domingo, 2 de noviembre de 2008

RESPOSTA DA CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE Á PREGUNTA FORMULADA POR ESQUERDA UNIDA SOBRE AS XESTIÓNS DA VÍA VERDE

Con data de 15 de outubro déuse saída á resposta á pregunta que formulou o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sobre o estado das xestións para a creación da Vía Verde. En calidade de Coordinador Comarcal cabe felicitarse da pronta resposta da concellaría que dirixe Elvira Cienfuegos. De seguido reproducimos a resposta para que os veciños e veciñas saiban como van as cousas:

***
En contestación ao seu escrito do 18 de setembro de 2008 (núm. rex. 44075) sobre a futura vía verde infórmolle do seguinte:

a) Con data de 17/12/2007 o Concello solicitou do ADIF a cesión para transformación en "Vía Verde" do tramo de vía comprendido entre o km 384/600 e o 397/400, ao mesmo tempo que iniciou as xestións ante os Concellos de Oroso e Ordes para prolongar a "Vía Verde" até este último.
b) Unha vez que os Concellos de Oroso e Ordes se sumaron a esta iniciativa, déronse os pasos para proceder á constitución dun Consorcio que xestione a futura "Vía Verde", pasos que se traducirán no comezo do proceso constituínte, acto que vai ter lugar o vindeiro día 16 no Pazo de Raxoi.
c) Paralelamente, dende esta Concellaría solicitáronse orzamentos para a contratación do servizo e redacción e execución do proxecto de acondicionamento da Vía Verde.
d) Así mesmo, realizáronse xestións a resultas das que, recentemente, obtivemos o compromiso da Dirección Xeral de Turismo para o financiamento da citada contratación.
d) Na liña de aprender doutras experiencias no acondicionamento e xestión de Vías Verdes, o vindeiro 22 de outubro vai ter lugar o Foro sobre iniciativas e experiencias en Vías Verdes, organizado pola FFE e a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Santiago, aberto a toda a cidadanía e no que aproveitamos a ocasión para convidalo a participar.

Sen dúbida, o proceso é máis longo do desexábel pero temos a confianza de que chegue aos resultados esperados.
Agradecendo o seu interese e lembrándolle que continuamos á súa disposición para calquera suxestión ou achega, reciba un cordial saúdo
A Concelleira de Medio Ambiente
Elvira Cienfuegos López.

****
Reiteramos a nosa satisfacción pola pronta resposta. Pero non podemos deixar de anotar a dúbida que nos deixa o proceso constituínte do "vindeiro 16" (de outubro? sería ao día seguinte; de novembro? sería un domingo), xa que á nosa organización política e social e de seguro que aos diferentes colectivos que traballan por un mundo máis saudable e mellor nos gostaría formar parte de dito proceso para que non permaneza unicamente no eido institucional.
Agradecer tamén o convite do día 22 de outubro, pero o certo é que estivemos traballando arreo na Conferencia Nacional de Esquerda Unida que tivo lugar o 25 de outubro e non tivemos ocasión de poder asistir ao Foro sobre Vías Verdes.
Esquerda Unida seguirá moi atenta ao desenvolvemento das xestións para a creación desta Vñia Verde.
Santiago, 2 de novembro de 2008
O Coordinador Comarcal
Xabier Ron

No hay comentarios: