jueves, 26 de junio de 2008

Por unha función pública de calidade, loitemos contra a externalización e o neoliberalismo

Esquerda Unida apoia a concentración deste xoves 26 ante
o Pleno do Concello ante a contratación de novos asesores
e 6 Directores de Área por parte do Concello.
 
A Administración pública determina a existencia cotiá de toda a
cidadanía, polo tanto, ten que ser obxectiva e imparcial, e desde
logo garantir a profesionalidade dos traballadores que a integran.
 
Hoxe, a patrimonialización política practicada polos axentes do
neoliberalismo (de feito dáse en todos os ámbitos, desde a
Administración local ata a Autonómica e mesmo na Universitaria)
no proceso que se dá en chamar "externalización", é dicir,
encomendar a empresas privadas estudos ou xestións propias
de funcionarios públicos mediante contratos, infravalora a
capacidade de traballo do funcionario público, amais de aumentar,
de forma innecesaria, a contía de diñeiro público destinada a
axentes externos. Diñeiro que debera ir cara outros eidos
(igualdade de oportunidades, acondicionamento e humanización
de barrios, etc) máis necesitados e dos que sempre se afirma
que non hai diñeiro para executar as súas accións.
 
Semella que non doe o desbaldimento de diñeiro público.
Hoxe, cando mesmo o Goberno chama á austeridade o noso
Concello ignora a mesma e aumenta o diñeiro destinado a
esta “externalización”. A “fichaxe” de Directores de Área,
cun Nivel 30 e unhas retribucións anuais de 65000 euros brutos,
que unicamente son asesores, converte en cargos políticos
postos que deberían ser funcionariais. Prodúcese un cambio
pois no sistema de nomeamento, eludindo así procesos selectivos
que avalíen os seus coñecementos e a súa capacidade, así
como a carreira profesional. Triunfa, unha vez máis, o “chiringuitismo”
e perde, unha vez máis, a función pública.
Esquerda Unida chama aos sindicatos do Concello a que reactiven
a Plataforma en defensa dos Servizos Públicos creada en novembro
de 2007. O público está caendo fronte ao privado. O funcionariado
vése así desprezado e devaluado, chegando mesmo a erosionar a
súa credibilidade e valía profesional.

Santiago, 26 de xuño de 2008

No hay comentarios: