viernes, 29 de octubre de 2010

Pregunta sinalización vertical paso peóns

O pasado 13 de marzo de 2009 o Consello Comarcal de Esquerda Unida presentou unha moción, que volvemos mostrar a continuación, na que se instaba o concello a implantar a sinalización vertical de todos os pasos de peóns, pois consideramos esta medida moi necesaria para aumentala seguridade e evitar situacións de risco.

Tras comprobar que a nosa petición non foi tomada en consideración, presentamos hoxe unha pregunta na que pedimos o Concello que nos responda se ten previsto acometer as actuacións necesarias para levar a cabo esta implantación da sinalización vertical dos pasos de peóns.

sábado, 23 de octubre de 2010

Protesta pola visita do Papa

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A CESIÓN DE ESPAZO PÚBLICO PARA FINS PRIVADOS .

A CONVERSIÓN DAS PRAZAS PÚBLICAS EN ALTARES MEDIÁTICOS VAI EN CONTRA DA NEUTRALIDADE CONFESIONAL .

Esquerda Unida Compostela solidarízase coas demandas dun grupo de veciños e veciñas do barrio de San Lázaro que amosaron o seu rexeitamento á instalación dunha efixie dedicada ao papa por parte de entes privados no parque público do barrio.

Resulta incomprensible o comportamento do Concello e preguntámonos de que forma se informou ao barrio de dita acción e como esas entidades privadas tramitaron o seu permiso ao Concello.

É intolerable que os veciños e veciñas se enteren pola prensa de asuntos que afectan á súa vida. Esiximos do Concello seriedade e que active de forma plena os órganos de participación –dos que dubidamos que vaian máis aló da propaganda institucional- para que exerzan a súa función informativa e decisoria.

A nosa organización entende que as administracións públicas deben velar pola igualdade confesional consignada no artigo 16 da Constitución. Pero na nosa cidade acontecerá todo o contrario: cédese unha praza pública para situar a efixie do papa que pode ofender, de forma innecesaria, e por diversos motivos de todos coñecidos, a persoas doutros credos. Pero, ademais, as prazas públicas converteranse en altares mediáticos dotados de pantallas xigantes para seguir a retransmisión dun desfile e dunha misa dunha confesión determinada, elevada a rango de dominante.

Con este tipo de accións vaise en contra da parte do artigo 16 da Constitución Española que di que ningunha confesión terá carácter estatal. Vulnérase a necesaria neutralidade que deben gardar as administracións públicas nos espazos públicos. Non é entendible que as crenzas de cada quen privaticen as nosas rúas e prazas públicas: xa teñen os seus templos.

Só o electoralismo e o populismo pode explicar o silencio estratéxico que gardan forzas políticas coma o BNG que se autoproclaman laicas. Con ese silencio defenden a espectacularización dun acto que representa o triunfo da Igrexa no Estado.

A iso, hai que sumarlle toda a mercantilización do propio acto, que vai en contra da cordura, da austeridade en tempos de crise, e dos propios preceptos que se supón di defender o papa.

domingo, 10 de octubre de 2010

Elección Xabier Ron como cabeza de lista

XABIER RON ELIXIDO POR UNANIMIDADE CANDIDATO POR ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE MAIO DE 2011

A Asemblea Local de Esquerda Unida Compostela elixiu onte por unanimidade a Xabier Ron como candidato para as Eleccións Municipais de maio de 2011.

É a primeira vez na historia de Esquerda Unida Compostela que un candidato repite por segunda vez. Dáse así continuidade ao traballo realizado desde as pasadas eleccións municipais de 2007.

Un duro e laborioso traballo realizado desde fóra da institución que é o Concello, pero pensado para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Compostela. Un traballo ancorado na rúa, con vistas a dar solucións a situacións concretas. Ademais, ese traballo demostrou ter incidencia nalgunha das decisións adoptadas polo equipo de goberno do Concello.

Por iso, a agrupación local está ilusionada e agarda que en maio de 2011 se confirme o compromiso da nosa organización co municipalismo desde unha óptica de esquerdas, alternativa e transformadora, que pon as persoas por riba dos intereses mercantilistas.

No mes de decembro de 2010 realizarase un acto público para presentar aos primeiros rostros da candidatura de Esquerda Unida Compostela.

martes, 28 de septiembre de 2010

Mesa Redonda sindicatos

A MESA REDONDA ORGANIZADA POR ESQUERDA UNIDA CONFIRMA O MALESTAR DA CIDADANÍA POLA REFORMA LABORAL E A MASIVA MOBILIZACIÓN QUE GARANTE O ÉXITO NA CONVOCATORIA DE FOLGA.

OS TRES EX-SECRETARIOS XERAIS DE CIG, CCOO E UGT REINVINDICARON UN CAMBIO NAS POLITICAS NEOLIBERAIS QUE AFOGAN A CLASE TRABALLADORA E OS PENSIONISTAS ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CHAMA A PARTICIPACION NOS PIQUETES INFORMATIVOS E NAS MANIFESTACIONS QUE SE LEVARAN A CABO O 29S

Esquerda Unida Compostela agradece a participación da cidadanía na mesa redonda levada a cabo baixo o lema “AS REFORMAS LABORAIS NO ESTADO ESPAÑOL: A IMPORTANCIA DAS MOBILIZACIONS”, e súmase as reivindicacións realizadas polos ex-secretarios xerais de CIG, Fernando Acuña, UGT, Xesús Mosquera e CCOO, Xesús Díaz. Nas intervencións realizadas polos ex-secretarios xerais quedou claro que a contrarreforma laboral levada a cabo polo goberno do PSOE, para ledicia da dereita e da patronal, supón o maior ataque en democracia aos dereitos laborais da clase traballadora, cuxas consecuencias son o aumento da precariedade laboral, a intención de acabar coa negociación colectiva e o descrédito do sistema público de pensións.
No debate posterior os tres poñentes manifestaron a súa preocupación polo ataque inxustificado que se está a levar a cabo contra os sindicatos, ataque que procura que a clase traballadora quede indefensa ante os ataques do capital. Tamén recoñeceron que a unión de acción sindical é moi importante para acadar o éxito na loita por eliminar a inxusta e inxustificada contrarreforma laboral e que o ataque á clase traballadora e aos pensionistas se está a levar a cabo tanto polo Goberno Central como autonómico e, por suposto, pola patronal. Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera o seu chamamento á cidadanía para a mobilización nos piquetes informativos e nas manifestacións que se levarán a cabo, recordando que o día 29 de setembro é o punto de partida das reivindicacións que unicamente rematarán cando se retire a contrarreforma laboral levada a cabo polo goberno de Zapatero e se retorne a unha política social de esquerdas.

viernes, 24 de septiembre de 2010

Organización mesa redonda

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ORGANIZA UNHA MESA REDONDA DE APOIO A FOLGA XERAL COA INTERVENCIÓN DE EX-SECRETARIOS XERAIS DOS SINDICATOS CIG, UXT E CCOO.

O CONSELLO COMARCAL RATIFICA O APOIO DE ESQUERDA UNIDA Á CONVOCATORIA DE FOLGA XERAL EN DEFENSA DOS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA E DOS PENSIONISTAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela organiza o vindeiro luns, día 27, ás 19:15 no centro sociocultural e xuvenil do Ensanche, rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, una mesa redonda baixo o lema “AS REFORMAS LABORAIS NO ESTADO ESPAÑOL: A IMPORTANCIA DAS MOBILIZACIÓNS”, moderada polo noso coordinador comarcal, Xabier Ron, e que contará coas intervencións dos ex-secretarios xerais: Fernando Acuña (CIG), Xesús Mosquera (UXT) e Xesús Díaz (CCOO).

Neste acto, aberto á participación de quen o desexe, EU Compostela prosegue o seu traballo a prol do éxito da folga xeral, reivindicando a importancia que as mobilizacións da clase traballadora tiveron e terán na loita para acadar e manter os dereitos laborais, e denunciando a manipulación informativa que procura o fracaso desta convocatoria.

A contrarreforma realizada polo goberno do PSOE –para ledicia da dereita- mostra unha vez máis a política neoliberal na que vivimos e que ataca os dereitos sociais e laborais acadados tras décadas de loitas e sufrimentos, mostrando, sen lugar a menor dúbida, a crúa realidade que Esquerda Unida ven denunciando desde hai tempo e que fai necesario o cambio a un modelo económico sustentable e solidario, baseado no decrecemento e no fortalecemento dos servizos públicos.

Por todo isto, Esquerda Unida Compostela fai un chamamento á clase traballadora e os pensionista para que se mobilicen o vindeiro mércores 29 e lograr, unha vez máis, que a convocatoria de folga xeral sexa o éxito que xa foron as anteriores convocatorias, provocando o cambio na política levada até o de agora polo goberno do PSOE.



jueves, 23 de septiembre de 2010

viernes, 10 de septiembre de 2010

jueves, 9 de septiembre de 2010

Chamamento manifestación

CHAMAMENTO

MOBILÍZATE POLOS TEUS DEREITOS. POR UNHA SAÍDA DE ESQUERDAS Á CRISE

Prezados veciños / prezadas veciñas
Xa non caben máis renuncias. Xa abonda de deixar facer. De resignarse. De queixarse e non reaccionar. De non actuar é permitir o acoitelamento dos nosos dereitos, do noso futuro.

Os culpables da crise non somos nós, a clase traballadora. Non. Os culpables son outros. Pero saíron ben parados. Ninguén asumiu a súa responsabilidade e mesmo recibiron a axuda do diñeiro público entregado con xenerosidade por parte de quen debía protexer á clase traballadora. Estes auténticos desgobernadores do ben público, a nós, a base real da sociedade, non nos beneficiaron nin axudaron en ningún momento. Todo o contrario. A nós, castígannos con traballos precarios; con temporalidades extremas; con reducións salariais sobre reducidos salarios; co desemprego masivo; co aumento de impostos indirectos que gravan por igual aos que menos teñen ca os que máis teñen, mentres os millonarios agochan os seus beneficios en paraísos fiscais e pode ser amnistiados; coa chantaxe, verdadeira falsidade, de que hai que elevar a idade de xubilación aos 67 anos para manter o sistema; coa destrución sistemática e planificada do noso patrimonio: os servizos públicos, entregándoos a empresas privadas

Os nosos desgobernadores non axustan a carteira dos poderosos. A súa política de axustes é pensar como afogarnos con máis obrigas, con máis impedimentos para vivir con dignidade. E todo legalizado cunha nova reforma laboral que só estenderá aínda máis a nosa indefensión perante a patronal. Non podemos permitilo. É moi importante que sexamos moitos e moitas este domingo 12, que vexan que non imos calar. Todos xuntos podemos impedilo. Temos que recuperar a iniciativa fronte a esta política de desmantelamento dos nosos dereitos, do noso futuro, da nosa dignidade.


PORQUE HAI ALTERNATIVA.
LOITEMOS XUNTOS POLOS NOSOS DEREITOS


DOMINGO 12 DE SETEMBRO DE 2010
ÁS 12H, NA ALAMEDA DE COMPOSTELA

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Manifestación "Por unha saída de Esquerdas á crise"

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a participar, este domingo día 12 ás 12:00, na manifestación "Por unha saída de Esquerdas á crise".