Hoxe rexistramos a seguinte moción no Concello, para que sexa tratada no Pleno do mes de xuño, e se non é tratada polo menos para que se tela en conta e se faga algo ao respecto:
MOCION
Instalación de sinalización vertical na rúa Touro no barrio da Almáciga
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Desde hai uns anos o barrio da Almáciga coñece un constante incremento de tráfico rodado que, tendo en conta a fisionomía de certas rúas, caracterizadas nalgún caso por pendentes moi acusadas, eleva a inseguridade viaria no barrio, tal como deixan constancia os veciños e veciñas.
En días de choiva, os pasos de peóns, ao non estar o suficientemente ben sinalados, pasan desapercibidos para o tráfico rodado, ocasionando situacións de risco ás que cómpre dar unha solución que faga da seguridade viaria a súa máxima.
Esta situación é a que se dá na rúa Touro. Cando escurece ou cando a climatoloxía é adversa para a visibilidade dos condutores, estes pasos de peóns indebidamente sinalados constitúen, en realidade, un perigo para os peóns.
Na mesma rúa Touro, na súa confluencia coa Travesa da Pastoriza, dáse unha situación de elevada perigosidade, xa que esta Travesa se caracteriza por un desnivel moi pronunciado e cun firme moi irregular e a incorporación á rúa Touro faise nunha situación de dúbida para os condutores ante a ausencia de sinal orientador.
En base a todo o anterior, proponse ao Pleno do Concello de Santiago que adopte o seguinte:
ACORDO
1) A instalación de sinais verticais con luminosidade para os pasos de peóns para favorecer a visibilidade dos condutores e mellorar a seguridade dos peóns cando as condicións son adversas.
2) A instalación dun sinal de ceda o paso á altura do nº 11 da rúa de Touro para favorecer a fluidez circulatoria e disipar as dúbidas dos condutores que se incorporan á mesma desde a Travesa da Pastoriza minimizando deste xeito o risco de accidentes (adxuntamos mapa).
A moción foi acompañada cun mapa da zona sinalando a colocación exacta do ceda o paso.
Santiago, 30 de maio de 2008
No hay comentarios:
Publicar un comentario