miércoles, 31 de octubre de 2012

Moción despatoloxización transexualidade





O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ten entre as súas prioridades colaborar na loita por acadar o respeto e recoñecemento á liberdade sexual e afectiva de cada persoa.

Outubro foi un mes de loita pola despatoloxización das identidades trans. Nesta data houbo convocadas concentracións en máis de 60 cidades de Africa, Asia, Europa, Latinoamérica e Norteamérica, demandando que a OMS (Organización Mundial da Saúde) deixe de considerar a transexualidade como unha enfermidade mental nos Manuais Internacionais de Diagnósticos.


Ese día (20 de Outubro) e a súa reivindicación son apoiados por un gran número de institucións políticas internacionais, gobernos, concellos e sociedades científicas, con resolucións entre as que destacan: o Informe Temático “Dereitos Humanos e Identidade de Xénero” do Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, a Recomendación CM/Rec (2010) 5 do Comité de Ministros do Consello de Europa, a Resolución 1728 (2010) da Asamblea Parlamentaria do Consello de Europa e as Declaracións de Dereitos Humanos de Thomas Hammarberg: “Leis claras necesarias para protexer ás persoas trans da discriminación e do odio” (26 de xullo de 2011); así como declaracións de diferentes gobernos, entre eles o Goberno Español, os Ministerios de Exteriores e de Sanidade de Francia e a Xunta Nacional de Saúde e Benestar de Suecia. O Congreso Nacional de Psiquiatría celebrado en Oviedo en novembro de 2011, contou coa presenza dun enviado da OMS, Greffrey Reed, quen declarou os planes de excluir ás persoas transexuais da lista de enfermos mentais na próxima revisión da clasificación internacional de enfermidades (CIE-11) prevista para 2014. En xullo de 2012, a APA (Asociación de Psiquiatría Americana) deu a coñecer que a transexualidade deixará de ser considerada unha enfermidade mental en EE.UU.

O colectivo transexual atópase este ano especialmente preocupado polas informacións que indican que o Ministerio de Sanidade podría estar baraxando poñer o foco dos seus recortes en prestacións sanitarias como a ciruxía de reasignación de sexo, posibilidade que xa foi rechazada por varias organizacións LGTBI.
Ademais as asociacións de persoas transexuais levan anos denunciando a deficiente atención que prestan as UTIX (Unidades de Trastorno de Identidade de Xénero) nos hospitais públicos. Según o texido asociativo danse demoras excesivas nas citacións,  desenvólvense evaluacións psicolóxicas que violan os protocolos “standares”, utilízanse test sexistas, heterosexistas e desfasados, etc.

Esta situación provoca que moitas persoas acaben abandoando o proceso na sanidade pública, recurrindo á atención privada ou á autohormonación, cos graves riscos que iso conleva para a saúde.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.-Instar ao equipo de goberno a unirse ao manifesto da Rede Internacional pola Despatoloxización Trans (adxunto).

Segundo.-Instar ao Goberno autonómico ao desarrollo dunha Lei Integral de Transexualidade que recolla as demandas das persoas transexuais.

Terceiro.-Instar ao Goberno de España a defender en todos os foros internacionais sobre a materia a despatoloxización da transexualidade.

Cuarto.-Instar ao Goberno de España a manter a prestación sanitaria de todo o proceso transexualizador, incluida a ciruxía de reasignación de sexo.

martes, 30 de octubre de 2012

Pregunta venta piso público



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova pregunta ó equipo de goberno para ser repostada por escrito, nesta ocasión desexamos saber se o PP local comparte a actuación da Xunta respecto a un piso da súa propiedade, que posto que non lle atopou utilidade pública decidiu poñelo a subasta.

Aquí tedes o texto da pregunta:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendeu, defende e defenderá que todas as Administracións Públicas deben colaborar entre si para velar polos dereitos da cidadanía.

Pero unha vez máis na nosa cidade demóstrase a faciana antisocial do PP, ó permitir á Xunta que un piso da súa propiedade sexa subastado dado que, segundo o criterio conservador do Partido Popular, non o necesitan para uso público.

É inadmisible e lamentable, máis aínda no momento de crise no que nos atopamos, que unha Administración Pública declare que a unha vivenda sexa imposible darlle un uso público, e deixar este patrimonio da cidadanía nas mans do lucro privado da especulación urbanística.

lunes, 29 de octubre de 2012

Valoración Pleno outubro



VALORACIÓN DO PLENO DO 25 DE OUTUBRO DE 2012

Proseguindo co traballo municipal do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, o seu secretario de comunicación, Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Como é habitual en todos os Plenos comezouse pola protocolaria aprobación de actas, nesta ocasión foron dúas.

O terceiro punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e en contra do BNG e PSdeG, versaba sobre unha modificación puntual da ordenanza reguladora de publicidade e rotulación.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela “sorpréndenos” que unha ordenanza aprobada o pasado 26 de abril xa deba ser modificada, salvo que, como xa manifestaramos, esta ordenanza represente un pretexto para a liberalización total da publicidade na cidade, e polo tanto suxeita ás modificacións que as empresas publicitarias indiquen ó equipo de goberno.

Por suposto, estamos en contra desta ordenanza, e por tanto desta modificación, que por exemplo permite soportes publicitarios de até 24 metros, dobrando os 12 que ditaba a ordenanza en abril.

Entendemos que se debe regular a rotulación dos negocios e de certos soportes publicitarios, pero segundo criterios de racionalidade e non a liberalización que pretende o PP.

O cuarto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP en contra do BNG e coa abstención do PSdeG, tratou sobre a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza de ocupación e uso da vía pública.

Grazas a mobilización cidadá que esta polémica ordenanza xerou, conseguiuse que o texto aprobado onte sexa menos lesivo para a liberdade de expresión, dado que se conseguiu eliminar as taxas que se pedían pola colocación de mesas informativas.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos o noso rexeitamento a esta ordenanza xa que, entre outros motivos, segue manténdose a discrecionalidade permitindo que o goberno local poida ser máis ou menos flexible segundo a asociación que pida as autorizacións. 

Rexeitamos tamén que para a realización de certos actos públicos na rúa esixa unha garantía - é dicir, o que con anterioridade se chamaba fianza- pois pode representar atrancos para as asociacións á hora de realizar a súa actividade ó aire libre.

O Pleno proseguiu coa aprobación, grazas ós votos a favor do PP e a abstención do BNG e PSdeG, dun expediente de modificación de créditos para a adquisición de mobiliario urbano, rematando este Pleno coa designación dun novo membro da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, con dous puntos de dar conta e un rogo do BNG.

martes, 23 de octubre de 2012

Valoración resultados electorais



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA AGRADECE O APOIO AOS MILLEIROS DE PERSOAS QUE CONFIARON NO PROXECTO POLÍTICO E SOCIAL QUE SUPÓN ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RATIFÍCASE NA NECESIDADE DE MANTER A LOITA ANTICAPITALISTA DENDE A UNIÓN DA ESQUERDA ALTERNATIVA E TRANSFORMADORA

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela valora moi positivamente o gran resultado obtido por Alternativa Galega de Esquerda tanto a nivel galego como comarcal, que acreditan a necesidade desta alternativa ao sistema económico e social que hoxe en día nos abafa. Desde o Consello Comarcal de EU Compostela reiteramos a necesidade, polo ben da cidadanía, de mudar por completo as políticas neoliberais que provocaron esta crise.

A pesar de ser unha coalición incipiente, a pesar da escaseza de recursos, fomos quen, grazas ao enorme traballo realizado por militantes e simpatizantes, e grazas a candidatos como Beiras e Yolanda, cun discurso claro e directo, de introducir elementos de ruptura e superar a polaridade electoral tradicional.

Non podemos deixar de subliñar que, grazas a un sistema electoral legal pero inxusto, o PP acada maioría absoluta pese a perder a confianza de máis de 135.000 galegos e galegas.

A nivel comarcal recibimos con gran satisfacción o resultado electoral que, por exemplo, sitúa a AGE como segunda forza política en Santiago con máis de 11.000 votos. Un resultado que debuxan no horizonte unhas moi boas expectativas para que, nun futuro próximo, a esquerda alternativa e transformadora estea representada no Concello de Compostela.

Cómpre destacar tamén os magníficos resultados obtidos en Teo, onde se rozou o 27% dos votos, ou Ames onde Alternativa Galega de Esquerda tamén se posicionou como a segunda forza política superando os 3.000 votos.

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos a nosa gratitude a todas aquelas persoas que depositaron a súa confianza en AGE, e reiteramos, unha vez máis, que Esquerda Unida se manterá firme na loita por unha democracia real, na que se defendan os dereitos laborais e sociais das persoas e non o lucro dos mercados, e na que a participación da cidadanía suporá moitísimo máis que depositar cada catro anos un voto nunha urna.

lunes, 15 de octubre de 2012

Uso público antigas instalacións aeroporto



O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA A INEFICACIA DO GOBERNO LOCAL COAS  ANTIGAS INSTALACIÓNS DO AEROPORTO

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DE DARLLE USO PÚBLICO AS INSTALACIÓNS DO ANTIGO AEROPORTO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestou, mediante unha pregunta, o pasado 12 de xaneiro a necesidade de que calquera inversión pública en instalacións manteña sempre unha utilidade que satisfaga as necesidade das persoas e non ó lucro da especulación.

Mais como se pode comprobar esta proposta é inviable para o equipo de goberno local do PP, pois ademais de deixar esmorecer o antigo hospital de Galeras, sen procurar darlle unha utilidade social e pública, como unha residencia de maiores ou universitaria, estes días se cumpre un ano do abandono das antigas instalacións do aeroporto, sen que, polo menos publicamente, haxa un proxecto claro para darse algunha utilidade.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, unha vez máis, reiteramos que a Administración Local non pode perder a oportunidade de realizar os esforzos necesarios para empregar o edificio e terreos do antigo aeroporto en beneficio da cidadanía, abrindo de inmediato o pertinente debate co tecido asociativo da cidade para atopar o mellor uso público posible para estas instalacións.

Por suposto, tal e como xa manifestaramos, Esquerda Unida Compostela non tolerará que as instalacións a conta do erario público acaben, pola desidia ou interese de calquera Administración Pública, para uso lucrativo privado en lugar de prestar algún dos moitos servizos que a cidadanía demanda.

lunes, 1 de octubre de 2012

Valoración Pleno setembro



VALORACIÓN DO PLENO DO 27 DE SETEMBRO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal desta organización acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou coa protocolaria aprobación de catro actas anteriores, proseguindo a sesión ordinaria co quinto punto da orde do día, unha proposta da Alcaldía de eliminar a paga extra de nadal ao alcalde, concelleiros con dedicación exclusiva e directores de área que foi aprobadoa por unanimidade.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o PP afrontou o debate desta medida con demagoxia, e non deixa de ser lamentable que o equipo de goberno se escude na solidariedade co funcionariado para practicar política cosmética.

Obviamente a solidariedade do PP explícase porque é o brazo executor das políticas neoliberais. Para EU non só non se debe seguir cos recortes no Público, dende salarios até os servizos que se prestan, se non que só un cambio profundo de sistema, dende o sistema impositivo até o troco de modelo produtivo, é o que debe conseguir a saída xusta e igualitaria desta crise.

O sexto punto da orde do día foi unha proposición do BNG respecto a estación intermodal do Hórreo rexeitada cos votos en contra do PP e a favor do BNG e o PSdG.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é clara a necesidade dunha estación intermodal, que artelle de forma eficiente o transporte público por autobús e tren de proximidade, o que non compartimos son os disparates do PSdeG de aproveitar esta necesaria infraestrutura para edificar hoteis, centros comercias, é dicir, perpetuar o sistema especulativo do ladrillo, un dos causantes desta crise, como tampouco a ocurrencia do PP de levar a estación ó aeroporto.

O Pleno proseguiu coa unión de dúas iniciativas do BNG e o PSdeG sobre as preferentes, que non saíron adiante polo voto en contra do PP.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela critica a esterilidade do debate ofrecido polos tres grupos políticos nun Pleno que contou coa presenza de varias persoas afectadas pola fraude das preferentes, ratificando que o problema non se soluciona parcheando e correxindo determinadas actuacións da banca privada, senón que é necesario a creación dunha banca pública, que se articule baixo os principios da ética e da economía social.

O noveno punto da orde do día foi unha proposición do PSdeG relativa á gratuidade dos libros de texto e axudas ás familias, que non foi aprobada debido os votos en contra do PP.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela en tempos de crise, onde os salarios minguan de forma vertixinosa e a protección dos servizos públicos esmorece, coa inclusión do pago de servizos que se denominan complementarios (en sanidade e educación), a gratuidade de libros de texto e do material complementario que emprega o profesorado debe ser unha prioridade, e o concello pode e debe contribuír a dita prioridade.

O Pleno rematou con protocolarios puntos da orde do día de dar conta, con dous rogos do BNG sobre cuestións urbanísticas e outro do PSdeG sobre protocolo, e con 3 mocións do BNG e outra do PSdeG que nin foron debatidas o non pasar o trámite de urxencia polos votos en contra do PP.