ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A POLÍTICA DO LADRILLO, UNHA DAS CAUSAS DA CRISE, SENDO SANTIAGO ÚNICA CIDADE DE GALICIA ONDE OS PREZOS AUMENTAN.
EU MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN Á MODIFICACIÓN DO PXOM QUE SUPÓN MÁIS AUMENTO DE VIVENDAS NA CONTORNA RURAL DO CONCELLO .
EU MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN Á MODIFICACIÓN DO PXOM QUE SUPÓN MÁIS AUMENTO DE VIVENDAS NA CONTORNA RURAL DO CONCELLO .
Esquerda Unida Compostela sempre defenderá o dereito constitucional de cada persoa a unha vivenda digna. Unha das maiores obrigas que han de rexer as actuacións que leven a cabo os concellos, como poder público que son, é promover as condicións e as normas precisas para facer efectivo ese dereito, tal como di o artigo 47 da Constitución Española.
Para que este dereito sexa real, desde Esquerda Unida Compostela levamos propoñendo con insistencia desde hai anos que o concello de Compostela poña en marcha políticas activas de vivendas sociais. Entre outras moitas medidas posibles, é prioritaria a creación dun parque público de vivendas en réxime de aluguer cun prezo xusto, isto é, cun prezo non ditado polo mercado que só quere maximizar a toda costa a marxe de beneficios. Outra medida, que xa rexistramos como moción no concello, é a elaboración dun censo de vivendas baleiras, practicando a estas vivendas unha recarga no IBI até o máximo que permita a lei, co fin de “incentivar” a súa incorporación a ese parque público.
O que provoca e provocará sempre o maior rexeitamento por parte do Consello Comarcal de EU, é o modelo urbanístico do actual equipo de goberno que só beneficia aos axentes do capital (promotores inmobiliario, empresas construtoras, mediadores, bancos e entidades financeiras, taxadores, etc.) que especularon co valor do solo e a construción e encareceron até a imposibilidade o acceso a unha vivenda digna. Sirvan de proba os datos que certifican que Compostela é a única cidade galega onde aumenta o prezo da vivenda nova e onde se rexistran os prezos de aluguer máis elevados, e iso a pesar de que a meirande parte do construido na cidade foi vivenda de protección oficial...pero claro, cuns prezos acordes ao mercado e aos seus axentes capitalistas. O concello como poder público debe, por imperativo constitucional, exercer de forma activa un control da especulación para freala e limitala ao máximo posible.
Temos serias dúbidas de que o anuncio realizado desde o concello de aumentar a densidade de vivendas en 18 solos urbanizables non delimitados de Compostela responda a ese imperativo constitucional. O argumento empregado para xustificar dito aumento non o podemos compartir, xa que o problema real non é a porcentaxe (40%) de vivendas de protección oficial que os construtores teñen que reservar e ofrecer, senón a propia compra-venda especulativa sobre o solo e a propia construción, que considera a vivenda non un valor de uso senón de cambio. Os prezos resultantes son os do lucro, non os da xustiza social. Así, nestes tempos de crise e naufraxio, non pode resultar abraiante que aumente o número de persoas que se ven “expulsadas” do acceso a unha vivenda digna, sexa en réxime de propiedade, sexa de aluguer.
Por riba, o anuncio do concello vai contra a racionalidade pública e ecolóxica. Insístese no modelo de cidade difusa, con todos os problemas que xera en cuestión de provisión de servizos e aumenta o deterioro medioambiental.
Dende Esquerda Unida Compostela queremos recordarlle ao equipo de goberno do Concello que a súa función non é velar polos beneficios privados de promotoras e construtoras, senón que debe actuar en beneficio do interés xeral das persoas, exercer de poder público para controlar a especulación e desenvolver políticas activas de vivendas sociais para cumprir co artigo 47 da Constitución Española.
Febreiro 2011.
No hay comentarios:
Publicar un comentario