martes, 25 de mayo de 2010

Servizo de mediación cidadá

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA VALORA DE FORMA POSITIVA A CREACIÓN DO CENTRO MUNICIPAL DE MEDIACIÓN CIDADÁ

A CREACIÓN DESTE SERVIZO FOI RECLAMADA POR ESQUERDA UNIDA NUNHA MOCIÓN PRESENTADA HAI MÁIS DE DOUS ANOS (28-III-2008)

CRITICAMOS A ESCASA CLARIDADE INFORMATIVA SOBRE AS CARACTERÍSTICAS DO SERVIZO

O día 6 de maio de 2010, hai xa 20 días, presentouse a creación dun novo servizo para a cidadanía: o Centro Municipal de Mediación Cidadá (CEMMCI). O consello comarcal de Esquerda Unida Compostela saúda a creación de dito servizo xa que responde a unha demanda que a nosa organización realizou mediante unha moción rexistrada en marzo do 2008 (adxuntada a este comunicado)

Na presentación do día 6 de maio na Casa das Asociacións xa botamos en falta unha información máis detallada do servizo, xa que no díptico alí facilitado faltaban numerosos aspectos por clarificar:

1) obxectivos detallados do servizo;
2) tipoloxía dos conflitos aos que pode atender e a cales non (nese momento agardamos a que o dito na nota de prensa elaborada polo gabinete do Concello o 5 de maio na que se anunciaba a creación do servizo fose un lance entusiasta, xa que un servizo de mediación non debería dedicarse a resolver “calquera conflito”);
3) a composición do equipo de profesionais que se dedicarán ao servizo;
4) a creación de talleres de formación para a veciñanza.

Este consello comarcal decidiu agardar. Pero 20 días despois atopámonos coa mesma carencia informativa. De feito, na propia web do concello, na pestana de Consellaría de Participación Cidadá e Normalización Lingüística non vemos ningún tipo de enlace ao CEMMCI e baixo a pestana “Servizos” só figura un enlace a “Educación”. Hai que ir á pestana de Servizos Municipais e despois á de Servizos Xerais e logo á de Participación Cidadá para atoparse cun enlace ao CEMMCI. O que demostra que a web do Concello non é un remanso de claridade informativa, todo o contrario. Neste caso, falta circularidade informativa. O peor de todo é que ao acceder á información... atopámonos coa mesma nota de prensa do 5 de maio, pero desglosada en apartados. Nada máis.

Esquerda Unida Compostela solicita que se dixitalice e virtualice xa esa información para que calquera persoa que acceda á web do concello saiba cales son as características reais do servizo, xa que hai certo tipo de conflitos que un servizo coma este non debe tratar.
Compostela, 25 de maio de 2010.

MOCIÓN PRESENTADA O 28 DE MARZO DE 2008

No hay comentarios: