domingo, 4 de noviembre de 2007

Información sobre o Pleno do Concello de Santiago do 25 de outubro de 2007

Despois de reflexionar sobre a información que se transmitiu no Pleno do 25 de outubro, corresponde agora verter o resultados das mesmas.

En primeiro lugar, cómpre afirmar que os Plenos xa non son o lugar máis importante da vida política representativa e participativa: todo vén demasiado cociñado do forno oculto das xuntas de goberno e das distintas comisións lembremos non públicas.

En segundo lugar, o realmente importante é que o espazo non é o idóneo para favorecer a participación: moi bonito si, pero estreito e un tanto incómodo para medios e para o público en xeral.

En terceito lugar, o debate só existe porque o PP o anima.

QUE ASPECTOS DESTACAMOS DE INTERESE PARA COMPOSTELA?

* A orde do día incluía 11 puntos. Asspecto este que leva a unha reflexión, certo é de tipo persoal, de quen escribe: os Plenos para ser realmente funcionais non poden incoporar moitos puntos na orde do día. Por iso, en tempos en que a burocracia dorme a iniciativa popular...unha pregunta ousada e que seguro será recriminada: son realmente imposibles dous plenos ordinarios ao mes: un cada quince días?

* Vaiamos aos feitos:
1) As actas non se len en público: apróbanse sen máis (polo menos a que tivemos a oportunidade de "non escoitar")

2) O irmanamento coa Comuna de Assisi foi aproveitada para realizar unha semblanza da orde franciscana (Bugallo) e do peso que ten na traditio compostelá. Preténdese facer o acto o 24 de xullo no Salón Carlos V de San Francisco, como non.

3) As modificacións orzamentarias para a adquisición de material para a policía local, de mobiliario para as novas dependencias do edificio de Benestar Social, e do Auditorio, deron lugar a unha acusación de imprevisión por parte do grupo municipal do Partido Popular.

Interesante saber que o Auditorio nos custa 2 millóns de euros + 500.000 euros do Consorcio + 300.000 de Caixa Galicia e outras entidades = 2.800.000 euros. Isto é, diñeiro público, primordialmente, do que se destina 1 millón a gastos fixos. Pregunta de novo indiscreta: pagan todos os membros do Concello, Consorcio e outros as entradas aos eventos principais? Canto diñeiro se vai en invitacións?

4) No tocante ao aumento (IPC interanual setembro 2006-setembro 2007) nas taxas principais, quen escribe tivo que asistir -cáseque atónito- a como era o voceiro do PP quen facía unha defensa da contención en impostos indirectos en clave de defensa da clase traballadora, xa que o clima político a nivel macro non era nada optimista. Loxicamente, os representantes da socialdemocracia dicían que o clima era máis optimista. Por iso, desde Esquerda Unida, doadamente apoiaríamos a contención na taxa da grúa municipal, na do servizo de augas, na do lixo -non así na da tracción mecánica-, reclamando como se fixo desde o PP que as concesionarias melloren os servizos que prestan.

E máis se temos en conta que o Concello quere entregar en mans privadas ata un 45 % do montante total das multas de tráfico: non favorecerá iso que se actúe de forma inapropiada? non sería preferible que o diñeiro colleitado beneficiase a prestación de servizos públicos e non a unha empresa privada? Para Esquerda Unida resulta claro que si.

Unha crítica a realizar: os políticos actúan no Pleno como se falasen para eles. Por exemplo, as ordenanzas eran enumeradas en base á súa codificación. Un profano non ten porque saber de memoria con que concepto se identifica cada un dos códigos. Un exemplo máis de que, en realidade, a participación do pobo, é unha solemne falacia que empregan os que representan á democracia representativa.


5) O Plan Xeral de Ordenación Municipal (aprobación definitva parcial con obxeccións da Xunta a varias áreas que se queren urbanizar) deu lugar a intervencións interesantes:

- O bipartito para criticar ao bipartito (da Xunta: o ditame facíase para "establecer un precedente", dicía Néstor Rego)

- o PP, en voz de Ricardo Borregón, para amosar a súa precoupación por propietarios e por promotores, ao mesmo tempo que criticaba ao bipartito (falta de coordinación entre Medio Ambiente e Política Territorial).

- Todos para apelar á defensa a ultranza do PXOM na súa formulación íntegra: incluido os 300 chalés de Bando e seu Campo de Golf. Néstor falaba do "perfil ambicioso en protección de espazos" (sic) que concede o Plan... coa creación de 36.000 vivendas previstas.

Loxicamente, Esquerda Unida está en contra dun Plan destas medidas que quere crecer sen desenvolver; que quere estender sen compactar; que quere dispersar o cemento (Bando é un claro exemplo de dispersión da contaminación medioambiental). Todo se fundamenta na previsión construtora como fonte de traballo e de ingresos para o Concello. Erro de previsión que veremos en menos de 5 anos en que desemboca. Fálase do 40% de vivenda social, pero vai haber mais dun 60% de vivenda libre. Isto nun contexto de perda demográfica, de escasa atractividade para a poboación inmigrante, de migración de man de obra a terras que remuneran mellor xornadas abafantes e de constante fuxida de persoal cualificado a terras mellor remuneradas. E con máis de 7.000 vivendas baleiras.

Tanta é a paixón de Bugallo que mesmo avanza un contencioso no caso de que o que aporebe de forma definitiva a Xunta non sexa o que desexe a corporación.

6) Outros temas candentes foron a aceptación de municipalidade da rampa do edificio do CGAC. Ouse un particular facer unha obra análoga en plena vía pública e veremos. Un edificio cedido durante 50 anos, se non nos equivocamos. En fin....

7) Agradecemos aquí a cesión dos textos das preguntas e mocións que presentaba o PP. Algunhas pensamos que lóxicas, outras que merecen menos a nosa aprobación:

- 3 Preguntas sobre a actividade desenvolvida por un local da rúa Alfredo Brañas, que deron o seu froito.

- Moción para a redución do IBI
[aquí, loxicamente, discrepamos totalmente do PP, xa que o aumento do IBI é unha medida constratable para axudar a solventar o tema das vivendas baleiras e sacalas ao parque público de alugueiro (véxase Sevilla)]

- Preguntas sobre o convenio asinado entre a empresa INCOLSA (Información e Comunicación Local SA) e Ryanair

- Moción sobre o ruido derivado do ocio nocturno: reconvertir mediante incentivos sobre todo as tendas de 24 horas noutras actividades; liña de axudas para a insonorización de vivendas situadas en zonas saturadas

Outras iniciativas deste mesmo grupo foron:
- Limpeza do río Sarela
- Poda e mantemento da Avenida Castelao
- Moción para a Creación do Museo do Deporte Compostelán
- Proposta de creación dunha Comisión Especial para organizar o ano santo Xacobeo 2010

Lembrar que nós presentaramos unha sobre a erradicación da pobreza e a desigualdade, tal como consta neste mesmo blog.

No hay comentarios: