martes, 5 de abril de 2011

Xuntanza con STEG

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CO SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA (STEG).

O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA VALORA POSITIVAMENTE AS PROPOSTAS DO SINDICATO E MANTENSE FIRME NA SÚA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO .


Membros do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, encabezados polo coordinador comarcal e cabeza de lista Xabier Ron, reuníronse o luns, 4 de abril, con representantes do sindicato STEG, Alfredo Iglesias Diéguez e Rosa Suárez Veiga, dentro do programa de visitas ao tecido do movemento sindical de Compostela.

Durante a xuntanza os representantes de STEG expuxeron os problemas que soportan algúns centros educativos, como o CEIP de Vite ou o CEIP Santiago Apóstolo. Tamén criticouse o proceso de zonificación, que en base aos criterios actuais beneficia aos centros concertados en detrimento dos públicos.

O principal punto de acordo entre EU Compostela e STEG comprobouse en temas como a mellora dos servizos complementarios, coma o de comedor, que, en vez de repousar nos esforzos das ANPAS, debido á súa función social, debe ser un compromiso das Administracións Públicas (Xunta-Concello). Igualmente, houbo coincidencia en defender o emprego público en todos os eidos do ensino, xa que hoxe as funcións de bedel, de apertura de pavillóns, ou mesmo de limpeza, están externalizadas e son realizadas por unha mesma empresa.

Tanto Esquerda Unida como STEG manifestaron o seu convencemento en que a participación cidadá nos centros de ensinanza é necesaria, non só a de nais e pais, senón tamén das distintas asociacións veciñais, culturais, de persoas migrantes… do barrio, polo que o cabeza de lista de EU Compostela, Xabier Ron, comprometeuse a loitar por un Consello Municipal máis participativo e valorou moi positivamente as propostas de STEG sobre a escola de nais e pais, a necesidade de traballadores sociais nos centros de ensino e o uso das instalacións en períodos vacacionais.

No hay comentarios: