miércoles, 10 de julio de 2013

Xuntanza con CCOO



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DA UNIÓN INTERCOMARCAL DE CCOO SANTIAGO-BARBANZA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA O SEU COMPROMISO NA LOITA POR MANTER OU RECUPERAR OS DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS ATACADOS NESTA CRISE-ESTAFA.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez e Alexandre Vila, e o militante Pablo Nieves mantiveron unha xuntanza con representantes de CCOO en Santiago.

Durante a xuntanza acreditouse o ataque e recorte aos dereitos laborais e sociais que, baixo a escusa da crise-estafa que padecemos, se está a levar a cabo mediante as políticas neoliberais causantes de que a maioría social sufra o austericido ao que a troica nos está a abocar.

Un dos temas tratados nesta xuntanza foi o Decreto Lei 8/2013 que, se non é modificado, suporía, entre outras moitas lamentables e inaceptables consecuencias, un novo ataque aos dereitos laborais do persoal do Concello.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é urxente acometer a remunicipalización de servizos públicos privatizados, para garantir, en primeiro lugar, que a prestación destes servizos cubra as necesidades que a cidadanía demanda buscando o beneficio da maioría social e non o lucro privado e, por suposto, para recuperar e fortalecer os dereitos laborais das empregadas e empregados.

Mais isto non acontece pois, tal e como relataron os representantes de CCOO, hai varias concesións en Santiago na que non se está a cumprir debidamente o que se estipula nos pregos de condicións, provocando reducións de plantillas, recortes de salariais e outras cuestións que atentan contra os dereitos da clase traballadora.

Aquagest, Urbaser, Daviña, o aeroporto, imprentas e, por desgraza, un longo etcétera de empresas concesionarias ou privadas que deixaron claro que coa reforma laboral aprobada polo PP ponse en perigo a estabilidade e seguridade laboral, como se certifica dende este luns coa supresión de convenios colectivos polo fin da ultractividade.

Según CCOO na nosa cidade a non renovación de convenios colectivos afectaría a máis de dúas mil persoas, como por exemplo as traballadoras e traballadores do pequeno comercio que dende este luns perden a defensa dos seus dereitos que supoñía o convenio colectivo vixente ata o de agora.

Outra cuestión tratada na xuntanza foi a necesidade de que, dentro das súas posibilidades, o Concello se implique na loita contra o paro cumprindo, por exemplo, co pacto polo emprego asinado.

martes, 9 de julio de 2013

Contra Decreto Lei 8/2013



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA O DECRETO LEI 8/2013 INADMISIBLE E UN NOVO ATAQUE DO PARTIDO POPULAR Á SOBERANÍA DEMOCRÁTICA DOS CONCELLOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE A APLICACIÓN DESTE DECRETO EN SANTIAGO, AO TERSE ACOLLIDO A LIÑA DE CRÉDITO PARA OS PAGOS A PROVEDORES, SUPORÁ INCREMENTO DE IMPOSTOS, PERDA DE DEREITOS LABORAIS PARA O PERSOAL DO CONCELLO E PERDA DE AUTONOMÍA POLÍTICA DO CONCELLO.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta que o Decreto Lei 8/2013 é un novo ataque a administración local e a súa aplicación suporá para Santiago a aceleración do desmantelamento do Concello.

O Goberno do Partido Popular a través deste decreto condena o Concello de Compostela, entre moitos outros, a suprimir e despedir empregados públicos e a aumentar impostos á veciñanza.

Baseándose na falacia da débeda municipal, cando esta é mínima en comparación con outras administracións, a través deste decreto impón duros recortes a administración local e ataca á democracia municipal, devolvéndonos, paseniñamente pero sen pausa, ao modelo da longa noite de pedra da ditadura franquista.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela oponse a este decreto, que o mesmo Consello de Estado considera que pode ser inconstitucional, e que supón, entre outras cousas, o debilitamento dos municipios a prol das deputacións, entidades de representación indirecta, cuxos responsables non son votados pola cidadanía.

Para María Rozas, responsable de Economía e Facenda do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, este decreto lei do goberno de Rajoy supón "un novo desvalixamento dos concellos, converténdoos en meros entes administrativos, sen ningunha competencia, nin capacidade de acción". 

"Este decreto supón unha intervención total no Concello que se verá obrigado a endurecer as medidas do seu plan de axuste xa abusivas para a veciñanza de Santiago. Redución do gasto, eliminar máis empregos públicos e aumentar aínda máis as taxas e impostos de todos os servizos públicos. As veciñas e veciños de Santiago deberemos pagar  o custo íntegro dos servizos (escolas infantís, transporte público, sanidade, servizos sociais, etc). O que, por suposto, entraña a supresión de determinados servizos públicos  e a consecuente privatización".

Ademais, o decreto, no seu artigo 26g,  establece outra labazada á democracia municipal, argallando que o orzamento, se non é aprobado no pleno, pode ser aprobado pola Xunta do Goberno Local, polo que en vez de debater e consensuar o orzamento cos outros grupos políticos, pode ser aprobado de forma unilateral.

Unha vez máis temos que lamentar que a mala xestión do Concello de Santiago, demostrada no elevadísimo volume de facturas pendentes de pago,  hipoteca a vida da veciñanza obrigándonos a pagar máis que outras cidades galegas polos mesmos impostos e servizos públicos.

lunes, 8 de julio de 2013

Pregunta colectores de lixo do ensanche



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario que o Concello acometa as medidas oportunas para garantir a hixiene na cidade.

Unhas das boas medidas encamiñadas a conseguir este obxectivo é o soterramento dos colectores de lixo que, moito máis aló dunha actuación estética, supón unha actuación necesaria que sería aconsellable trasladar, en canto sexa posible, a todos os barrios da cidade.

Mais unha boa medida como esta se converte en inútil cando, unha vez feito o gasto na obra, polos problemas técnicos que sexan, estes contedores non están debidamente ubicados baixo terra.

Este problema acontece no Ensanche compostelá, máis concretamente, tal e como nos denunciou a AVV Raigame, na r/ Nova de Abaixo no nº17, que leva meses cos colectores en superficie por problemas que o Concello non pode, ou non quere, arranxar pese aos tres escritos presentados por esta asociación veciñal.

Problema que parece acrecentarse pois máis adiante nesa rúa un par de colectores que ata o de agora estaban debidamente soterrados, nas últimas datas non son resgardados baixo terra, no recinto debidamente habilitado, senón que descansan sobre el ao aire libre.

Nin que dicir ten que, unha das principais xustificacións para soterrar os colectores de lixo, é para protexelos do intenso calor que poida facer na cidade nos meses de verán, pois as altas temperaturas sobre os residuos orgánicos provocan maior rapidez na súa descomposición cos problemas conseguintes que conleva.

Polo que consideramos necesario actuar o antes posible para solucionar os problemas que obrigan a manter estes contedores na superficie, pese a ter feito o gasto na obra que permite telos baixo terra

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. Cales son os problemas que obrigan a manter estes colectores en superficie, e cando se levaran a cabo as actuacións necesarias para solucionalos e poder volver a soterralos?

  1. Ten previsto o Concello acometer máis obras para soterrar contedores nalgún barrio da cidade?

miércoles, 3 de julio de 2013

Pregunta muro en escaleiras da capela de Nosa Señora da Fonte



 O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende que o rigor, respecto ao patrimonio e ata a estética deben rexer nas actuacións de índole urbanística que se leven a cabo na cidade.

Mais acontece, tras varias queixas veciñais e trala pertinente visita de membros do Consello Comarcal, que nunhas das escaleiras da capela de a Nosa Señora da Fonte, que leva ao Parque da Música, levantouse un muro que consideramos un grave erro.

Noel Dopazo, responsable de Cultura e Patrimonio do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, demanda que o equipo de goberno do Partido Popular explique, se iso é posible, como se puido dar o visto bo e os motivos que xustifican semellante actuación urbanística que impide a utilización dunhas escaleiras que dan acceso a un parque público da cidade.

Outra cuestión criticable do levantamento deste muro é que, aínda que poida haber xustificación que permitira semellante aberración, o que non pode admitirse de ningunha maneira é o material utilizado para facelo, o mínimo respecto ao patrimonio cultural e histórico da cidade obriga a ser consecuente a hora de escoller materiais de obras en certos lugares de Santiago.

É importante que o Concello vele porque se cumpran uns mínimos requisitos nas actuacións urbanísticas que se leven a cabo na vía pública, co fin de evitar obras como, por exemplo, a máis que cuestionable pasarela en Caramoniña que contou coa nosa reprobación e denuncia dende o inicio.

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. Deu o visto bo o arquitecto municipal ao levantamento deste muro?

  1. En caso afirmativo, que motivos xustificaron que se permitira levantar este muro nunhas escaleiras que dan acceso a un parque público da cidade?

  1. En caso de que esta actuación urbanística non conte co beneplácito do Concello que medidas se levarán a cabo para corrixir esta aberración urbanística?

     4.         Realizarase un estudo de posibles actuacións que se poidan considerar que atenten contra o patrimonio cultural e histórico da cidade, co fin de buscar solucións o antes posible?