A nosa comarca estará representada nas candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado pola circunscripción electoral da Coruña.
En concreto, Xabier Ron, coordinador comarcal de Compostela, encabezará a candidatura para o Congreso dos Deputados. Iago Patiño, coordinador local de Ames, estará tamén na candidatura. En suplentes contamos tamén coas presenzas de Xosé Díaz, membro do consello comarcal de Esquerda Unida, e de Adriana Santiso, responsable de Muller na comarca. No senado tamén estamos representados por partida dobre, xa que Jaime Lage e Marta Marroquín, figuran como suplentes.
O venres 8 de xaneiro, no Hotel Puerta del Camino, ás 12 h, Esquerda Unida presentará as súas candidaturas. A nosa organización concorre cun fin moi claro: espir a carencia ideolóxica das restantes organizacións. A clase traballadora vive hoxe un claro retroceso en dereitos laborais conqueridos con moito esforzo e anos de loita sindical.
Hoxe, a maquinaria neoliberal desexa esquilmar a nosa contorna, só lles importa o máximo beneficio e a acumulación, por iso non dubidan en externalizar a produción -é exemplar a externalización textil-, que leva ao peche dos pequenos obradoiros de costura. Ollamos como as privatizacións se apoderan da esfera pública e así, prodúcese unha nova carencia no Estado de Benestar que se vai debilitando cada vez máis. Esquerda Unida quere frear e impedir a demolición das conquistas e dereitos sociais.
Denunciamos a mentira: NON É CERTO QUE REDUCINDO IMPOSTOS SE PODAN OFRECER SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE. As promesas de redución de impostos, ou do ofrecemento de 400 euros, ou a eliminación do imposto de sucesións, etc, son probas de que a socialdemocracia é un poderoso aliado da patronal e da banca.
Un goberno que aumentou o custo militar, mentres os seus bolseiros malviven con contratos-trampa. Un goberno que agora di ser aconfesional, pero non fixo nada porque non tivo valentía, para conquerir a neutralidade relixiosa nas escolas públicas. En definitiva, un goberno que actúa unicamente cando se achega o lobo electoral. As leis viñeron sen o pan debaixo. Por iso, os anuncios de mercadeo económico van en contra do desenvolvemento dunha Lei tan esencial como a da promoción da autonomía das persoas con dependencia.
Máis que nunca Esquerda Unida estará aí para facer ver que hai unha verdadeira esquerda en Galicia e que con nós esa esquerda estará en Madrid.
Cómpre esnaquizarmos o muro mediático que converte este país nunha confrontación entre PSOE-PP (a nivel federal), ou PSOE-PP-BNG ( a nivel nacional). A pluralidade vive nas rúas e cómpre escoitala.
Os compañeiros e compañeiras da comarca compostelá que estamos nas candidaturas traballaremos duro para dialogar cos composteláns e compostelás e convencer de que cómpre darlle forza ao noso proxecto alternativo e transformador, que recupera a centralidade participativa do feito democrático. Queremos que os problemas e asuntos da nosa comarca sexan tratados de forma máis axeitada e áxil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario