O
CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA LAMENTA AS DECISIÓNS DO CONCELLO RELATIVAS
AO REFUXIO DE BANDO QUE SUPOÑEN RECORTES NOS SALARIOS E AUMENTO DE TAXAS.
O
CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA
QUE AS MEDIDAS ADOPTADAS NON RESOLVEN OS ACTUAIS PROBLEMAS DO REFUXIO E
SON UN NOVO LASTRE NO SEU FUNCIONAMENTO.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela,
no seu interese polo benestar dos animais, rexeita as decisións tomadas pola
Concellería de Medio Ambiente en relación ao Refuxio de Bando.
Manifestamos a nosa oposición as actuais medidas
anunciadas que, como é costume no Partido Popular, supoñen recortes nos salario
das empregadas e empregados do refuxio e un elevado aumento nas taxas de
adopción.
O aumento das taxas e o cobro de servizos antes
incluídos no prezo da adopción, como é a esterilización, provoca que non exista
apenas diferenza económica entre adoptar un animal no Refuxio de Compostela ou comprar un. Desta
forma se fai imposible o que debería ser
un dos obxectivos da Concellería de Medio Ambiente: fomentar e promover na sociedade a adopción de animais
abandonados fronte a compra. En contra do afirmado, os prezos estipulados non
distan dos de empresas privadas, en ocasións incluso menores, sendo o seu
obxectivo o lucro privado e non a defensa dos dereitos dos animais.
Na nosa opinión, as medidas anunciadas son o
derradeiro lategazo ao Refuxio de Bando.
O aumento dos custos da adopción, en tempos de crise, suporá a
inevitable baixada nas adopcións e definitivamente o desmantelamento dun
refuxio de titularidade e xestión pública.
Dende O Consello Comarcal de EU Compostela
consideramos que estas medidas non atacan o problema real do Refuxio de Bando.
Reiteramos a nosa proposta, e a de outras organizacións, da realización dunha
avaliación do actual funcionamento do Refuxio, acometendo unha reestruturación
onde se asegure unha xestión organizativa e económica transparente e pública,
primando sempre o benestar dos animais.
En relación ás voluntarias e voluntarios esperamos
que as normas aprobadas sexan acordes
coa Lei de Voluntariado, recollendo as súas funcións, deberes e dereitos;
rematando coas polémicas anteriores e garantindo o respecto ao voluntariado que
de forma altruísta dedica o seu tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario