miércoles, 2 de junio de 2010

Refundación Esquerda

ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ
na marxe esquerda de Galicia Hoxe http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/avanzarmos/idEdicion-2010-06-01/idNoticia-553310/
01.06.2010

PARA AVANZARMOS

Nos últimos meses as medidas aprobadas polo goberno de Zapatero para saír da crise mostran, sen inequívocos, a quen serve ese goberno: ao gran capital.

Á marxe de que en ningures está demostrado científica e rigorosamente que o déficit do Estado teña que estar no 3% do PIB (por que non, preguntábase hai unhas semanas o economista Juan Torres, no 7%), pois trátase dunha decisión política; tampouco existe razón ningunha que obrigue a reducir o déficit recortando o gasto público, por que non aumentando os ingresos do Estado mediante as receitas que tantas veces defendimos dende as marxes do sistema capitalista (aumentarlles os impostos ás rendas máis altas -dende abaixo non hai dúbida ningunha de quen son esas rendas, por certo-; incrementar a tributación das SICAV, combater a fraude fiscal, implantar un imposto sobre as actividades financeiras internacionais...); aínda centrándonos na redución do gasto público, por que non reducilo doutras partidas (retirar as axudas á banca e a actividades empresariais de nula utilidade; retirar as axudas á Igrexa; suprimir os concertos con centros educativos privados; reducir o gasto militar...). Calquera desas medidas permitirían aumentar os ingresos do Estado, reducir o gasto público considerablemente e reducir o déficit público, cando non crear superavit.

Lembremos, ademais, que o funcionariado e o persoal laboral da administración do Estado ao que se lle vai reducir o seu salario, perdeu, dende o ano 1993, o 20% do seu poder adquisitivo, calculado comparando a suba porcentual do seu salario co incremento anual do IPC. Que consecuencias vai ter, xa que logo, esta nova medida de axuste económico: a pauperización da clase traballadora e o seu endebedamento, o que inevitablemente reducirá o consumo pero axudará a engrosar os beneficios da banca.

Daquela, por que estas medidas tan inxustas? Non hai dúbida, porque o Estado claudicou fronte ó gran capital e deixou de defender os dereitos do pobo e de garantir o benestar da clase traballadora.

Remataba hai uns días sinalando que, chegados a este punto, só hai unha opción posible para saír da crise defendendo os dereitos do pobo e garantindo o benestar da clase traballadora. A construción dun Estado socialista e democrático que garanta: en primeiro lugar, o control democrático das actividades económicas e dos nosos recursos, promovendo a nacionalización e socialización das actividades financeiras e dos sectores estratéxicos; en segundo lugar, un sistema público de ensino, de sanidade e dos restantes sistemas asistenciais e sociais, pois son os piares da democratización da sociedade; en terceiro lugar, a construción de espazos asemblearios para a participación política de xeito activo da cidadanía...

Non hai máis tempo para as dúbidas: dentro do capitalismo non hai solución, polo que urxe a refundación da esquerda, volvendo aos valores de noso e corrixindo os erros do pasado. O vindeiro sábado 5 de xuño, no Teatro Principal de Compostela, temos unha cita para refundar a esquerda.

No hay comentarios: