Resulta paradoxal que na cidade onde se proxectan mausoleos culturais, onde se abre unha biblioteca municipal magnificante, teñamos que ver cómo se lle concede tan pouca vida, tan pouco espazo, tan poucos recursos á Feira do Libro de Compostela.
Non só se ten que reinventar o concepto de Feira, senón que cómpre facilitar o establecemento de máis postos de libreiros diversificados. Os postos non poden ofrecer os mesmos libros e na mesma disposición que nunha Libraría. Iso é obvio. Pero, non nos enganamos se pensamos que a cultura viva está perdendo forza de forma axigantada e que niso algo teñen que ver os gobernantes que deben dar facilidades.
Ofertas especializadas en poesía, en ensaios, nos xéneros máis diversos, libros de vello tamén, etc..... e menos institucionalismo enciclopedista...., quizais.
Que envexa dos bouquinistes de Paris, a carón do Sena!! Paseas e, coa curiosidade, un párase nun libriño cuxas páxinas de cor amarelo amosan o paso do tempo, e , sen moito esforzo económico, levas no teu peto unha pequena viaxe engaiolante.
Os libros son bens culturais. Neles está a esencia da memoria presente que construirá ou representará os nosos tempos cando as xeracións futuras nos lean.
Defendelos é defender a cultura. A cultura viva.
Por iso, as feiras de libros e outros produtos artísticos e culturais (cadros, música, artesanía, ...) deberían ser algo moito máis frecuente e habitual na nosa cidade e non unha ocasión anual que esmorece en postos de libreiros, en ofertas, en actividades, etc..
Santiago debe ofrecer aos turistas relixiosos algo máis que representacións museísticas. Santiago pode e debe seducir ofrecendo a nosa esencia, convidando a que os ollos e as mans agarimen a nosa identidade social, a nosa capacidade literaria.
Insistimos. Menos institucionalismo. Máis cultura viva. Nas rúas e nas prazas. Aberta a todas as persoas. Aí comezan de verdade as campañas de animación á lectura: na accesibilidade aos produtos culturais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario