miércoles, 6 de febrero de 2008

A COSTA DE XANEIRO AUMENTA O DESEMPREGO EN COMPOSTELA


Existe, na escena das declaracións mediáticas, unha dobre distancia. A primeira distancia separa a política das persoas. É un universo paralelo ao que as persoas, a clase traballadora, accedemos a el a través de enquisas, estatísticas e numeroloxía que nos debuxan unha macroescena privilexiada, unha “liga das estrelas” ou restantes metáforas de autoenxalzamento. A segunda distancia relaciona ás persoas que conviven no día a día. É o universo propio e as persoas, a clase traballadora accedemos a el desde o mesmo momento en que botamos a camiñar día a día. Aquí, as conversas entremestúranse no traballo, na cafetería ou no quiosco de duras realidades que nos falan de hipotecas, de créditos persoais, de cómo se encareceu a cesta da compra, de cómo nos obrigan a vivir pendentes dun fío bancario. As conversas son reais e amosan preocupación. Na rúa hai unha clara apreciación de que a construción foi un “maná” que se quixo apurar a tope e que vai ir esmorecendo. Non houbo racionalidade construtiva. E tamén está a preocupación por ter que aceptar condicións laborais cada vez peores, precisamente por vivir no fío bancario. O mito da conciliación laboral e familiar tamén existe: ninguén o coñece. O fío é de natureza escura e perversa: fíxonos crer que sen hipotecarnos non seriamos nada, que para ser alguén hai que vivir consumindo, consumindo todo,...ata o planeta.

Nas rúas de Compostela esa preocupación tamén existe. Este mes medrou de novo o desemprego en 279 persoas ata chegar a 5851. En porcentaxes supón un aumento do 5%. O maior incremento desde agosto 2007. En termos relativos un 1,1% máis que a media galega. De novo, e xa van moitos meses seguidos, a muller é a que máis sofre as gadoupas do desemprego (3661 de 5851, un 62,57%). Por sectores o sector servizos viu como aumentaba o desemprego en 245 persoas (un 87,81% das persoas que se viron no desemprego este mes), incidindo en que o tipo de contratación no sector servizos é inestable e precario. A mocidade pregúntase onde están os investimentos prometidos en I+D+i, onde a transparencia á hora de asinar un verdadeiro contrato de bolseiro investigador e non un contrato-pantasma de tipo administrativo.

Os números están aí, podemos obvialos e podemos pensar que Galicia está mellor que España, onde xa se nota a desaceleración construtiva e que afecta, e moito, ás persoas inmigrantes. Pero a desaceleración chegará tamén a Galicia, xa que non vivimos nunha burbulla. Non estamos no universo paralelo debuxado pola xerarquía política. Nas nosas rúas faise sentir un vento frío e non é debido ao inverno, non.

Consello Comarcal de Santiago de Compostela
5-febreiro-2008

No hay comentarios: