O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA
COMPOSTELA OPONSE AO PECHE EN AGOSTO DA CASA DAS ASOCIACIÓNS DE BENESTAR SOCIAL
(CABES)
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO CONCELLO QUE PRIORICE AS SÚAS
ACTUACIÓNS, INVESTINDO EN GASTO SOCIAL E NON EN ACTUACIÓNS COSMÉTICAS.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela
manifesta que os Concellos deben velar por prestar servizos sociais que a
cidadanía demanda e precisa.
A Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES)
é un espazo hoxe xa considerado polo sector social imprescindible. As
asociacións que velan polo benestar social e que favorecen a igualdade de
oportunidades teñen na CABES o seu espazo onde atender ás persoas que veñen a
solicitar a súa axuda.
Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida
Compostela entendemos que un espazo así, en tempos en que as necesidades das
persoas se ven incrementadas día a día polo abafante clima de recortes, non
pode pechar as súas portas. E isto semella que é o que pode acontecer durante o
mes de agosto.
Se a xustificación é aforrar o salario necesario
para que o centro se manteña aberto durante o mes de agosto, resultaría aínda
máis anoxante, considerando os gastos superfluos nos que se embarca o Concello
de Compostela.
O peche da CABES prexudica aos colectivos ao atrancar,
de forma clara, a atención ás persoas que acoden a solicitar información e
axuda. As asociacións e as persoas que dependen delas precisan de estabilidade.
Lembremos que a Asociación de Xordos, por exemplo, mantén un servizo de
intérpretes nesas dependencias.
Que quere o Concello? Que trasladen por un mes
todos os seus arquivos, expedientes e demais información? Non podemos esquecer
que durante o mes de agosto as asociacións poden recibir un requirimento de
documentación por parte da administración e se a CABES está pechada resulta
obvio que non poderían atender dito requirimento.
En tempos de naufraxio, a igualdade de
oportunidades debe ser prestada de forma plena pola administración pública. Xa
resulta claro que son as asociacións de todo tipo as que atenden as necesidades
dos colectivos máis desfavorecidos. Mais, por riba, que sexa a administración
pública a que lle poña atrancos merece toda a nosa repulsa.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende que o
departamento dos servizos sociais, do benestar social do Concello non funciona
como deberan funcionar. Estanse producindo movementos de persoal dos servizos
sociais para outros servizos municipais e preguntámonos as razóns. Isto pon en
perigo o mantemento de certos servizos.
Esiximos que non se suprima ningún servizo e que,
na medida do posible, se poñan en marcha os mecanismos precisos para que
durante o mes de agosto as necesidades das persoas se vexan atendidas de forma
plena polo Concello de Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario