Esquerda Unida reclama medidas urxentes para a diversificación do emprego e a dinamización do Plan de Acción Local polo Emprego.
A tendencia segue sendo clara en Compostela e comarca: un imparable e contínuo proceso de desemprego que afecta de forma alarmante ás mulleres e aos mozos e mozas de menos de 25 anos. Os datos, que achegan a fría e dura realidade, son incuestionables no que se refire á nosa cidade:
- menores de 25 anos: en total 543: homes 204, mulleres 339.
Repárese no aumento neste segmento poboacional nas mulleres: de 265 mulleres desempregadas en setembro a 339, isto é un aumento de 74 persoas nun único mes, o que representa unha porcentaxe de 94,87 % do total experimentado no mes de outubro (78 menores de 25 anos).
- mulleres (resto de idades): 3172 mulleres dun total de 5458 persoas en situación de desemprego, o que representa o 58,11 %. Certo é que nesta franxa aumentou máis o desemprego nos homes, 111 persoas (66,07% do incremento experimentado durante o mes de outubro).
- O paro aumentou en números xerais en 246 persoas, o que representa un 4,7 % de incremento respecto ao mes pasado. O número total, xa que logo, afástase do obxectivo de baixar das 5000 persoas desempregadas, para situarse en 5458 (en setembro eran 5212).
- Se analizamos os sectores produtivos vemos que os aumentos máis significativos e preocupantes prodúcense no sector servizos cun incremento de 182 persoas ata situarse en 3635 persoas, e no sector industrial cun incremento de 25 persoas. Estes dous sectores representan máis do 80% das novas persoas desempregadas durante o mes de outubro.
As administracións deben tomar nota destas circunstancias e achegar valentes solucións que poden pasar desde a necesaria diversificación do emprego (investir en sectores de I+D+i), ata a implicación do Concello en animar os procesos cooperativos e na necesaria creación para Esquerda Unida da Axencia Municipal de Colocación con vistas ao desenvolvemento e a oferta pública de emprego no sector sociosanitario. Do mesmo xeito, reclamamos que se redefinan os obxectivos do Plan de Acción Local polo Emprego, xa que, segundo se ve, as metas deseñadas, un ano despois, non están dando ningún froito.
Consello Comarcal, 6 de novembro de 2007.
No hay comentarios:
Publicar un comentario