A HISTORIA TEN MEMORIA
O SIONISMO COMO COLONIALISMO, IMPERIALISMO E XENOFOBIA
ESQUERDA UNIDA ESIXE O CESE DE TODA COOPERACIÓN POLÍTICA CON ISRAEL
ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A HIPOCRISÍA DO GOBERNO ESPAÑOL
O conflito Palestino-Israelí aséntase sobre unha inxustiza desde a propia orixe: a creación dun Estado de Israel artificial desde a imposición e a expropiación. Como afirman os Xudeos pola Xustiza en Oriente Próximo no seu informe de 2001, “o sionismo baseábase nunha visión errada e colonialista –imperialista, engadimos nós- do mundo, na que non importaban os dereitos dos habitantes indíxenas”. Desde finais do século XIX o Fondo Nacional Xudeu foi comprando terras en nome do proxecto sionista. Aspecto que se incrementou durante o mandato británico (1920-1948). Neste sentido, son famosas as palabras de Theodore Herzl, creador do sionismo, “trataremos de facer desaparecer á poboación árabe pobre a través da fronteira, conseguíndolle traballo en países de tránsito, mentres lle negamos traballo no noso propio país (...). Tanto o proceso de expropiación e o traslado dos pobres deben ser realizados con discreción e circunspección”. En 1919 a Comisión King-Crane estadunidense pasou 6 semanas en Siria e Palestina. O seu informe é demoledor sobre o alcance do Programa Sionista: “Nin un só oficial británico consultado polos comisionados pensaba que o programa sionista puidera realizarse sen recorrer á forza das armas. (...). Esa opinión por si soa evidencia un forte sentimento sobre a inxustiza do programa sionista (...). A reivindicación inicial, presentada a miúdo polos representantes sionistas, de que teñen dereito a Palestina baseado na súa ocupación de hai dous mil anos apenas pode ser considerada seriamente”.
Esa inxustiza inicial debe terse en conta en calquera posicionamento. A historia ten memoria. Como recoñecera o sionista Ben-Gurión no levantamento palestino dos anos 1936-1939 “politicamente somos os agresores e eles deféndense (...). O país é seu, porque eles o habitan, mentras que nós queremos vir aquí e implantarnos”. Esa agresión é a que segue perpetuándose. Esquerda Unida non é antisemita. Criticamos o sionismo. Defendemos a xustiza e a paz. E estas condicións non son as que busca Israel coas súas tácticas e estratexias. Esquerda Unida denuncia o continuado comportamento inhumano de Israel. Comportamento que conta co amparo hipócrita do mundo occidental, mundo –entre eles España- que lle vende armas a Israel, armas que matan a civís palestinos. Pero, aínda pesa no imaxinario de Occidente o feito de ollar cara outro lado cando o nazismo aplicou a solución final e levou a cabo o exterminio sistemático do pobo xudeu. Pero ese fúnebre, lamentable e inexplicable comportamento de Europa non pode significar negar as evidencias: Israel practica as mesmas accións racistas, fascistas, violentas e bélicas co pobo palestino:
a) guettización: confina aos palestinos nunha franxa; sepáraos das súas terras de labradío mediante un vergoñento muro;
b) estigmatización: en nome da “seguridade” someten á poboación palestina a humillantes prácticas de “cacheos”;
c) confiscación de bens: a enerxía, a auga, as terras, son bens dominados por Israel;
d) operacións bélicas de masacre, terror e medo: o bloqueo indiscriminado provoca fames, mortes por enfermidades evitables; e con certa periodicidade a maquinaria bélica, coa xustificación concedida polos xestores europeos e estadunidenses (onde está o salvador Obama??), entra nos territorios palestinos e esnaquiza aldeas, coas súas casas, escolas e outros edificios e mata a persoas civís.
e) limpeza étnica: desde os seus inicios, pero con máis forza desde 1948 (750 000 palestinos exiláronse e convertéronse en refuxiados sen posibilidade de retorno) o programa sionista conleva o traslado dos arabes aos países veciños. Ben Gurión falara de “traslado coercitivo”, ao que consideraba moral para acadar a finalidade: expulsar aos palestinos da súa terra para crear o artificial estado sionista. Con ese fin inventaron motivos para iniciar guerras, como a de 1967, que lle permitiu confiscar o 52% das terras de Cisxordania e o 30% da franxa de Gaza. E Europa – EE.UU. seguiron, como hoxe, admitindo o inadmisible.
Hoxe, estas operacións supoñen a morte de 325 persoas, un milleiro de persoas feridas e a fuxida de milleiros de palestinos cara a terras veciñas. TODAS ESTAS ACCIÓNS SON AS MESMAS TÁCTICAS E ESTRATEXIAS QUE LEVARA A CABO O XENOCIDA HITLER CO POBO XUDEU. NON PODEMOS SEGUIR ADMITINDO NO NOSO NOME ESTA BARBARIE.
Esquerda Unida reitera que deben suprimirse todas e cada unha das accións de cooperación co goberno xudeu. España, Europa non deben participar máis nesta barbarie. E neste sentido, son vergoñentos os contratos armamentísticos con Israel. Vergoña que debera indignar ao goberno español, se a tivese, xa que ten sobradamente amosado o seu carácter bífido, tal como o demostra a autodeterminación do pobo saharaui.
A muller comunista Odette Elina sobreviviu a Auschwitz-Birkenau entre 1944-1945 e deixou un libriño, “Sen flores nen coroas”, impresionante, onde recolle o inferno padecido no campo de concentración nazi. Algunhas situacións, de forma triste, repítense na Franxa de Gaza despois dos bombardeos xudeus. Porque nada hai máis cruento que a morte de nenos e nenas:
Anka
A miña pequena morta de sete anos. Unha meniña que semellaba unha vella. Cada día volvíase máis escuálida, supuraba máis, maior era a súa diarrea; tamén máis autoritaria, máis malvada, máis miserable, máis moribunda. Morreu. Ninguén quixo axudarme a cargar co corpo. Un morto, cando medrou máis da conta aos sete anos, pesa. Tiven que arrastrala, pola neve, ata o feixe de cadáveres.
PERMANECER INDIFERENTES ANTE ESTAS MORTES CONVÉRTENOS EN ASASINOS E CRIMINAIS POR OMISIÓN DO DEBER DE AXUDA.
Xabier Ron
29-decembro-2008
No hay comentarios:
Publicar un comentario