viernes, 28 de marzo de 2008

Moción "Creación dun Servizo de Mediación da Veciñanza

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
 En ocasións, os ritmos da vida cotiá conlevan a aparición
de conflitos de pequena intensidade entre veciños que se
poderían xestionar de forma civilizada e racional, impedindo
que se enquisten de forma negativa no xeito de percibir
tal relación e a propia convivencia.

Sendo esta unha cidade universitaria é moi habitual
que xurdan problemas relacionados co ruido. A canalización,
as máis das veces, faise de forma cáseque exclusiva a través
da denuncia policial, sen que se produza un diálogo entre as
partes confrontadas e sen que, no fondo, se chegue
á resolución do conflito.

Por iso, Esquerda Unida entende que é preciso un espazo
dirixido aos veciños da cidade, de carácter gratuíto, para a
resolución pacífica de conflitos. Trátase de fomentar o compromiso
cívico cidadán e reforzar a convivencia cun novo modelo para xestionar
as situacións conflitivas.

A mediación é un proceso de resolución de conflitos onde un
terceiro imparcial (o mediador) axuda aos implicados a buscar
alternativas para resolver o problema formulado, baseándose na
comunicación, o respecto e a colaboración das partes implicadas.

Os obxectivos deste novo servizo serán:
a) Prevención de conflictos;
b) Resolución antes do agravamento de conflictos entre veciños;
c) Resolución extraxudicial de problemas entre veciños;
d) Establecemento dun sistema público, universal, permanente e
gradual para a resolución de conflictos.


A tipoloxía de conflito á que se dedicará serán:
a) Conflitos veciñais relativos á utilización de espazos e mobiliario público;
b) Conflitos de convivencia entre veciños;
c) conflitos de convivencia entre comunidades de veciños.


Quedarían excluídos deste servizo de mediación
os seguintes conflitos:
a) Conflitos intrafamiliares;
b) conflitos onde unha das partes sexa o Concello;
c) conflictos escolares.
As súas principais características sendo a gratuidade do servizo;
a rapidez; o carácter voluntario polas partes confrontadas;
a imparcialidade e a confidencialidade.
O Equipo profesional
Estará formado por avogados, sicólogos e traballadores sociais
especializados en técnicas de comunicación e xestión de conflitos
que axudarán guiando a negociación para chegar a un acordo sen
tomar decisións, sempre velando polo equilibrio.
Entre as súas funcións estará a de emitir un informe de carácter
anual sobre o funcionamento de dito servizo, onde consten datos
cuantitativos e cualitativos sobre o seguemento das distintas
resolucións adoptadas
Solicitude do servizo de mediación
Para o coñecemento do conflito habilitarase un teléfono gratuito
para que unha ou ambas partes opten polo servizo de mediación.
Outras vías de solicitude serán: o informe de incidencia policial
co consentemento informado de ambas partes; a solicitude vía
enderezo electrónico dunha ou das dúas partes confrontadas.
 A opción da mediación non implica a imposibilidade de apelar
a outros recursos como a xustiza. Unicamente trátase de intentar
solucionar aquelo que nos preocupa e molesta dunha forma razoable,
próxima e estable.
Nunha segunda fase, unha vez que o servizo de mediación xa teña
consolidada a súa funcionalidade, e co fin de que a cidadanía poda
participar na observación e mesmo na conformación efectiva do servizo
de mediación, o Concello poñerá en marcha Talleres de Formación en
resolución de conflitos para que as persoas que o desexen poidan
achegar a súa axuda ao propio servizo de mediación.

En base ao anterior proponse ao Pleno do Concello de Santiago
que adopte o seguinte:

ACORDO

1.
Creación dun Servizo de Mediación Veciñal coas características
enumeradas e descritas na exposición de motivos.

Santiago, 28 de marzo de 2008





No hay comentarios: