miércoles, 12 de diciembre de 2007

COMUNICADO DE APOIO E SOLIDARIEDADE Á FAMILIA DE IRENE FERNÁNDEZ E DOS VECIÑOS E VECIÑAS DE MILLADOIRO

Esquerda Unida-IU da comarca de Compostela e o Consello Local de Ames desexan manifestar co presente comunicado en primeiro lugar o noso máis sinceiro pésame e todo o seu ánimo para a familia da nena Irene Fernández, falecida despois dun atropelo na Avenida Rosalía de Castro da localidade de Milladoiro. En segundo lugar, desexamos comunicar que poñemos a disposición da familia afectada todos os recursos dos que dispón Esquerda Unida-IU, incluído o seu gabinete de recursos xurídicos. Finalmente, manifesta que estará cos veciños e veciñas de Milladoiro na concentración pacífica de máñá mércores ás 19h

É triste que sempre teñan que acontecer sucesos tráxicos para que as autoridades competentes tomen nota e se apliquen na tarefa de poñer remedio á situación insostible de falta de seguridade viaria que sofre a localidade de Milladoiro. Ao longo do día, os veciños e veciñas de dita localidade ven como milleiros de vehículos cruzan a Avenida de Rosalía de Castro, convertida en estrada nacional dirección a Pontevedra ou Santiago. Por iso, o chamado que realiza a asociación veciñal Seidón de circunvalación, reurbanización e desvío de tráfico pesado da avenida é un chamado á simple lóxica que desde Esquerda Unida-IU respaldamos.

Santiago, 11 de decembro de 2007