lunes, 12 de agosto de 2013

Defensa Patrimonio



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REXEITA OS DANOS QUE SE CAUSAN NA ZONA VELLA DA CIDADE POLO USO INDEVIDO DO ESPAZO PÚBLICO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA APOSTA POLO USO RESPONSÁBEL DO PATRIMONIO
 
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a defensa do patrimonio da cidade, a súa conservación e acceso ao público é unha prioridade, xa que Santiago é unha localidade chea de marabillas e tesouros que pertencen a toda a cidadanía.

O pasado sábado 10 de agosto leváronse a cabo unhas actividades na Praza da Quintana dos Vivos, nas que facía falta suxeitar unhas estruturas de metal. Estas ataduras realizáronse directamente dende as pedras da praza, supoñendo un dano ás mesmas.

Este Consello Comarcal sempre está a favor de fomentar as actividades culturais e deportivas na rúa, polo que non manifestamos que as actividades non se tiveran que desenvolver senón que o concello volve a pecar de neglixente ao non facilitar outras opcións para levalas a cabo que non provoquen o deterioro da cidade.

En palabras de Noel Dopazo, responsable de cultura e patrimonio do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, “o Concello parece non ser consciente de que a zona vella da cidade é patrimonio da humanidade e debe ser conservado e protexido. Obviamente, a administración do Partido Popular non está a facelo ben”.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos pedir ao Concello que comece a exercer as súas funcións como é debido e que non volva a poñer en perigo o tesouro patrimonial da nosa cidade.

No hay comentarios: