Hai un ano, Esquerda Unida remitiu aos medios de comunicación diversos comunicados sobre o incumprimento reiterado do contrato das empresas que realizan o transporte metropolitano, en materia de horarios, de renovación dos autobuses para seren realmente transporte adaptado para todas as persoas e en materia de mobiliario para agardar os autobuses sen expoñerse a unha rotunda molladura, dispoñer de papeleiras para que o chan non sexa o depósito de papeis, botellas de plástico, etc.
Hoxe, un ano despois: ano novo, vellas prácticas. Nada cambiou. Nas marquesiñas unicamente reparamos nunha banda laranxa desgastada que publicita un transporte metropolitano do que ignoramos aínda frecuencias, liñas e horas de paso. Isto é, ofréce un servizo público deficiente e insuficiente.
Nesta reiterada e deliberada violación do dereito á información que ten a cidadanía, non pode valer de escusas absolutamente nada. E todos son culpables: alcaldes que decidiron acollerse a este sistema sen preocuparse -a non ser en época electoral para quedar ben na foto- e Xunta de Galicia.
Os bares estanse convertendo en improvisadas delegacións dun servizo inexistente. Pero é que hai paradas que non dispoñen nen sequera deste improvisado servizo.
De forma curiosa, os domingos, cando o ocio é máis doado de converterse en negocio, e cando as perosas dispoñen de máis tempo libre, é cando menos autobuses hai e, xa que logo, cando máis se pon a proba a paciencia das persoas.
O acceso ao ocio para persoas que viven en núcleos afastados da atractividade urbana debería ser contemplado como unha preocupación para os nosos dirixentes e pensar non en diminuir, senón cando menos en manter a mesma frecuencia que durante a semana.
Ou, é que o cambio climático só hai que combatilo durante a semana laboral?
Acaso non hai que desmotivar o uso do coche para acceder ao ocio tamén os domingos?
Os nosos dirixentes deberían pensar máis nos dereitos que temos, sobre todo cando, a inicios deste mes de xaneiro sentimos como o noso peto tremía perante o aumento de todos os indicadores de prezos básicos. A cambio, ofrécennos servizos deficitarios...
No hay comentarios:
Publicar un comentario