domingo, 21 de febrero de 2010

Transporte público

ESQUERDA UNIDA RECLAMA QUE CONCELLOS E XUNTA DEAN MARCHA ATRÁS E RESTABLEZAN A GRATUIDADE PARA O COLECTIVO DA TERCEIRA IDADE .

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A GRATUIDADE PARA AS PERSOAS CUNHA DISCAPACIDADE SUPERIOR AO 33% .

A declarada intención de Xunta e Concellos de facer pagar ao colectivo da terceira idade parte do prezo do billete, rachando coa gratuidade do transporte público comarcal debe definirse como abraiante e, repetimos, inentendible. Inentendible pola adscripción política de varios dos alcaldes (Santiago, Brión, Ames..) participantes. Inentendible e incoherente coas súas contínuas declaracións de que a crise económica non ía repercutir na prestación de servizos públicos e que non se ían reducir os investimentos en política social.

Esquerda Unida non comparte en absoluto os motivos de posibles fraudes como causa. Significa xulgar a todo un colectivo polo comportamento negativo duns poucos. E, se existe ese fraude, abondaría con establecer mecanismos de control como, por exemplo, bonos diferenciados pola súa cor en función do colectivo ao que benefician acompañados da identificación do usuario. A racionalidade aplicada por estes dirixentes é a racionalidade neoliberal: facer pagar por canto servizo público se preste.

Tanto ten que digan que van elaborar un regulamento: o anterior foi incumprido. O servizo, hoxe, presenta múltiples eivas: paradas sen marquesiña; marquesiñas sen papeleiras, o que converte algunhas paradas en lixeiro improvisado; imposible predecir cando se cumprirá cos horarios establecidos e saber se chegaremos á hora para traballar; os propios horarios foron coñecidos hai escaso tempo desde que se asinara o contrato coas empresas de transporte metropolitano; moitas persoas con discapacidade ou mesmo persoas con carriño para meniños aínda non poden subirse aos buses con facilidade, sendo a accesibilidade unha quimera só aplicada nun mínimo número de buses; dánse aspectos ilóxicos como que custe o mesmo un billete desde Brión a Santiago (1,25 €, para 12 quilómetros) que un billete Brión-Bertamiráns (1,25 € para 3 quilómetros) como usuario “libre”; etc.... Todas estas eivas únense a unha mala planificación circulatoria e combinatoria das liñas de bus unha vez chegadas a Compostela, e fan que o servizo non medre en canto a usuarios.

Para Esquerda Unida é inentendible que os pensionistas teñan que aboar 0,36 € e só dispoñan dun máximo de 20 billetes ao mes, cando na actualidade dispoñen de 25 billetes mensuais gratuítos. Esta medida afecta a un colectivo de persoas, onde o 70% ten uns ingresos inferiores aos 620 €. Por iso, na racionalidade que defende Esquerda Unida, unha racionalidade radicalmente socialista, a gratuidade debe ser un imperativo.

Para Esquerda Unida o racional é que a comarca dispoña dun bo servizo de transporte público tamén os fins de semana e os festivos, que repercuta e beneficie a todas as persoas, e que se pense sobre todo no colectivo da mocidade para evitar os desprazamentos en vehículo privado.

Para Esquerda Unida o racional é que os autobuses cheguen ao polígono do Tambre os días laborais (cun bono-traballador) para disuadir o uso do coche particular. Para Esquerda Unida o racional é establecer a gratuídade do servizo para as persoas cunha discapacidade superior ao 33%.

Por iso, desde Esquerda Unida reclamamos a Concellos e Xunta que dean marcha atrás nesta política social regresiva.

No hay comentarios: