miércoles, 27 de abril de 2011

Xuntanza coa Fundación Down Compostela

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA

EU PRESENTOU A DOWN COMPOSTELA O SEU PLAN LOCAL PARA A INCLUSIÓN SOCIAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE.



Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista, Xabier Ron, reuníronse o martes 26 de abril con representantes da Fundación Down Compostela, encabezados polo seu presidente, Juan Jesús Martínez López, dentro do programa de visitas ó tecido do movemento asociativo de Santiago, co fin de coñecer de primeira man as eivas e tamén as posibles solucións no tocante ás persoas con discapacidade intelectual.

Durante a reunión os representantes da Fundación expuxeron as súas propostas en varios aspectos esencias. A máis importante, a do acceso a un emprego, un dos pasos esenciais para transitar cara a autonomía. E dentro do emprego, a Fundación Down Compostela insistiu na importancia de poder acceder a un emprego público. De feito, manifestaron a necesidade de que se establezan desde a Administración Local, dentro da reserva de emprego público destinada a persoas con discapacidade, unha reserva propia destinada a persoas con discapacidade intelectual, que concorrerían mediante probas adaptadas.

Esquerda Unida Compostela aproveitou para presentarlle á Fundación o Plan Local para a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade, onde xa se recollían medidas para o fomento e o acceso ao emprego, e comprometéuse a poñer de relevo esa demanda na redacción final do programa electoral.

Outros temas que se debateron foron o acceso a cursos de formación que teñan en conta ás persoas con discapacidade intelectual, a atención sociosanitaria na comarca, demandando a ampliación da unidade de Atención Temperá Hospital Clínico Universitario para que se atenda como é debido ás persoas con discapacidade intelectual, e falouse da necesidade de que se avance normativa que regule os Servizos de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) e a carteira de servizos que permita a homologación dos SEPAP.

A Fundación solicita tamén unha revisión do convenio que o concello mantén coa Fundación, de 2.000 euros ó ano, a pesares de que atenden a máis de 100 familias e, finalmente, piden un tratamento respectuoso coa linguaxe que políticos e políticas e medios de comunicación deben ter á hora de falar das persoas con discapacidade intelectual.


No hay comentarios: