domingo, 1 de febrero de 2009

Presentación candidaturas



Esquerda Unida preséntase para ser a voz da clase traballadora e dos máis desposuídos no Parlamento de Galicia

A esquerda real que pode suprimir as prácticas neoliberais do Bipartito.

Conducida por Manuel Peña-Rey Bouzas, un dos intelectuais máis destacados de Galicia desde os tempos da clandestinidade e sempre comprometido coa esquerda real da que nunca de apartou, tivo lugar hoxe, no salón Praterías do Hotel Puerta del Camino, a presentación das candidaturas de Esquerda Unida a estas Eleccións Autonómicas á Xunta de Galicia 2009.

Son candidaturas perfectamente paritarias, incluso nas cabezas de cartel, con incorporación de xente nova e coa presenza dos nosos cargos públicos e, en xeral, dos nosos cadros máis activos entre os movementos sociais galegos.

Despois da presentación de Manuel Peña-Rey os candidatos e candidatas foron tomando a palabra. Comezou Carmen Iglesias, cabeza por Ourense, que destacou o compromiso ilusionante que representa expoñer á sociedade galega as claves que converten a Esquerda Unida na alternativa realmente de esquerdas, anticapitalista, federal e que aspira á construción do socialismo desde o real. Seguiu Carlos Portomeñe, cabeza por Lugo, que destacou a necesidade de Esquerda Unida para denunciar o entreguismo do bipartito ao capitalismo...galego, iso si, pero capitalismo ao fin, que non renuncia a acumular beneficios explotando ou despedindo aos traballadores e traballadoras. Juan Fajardo, cabeza por Pontevedra, incidiu en que entraremos no Parlamento para ser a voz da clase traballadora, para defender, poñendo por riba de todo o social e o público, aos galegos e galegas. Finalizou o acto coa palabra de Yolanda Díaz, cabeza por Coruña e candidata á Presidencia, que puxo de relevo a enorme decepción que supuxo o bipartito en ecoloxía social, en respecto dos servizos públicos, onde practicaron verdadeiro continuismo con respecto ás políticas fraguistas. O desbaldimento da Cidade da Cultura, a privatización da sanidade (liña 902 para concertar citas na atención primaria), o entreguismo á privada regalando diñeiro público para concertar aí onde debera haber xa prazas públicas.

Esquerda Unida traballará arreo na rúa, fronte as fábricas, fronte ás empresas, para dicir as verdades que quere calar o bipartito e as mentiras que quere inculcar a dereita rancia que significan tanto PP como UPyD (significativas as falacias que están creando ao redor da lingua galega).

Santiago, 31-xaneiro-2009.

No hay comentarios: