O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA
COMPOSTELA CONSIDERA O DECRETO LEI 8/2013 INADMISIBLE E UN NOVO ATAQUE DO
PARTIDO POPULAR Á SOBERANÍA DEMOCRÁTICA DOS CONCELLOS.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE A APLICACIÓN DESTE DECRETO EN
SANTIAGO, AO TERSE ACOLLIDO A LIÑA DE CRÉDITO PARA OS PAGOS A PROVEDORES,
SUPORÁ INCREMENTO DE IMPOSTOS, PERDA DE DEREITOS LABORAIS PARA O PERSOAL DO
CONCELLO E PERDA DE AUTONOMÍA POLÍTICA DO CONCELLO.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
manifesta que o Decreto Lei 8/2013 é un novo ataque a administración local e a
súa aplicación suporá para Santiago a aceleración do desmantelamento do
Concello.
O Goberno do Partido Popular a través deste
decreto condena o Concello de Compostela, entre moitos outros, a suprimir e
despedir empregados públicos e a aumentar impostos á veciñanza.
Baseándose na falacia da débeda municipal, cando
esta é mínima en comparación con outras administracións, a través deste decreto
impón duros recortes a administración local e ataca á democracia municipal,
devolvéndonos, paseniñamente pero sen pausa, ao modelo da longa noite de pedra
da ditadura franquista.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
oponse a este decreto, que o mesmo Consello de Estado considera que pode ser
inconstitucional, e que supón, entre outras cousas, o debilitamento dos
municipios a prol das deputacións, entidades de representación indirecta, cuxos
responsables non son votados pola cidadanía.
Para María Rozas, responsable de Economía e
Facenda do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, este decreto lei do
goberno de Rajoy supón "un novo
desvalixamento dos concellos, converténdoos en meros entes administrativos, sen
ningunha competencia, nin capacidade de acción".
"Este decreto supón unha
intervención total no Concello que se verá obrigado a endurecer as medidas do
seu plan de axuste xa abusivas para a veciñanza de Santiago. Redución do gasto,
eliminar máis empregos públicos e aumentar aínda máis as taxas e impostos de
todos os servizos públicos. As veciñas e veciños de Santiago deberemos
pagar o custo íntegro dos servizos
(escolas infantís, transporte público, sanidade, servizos sociais, etc). O que,
por suposto, entraña a supresión de determinados servizos públicos e a consecuente privatización".
Ademais, o decreto, no seu artigo 26g, establece outra labazada á democracia
municipal, argallando que o orzamento, se non é aprobado no pleno, pode ser
aprobado pola Xunta do Goberno Local, polo que en vez de debater e consensuar o
orzamento cos outros grupos políticos, pode ser aprobado de forma unilateral.
Unha vez máis temos que lamentar que a mala
xestión do Concello de Santiago, demostrada no elevadísimo volume de facturas
pendentes de pago, hipoteca a vida da
veciñanza obrigándonos a pagar máis que outras cidades galegas polos mesmos
impostos e servizos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario