viernes, 24 de agosto de 2007

Para Esquerda Unida o Concello debe ser garante e prestador de servizos públicos

“El Concello está concebido para gestionar bienes, no prestaciones como las de servicios sociales que exigen soluciones a problemas de corto plazo y que precisan agilidad en la gestión y capacidad para obtener recursos por vías diferentes a las del presupuesto municipal”

Ante estas declaracións de Mar Martín, responsable da área de Benestar Social, sobre a función do Concello como organismo, a pesar de que obedecen a unha clara estratexia da política tanto socialista (sic) como nacionalista, non deixan de resultar, para nós, erradas no seu fundamento.

En Esquerda Unida temos moi claro que o que a cidadanía escolleu o pasado 27 de maio foi aos seus representantes na Casa do Pobo. E o fai, non para que se efectúe unicamente un reparto de diñeiro por áreas, senón para que estes representantes leven ás súas vidas a consecución da igualdade de oportunidades entre todas as persoas e trasladen aos fogares un pouco do celebrado (pero debilitado) Estado do Benestar.

De todos os entes públicos responsables (fondos europeos, Estado, Nación, Deputación e Concello), o Concello é o máis próximo na vida cotiá dos veciños e veciñas. Por iso, aspectos coma un transporte público eficaz e eficiente, un ensino público nivelador e integrador, unha cultura accesible para e de todos e todas, o fortalecemento da sanidade pública, e o fomento da corresponsabilidade veciñal na adopción de decisións, entre outras, son parte integrante da tarefa directa que debe levar a cabo o Concello. Entre esas outras tarefas está a de dotar ao Concello duns Servizos Sociais fortes, integradores, niveladores, que tendan á universalidade...se realmente son o Cuarto Píar do Estado de Benestar, como se afirma desde o poder establecido hoxe.

Non eliximos simples técnicos ou xestores de bens, para iso convocaríamos unha oposición para que se demostrase o mérito e a capacidade das persoas. Escollemos ás persoas que mellor –ou polo menos esa é a vana esperanza- van incarnar na Casa do Pobo a defensa dos intereses e dereitos do Pobo.

O Concello é, xa que logo, o primeiro garante e prestador de servizos públicos. 88 concellos galegos experimentan nas súas rúas hoxe o que significa privatizar / externalizar un servizo básico coma o da recollida do lixo. E logo ven o “bombeiro” (Xunta) a apagar o lume creado unicamente polos Concellos ao privatizar o servizo.

Pero, non é de abraio, xa que, no fondo, a visión da concelleira non deixa de ser mercantil e empresarial. En consecuencia, dubidamos moito do carácter de servizo público dese Instituto/ Fundación “axil” e con “capacidade”. Mediante que máxicas vías acadará diñeiro unha entidade verdadeiramente pública e que non puidese conseguir de forma directa o Concello? Ao final, veremos a quen lle botará a culpa o Concello cando a promoción da autonomía das persoas en situación de dependencia estea sen desenvolver. Perigosa visión a que nos traen os “xestores de bens” que non son quen de achegar solucións a curto prazo aos retos sociais que está presentando este inicio de século XXI.

24 de agosto de 2007

No hay comentarios: