martes, 23 de octubre de 2012

Valoración resultados electorais



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA AGRADECE O APOIO AOS MILLEIROS DE PERSOAS QUE CONFIARON NO PROXECTO POLÍTICO E SOCIAL QUE SUPÓN ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RATIFÍCASE NA NECESIDADE DE MANTER A LOITA ANTICAPITALISTA DENDE A UNIÓN DA ESQUERDA ALTERNATIVA E TRANSFORMADORA

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela valora moi positivamente o gran resultado obtido por Alternativa Galega de Esquerda tanto a nivel galego como comarcal, que acreditan a necesidade desta alternativa ao sistema económico e social que hoxe en día nos abafa. Desde o Consello Comarcal de EU Compostela reiteramos a necesidade, polo ben da cidadanía, de mudar por completo as políticas neoliberais que provocaron esta crise.

A pesar de ser unha coalición incipiente, a pesar da escaseza de recursos, fomos quen, grazas ao enorme traballo realizado por militantes e simpatizantes, e grazas a candidatos como Beiras e Yolanda, cun discurso claro e directo, de introducir elementos de ruptura e superar a polaridade electoral tradicional.

Non podemos deixar de subliñar que, grazas a un sistema electoral legal pero inxusto, o PP acada maioría absoluta pese a perder a confianza de máis de 135.000 galegos e galegas.

A nivel comarcal recibimos con gran satisfacción o resultado electoral que, por exemplo, sitúa a AGE como segunda forza política en Santiago con máis de 11.000 votos. Un resultado que debuxan no horizonte unhas moi boas expectativas para que, nun futuro próximo, a esquerda alternativa e transformadora estea representada no Concello de Compostela.

Cómpre destacar tamén os magníficos resultados obtidos en Teo, onde se rozou o 27% dos votos, ou Ames onde Alternativa Galega de Esquerda tamén se posicionou como a segunda forza política superando os 3.000 votos.

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos a nosa gratitude a todas aquelas persoas que depositaron a súa confianza en AGE, e reiteramos, unha vez máis, que Esquerda Unida se manterá firme na loita por unha democracia real, na que se defendan os dereitos laborais e sociais das persoas e non o lucro dos mercados, e na que a participación da cidadanía suporá moitísimo máis que depositar cada catro anos un voto nunha urna.

No hay comentarios: