jueves, 3 de abril de 2008

Esquerda Unida denuncia o escuremento informativo do Concello de Santiago no tocante ao macrovertedoiro de Grixoa, na vella canteira de Miramontes

No Diario Oficial de Galicia de data 3 de xaneiro de 2007 figuraba un anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no que se sometía a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto de restauración do espazo natural Canteira Miramontes, lugar de Grixoa, promovido por Edafoloxía e Restauración do Contorno Galego, S.L: (Eyrega) [Clave 2006/0104 AIA / IPPC].

Hai que fixarse nestas datas (nadal de 2006) para saber moi ben que o anuncio dificilmente ía ser divulgado de forma suficiente. Desde ese afastado momento, e ata hoxe, non se soubo basicamente nada máis de forma pública por como se xestiona o acceso á información desde o Concello. Tivemos que agardar a mediados de marzo de 2008 para enterarnos a través da prensa que a solicitude recibía unhha declaración favorable por parte de Joaquín Lucas Buergo del Río, Director Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental (así consta no DOG do 3-01-07).

Esquerda Unida entende que se fixeron as cousas mal desde o Concello:

a) por non ser dilixentes e estar atentos a un proxecto que foi depositado nas Oficinas do Concello o 3 de xaneiro de 2007;

b) porque está demostrado que a comunicación entre a Xunta e o Concello fai augas;

c) por dicir nun primeiro momento, e como escusa defensiva, que non están enterados da existencia de tal proxecto (Marta Álvarez-Santullano sobre todo, xa que Elvira Cienfuegos dedicábase na anterior lexislatura aos asuntos Educativos, se ben non a exime de estar informada de canto afecta ao seu Departamento);

d) polo escurecemento informativo, xa que o Concello non só non convoca os órganos participativos existentes no Concello para dar a coñecer tal proxecto, senón que non responde aos veciños asistentes no Pleno;

e) porque a realización de tal proxecto representa a inutilidade da política de residuos existentes e supón non avanzar na reciclaxe e reutilización dos refugallos construtivos e outros;

f) porque a ampliación do vaso da canteira suporá a presenza do macrovertedoiro deste tipo máis amplo da toda a Comunidade;

g) porque o selado e a rexeneración non deberían ir condicionados a un negocio de dúas décadas, senón pura e simplemente a unha necesidade ecolóxica;

h) porque, no fondo, representa unha continuidade de negocio para ÁRIDOS CNC, empresa que subcontrata a EYREGA SL;

i) porque o alcalde non pode utilizar a existencia deste vertedoiro para avalar o peche doutro: isto vai en contra dunha boa xestión dos residuos non perigosos e en contra dunha boa política medioambiental e, desde logo, en contra do desenvolvemento da Axenda 21 Local;

k) porque converterá a estrada de acceso, a comarcal que leva ao Val do Dubra e Santa Comba, nun ir e vir de camións que dificultará máis a seguridade viaria e a fluidez do tráfico por esa pequena estrada;

l) porque nada garante a inexistencia de contaminación medioambiental e de filtración aos recursos do solo. Todo o contrario.

En síntese, Esquerda Unida está en contra da existencia deste proxecto tal como se concibe desde un primeiro momento e denuncia a ineficacia do Concello e a súa escasa dispoñibilidade por informar de forma veraz á cidadanía.

Santiago
Consello Comarcal
3-abril-2008

No hay comentarios: