lunes, 13 de diciembre de 2010

Racismo institucional

COMUNICADO DE PRENSA .

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A EXISTENCIA DA NORMA DE REEMPADRONAMENTO, VERDADEIRA MOSTRA DE DISCRIMINACIÓN INSTITUCIONAL.


Despois de ollar como o alcalde semella xactarse de dar de baixa do padrón a persoas migrantes porque non se reempadronan, Xabier Ron, coordinador comarcal de EU Compostela e responsable da Secretaría de Movementos Sociais de Esquerda Unida, quere lembrar que esta norma é discriminatoria. Ademais, como nos consta, non se dá un correcto asesoramento a este respecto e ignórase a mobilidade da poboación migrante que, polas mesmas circunstancias que a poboación autóctona, pode cambiar de residencia pero residir no mesmo concello ou estar ausente un tempo por diferentes circunstancias persoais.

Desde o Consello Comarcal denunciamos, unha vez máis, a obriga, para as persoas estranxeiras non comunitarias sen autorización de residencia permanente, de reempadronarse cada dous anos. Esta norma, introducida na LO 14/2003, instituida polo Goberno de Aznar e pactada polo PSOE, ten graves consecuencias para estas persoas:
a) a perda da antigüidade para solicitar arraigo (social e/ou laboral);
b) a perda de axudas e prestacións institucionais en materia de bolsas de aluguer, bolsas de comedor;
c) en consecuencia, a perda do estatuto xurídico de veciño ou veciña da localidade con todos os dereitos e deberes que implica (artigo 18.1 da Lei das Bases de Réxime Local).

O concello, a administración que neles se institúe, vai posuir cada vez un rol máis determinante. Será o caso das solicitudes de permisos de residencia por arraigo social, ben sexa emitindo o informe sobre o grao de integración social dunha persoa, ou nos informes que emiten para recomendar que se exima a unha persoa determinada dun contrato de traballo anual, ou cos permisos de residencia dos fillos de residentes en situación regularizada.

Tendo en conta que a norma conleva a destrución da condición de veciño ou veciña, de que é moi dubidosa a súa constitucionalidade e de que establece unha discriminación entre persoas que viven na mesma localidade (non aplicable aos “autóctonos”), desde Esquerda Unida Compostela instamos ó Concello a poñer en marcha as seguintes medidas:
a) asumir con carácter crítico o principio de autonomía municipal, tal como proclama o borrador do Libro branco para a reforma do goberno local en España;
b) elevar ao Goberno da Xunta de Galicia a necesidade de suprimir a norma do reempadronamento;
c) respectar o principio tantas veces proclamado de cidadanía municipal e asumir a responsabilidade política e social de crear unha cidadanía sen exclusións.
decembro-2010

No hay comentarios: