lexislativas auspiciadas por Montoro, que non son máis que unha hipoteca que busca debilitar e/ou desmantelar as Administracións Públicas.
Tamén CCOO, entre outros moitos temas, abordou a industria presente na comarca, reforzando, para a CC de EU Compostela, que é necesaria a unidade da clase traballadora para loitar pola recuperación e conquista dos dereitos laborais e sociais que necesitamos.
Por todo isto a Coordinadora Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera o compromiso da nosa organización para rematar co austericidio que provocan as políticas neoliberais, comezadas polo PSOE e afortaladas polo PP

No hay comentarios: