martes, 28 de septiembre de 2010

Mesa Redonda sindicatos

A MESA REDONDA ORGANIZADA POR ESQUERDA UNIDA CONFIRMA O MALESTAR DA CIDADANÍA POLA REFORMA LABORAL E A MASIVA MOBILIZACIÓN QUE GARANTE O ÉXITO NA CONVOCATORIA DE FOLGA.

OS TRES EX-SECRETARIOS XERAIS DE CIG, CCOO E UGT REINVINDICARON UN CAMBIO NAS POLITICAS NEOLIBERAIS QUE AFOGAN A CLASE TRABALLADORA E OS PENSIONISTAS ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CHAMA A PARTICIPACION NOS PIQUETES INFORMATIVOS E NAS MANIFESTACIONS QUE SE LEVARAN A CABO O 29S

Esquerda Unida Compostela agradece a participación da cidadanía na mesa redonda levada a cabo baixo o lema “AS REFORMAS LABORAIS NO ESTADO ESPAÑOL: A IMPORTANCIA DAS MOBILIZACIONS”, e súmase as reivindicacións realizadas polos ex-secretarios xerais de CIG, Fernando Acuña, UGT, Xesús Mosquera e CCOO, Xesús Díaz. Nas intervencións realizadas polos ex-secretarios xerais quedou claro que a contrarreforma laboral levada a cabo polo goberno do PSOE, para ledicia da dereita e da patronal, supón o maior ataque en democracia aos dereitos laborais da clase traballadora, cuxas consecuencias son o aumento da precariedade laboral, a intención de acabar coa negociación colectiva e o descrédito do sistema público de pensións.
No debate posterior os tres poñentes manifestaron a súa preocupación polo ataque inxustificado que se está a levar a cabo contra os sindicatos, ataque que procura que a clase traballadora quede indefensa ante os ataques do capital. Tamén recoñeceron que a unión de acción sindical é moi importante para acadar o éxito na loita por eliminar a inxusta e inxustificada contrarreforma laboral e que o ataque á clase traballadora e aos pensionistas se está a levar a cabo tanto polo Goberno Central como autonómico e, por suposto, pola patronal. Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera o seu chamamento á cidadanía para a mobilización nos piquetes informativos e nas manifestacións que se levarán a cabo, recordando que o día 29 de setembro é o punto de partida das reivindicacións que unicamente rematarán cando se retire a contrarreforma laboral levada a cabo polo goberno de Zapatero e se retorne a unha política social de esquerdas.

viernes, 24 de septiembre de 2010

Organización mesa redonda

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ORGANIZA UNHA MESA REDONDA DE APOIO A FOLGA XERAL COA INTERVENCIÓN DE EX-SECRETARIOS XERAIS DOS SINDICATOS CIG, UXT E CCOO.

O CONSELLO COMARCAL RATIFICA O APOIO DE ESQUERDA UNIDA Á CONVOCATORIA DE FOLGA XERAL EN DEFENSA DOS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA E DOS PENSIONISTAS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela organiza o vindeiro luns, día 27, ás 19:15 no centro sociocultural e xuvenil do Ensanche, rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, una mesa redonda baixo o lema “AS REFORMAS LABORAIS NO ESTADO ESPAÑOL: A IMPORTANCIA DAS MOBILIZACIÓNS”, moderada polo noso coordinador comarcal, Xabier Ron, e que contará coas intervencións dos ex-secretarios xerais: Fernando Acuña (CIG), Xesús Mosquera (UXT) e Xesús Díaz (CCOO).

Neste acto, aberto á participación de quen o desexe, EU Compostela prosegue o seu traballo a prol do éxito da folga xeral, reivindicando a importancia que as mobilizacións da clase traballadora tiveron e terán na loita para acadar e manter os dereitos laborais, e denunciando a manipulación informativa que procura o fracaso desta convocatoria.

A contrarreforma realizada polo goberno do PSOE –para ledicia da dereita- mostra unha vez máis a política neoliberal na que vivimos e que ataca os dereitos sociais e laborais acadados tras décadas de loitas e sufrimentos, mostrando, sen lugar a menor dúbida, a crúa realidade que Esquerda Unida ven denunciando desde hai tempo e que fai necesario o cambio a un modelo económico sustentable e solidario, baseado no decrecemento e no fortalecemento dos servizos públicos.

Por todo isto, Esquerda Unida Compostela fai un chamamento á clase traballadora e os pensionista para que se mobilicen o vindeiro mércores 29 e lograr, unha vez máis, que a convocatoria de folga xeral sexa o éxito que xa foron as anteriores convocatorias, provocando o cambio na política levada até o de agora polo goberno do PSOE.



jueves, 23 de septiembre de 2010

viernes, 10 de septiembre de 2010

jueves, 9 de septiembre de 2010

Chamamento manifestación

CHAMAMENTO

MOBILÍZATE POLOS TEUS DEREITOS. POR UNHA SAÍDA DE ESQUERDAS Á CRISE

Prezados veciños / prezadas veciñas
Xa non caben máis renuncias. Xa abonda de deixar facer. De resignarse. De queixarse e non reaccionar. De non actuar é permitir o acoitelamento dos nosos dereitos, do noso futuro.

Os culpables da crise non somos nós, a clase traballadora. Non. Os culpables son outros. Pero saíron ben parados. Ninguén asumiu a súa responsabilidade e mesmo recibiron a axuda do diñeiro público entregado con xenerosidade por parte de quen debía protexer á clase traballadora. Estes auténticos desgobernadores do ben público, a nós, a base real da sociedade, non nos beneficiaron nin axudaron en ningún momento. Todo o contrario. A nós, castígannos con traballos precarios; con temporalidades extremas; con reducións salariais sobre reducidos salarios; co desemprego masivo; co aumento de impostos indirectos que gravan por igual aos que menos teñen ca os que máis teñen, mentres os millonarios agochan os seus beneficios en paraísos fiscais e pode ser amnistiados; coa chantaxe, verdadeira falsidade, de que hai que elevar a idade de xubilación aos 67 anos para manter o sistema; coa destrución sistemática e planificada do noso patrimonio: os servizos públicos, entregándoos a empresas privadas

Os nosos desgobernadores non axustan a carteira dos poderosos. A súa política de axustes é pensar como afogarnos con máis obrigas, con máis impedimentos para vivir con dignidade. E todo legalizado cunha nova reforma laboral que só estenderá aínda máis a nosa indefensión perante a patronal. Non podemos permitilo. É moi importante que sexamos moitos e moitas este domingo 12, que vexan que non imos calar. Todos xuntos podemos impedilo. Temos que recuperar a iniciativa fronte a esta política de desmantelamento dos nosos dereitos, do noso futuro, da nosa dignidade.


PORQUE HAI ALTERNATIVA.
LOITEMOS XUNTOS POLOS NOSOS DEREITOS


DOMINGO 12 DE SETEMBRO DE 2010
ÁS 12H, NA ALAMEDA DE COMPOSTELA

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Manifestación "Por unha saída de Esquerdas á crise"

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animámosvos a participar, este domingo día 12 ás 12:00, na manifestación "Por unha saída de Esquerdas á crise".

jueves, 2 de septiembre de 2010

Moción retirada contrarreforma laboral

Hoxe o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedindo o Pleno do Concello da nosa cidade que demande o goberno central a retirada da contrarreforma laboral.