jueves, 9 de enero de 2014

Medidas para previr a pobreza enerxética



A pobreza enerxética pódese definir como aquela situación que sofre un fogar incapaz de pagar unha cantidade de servizos da enerxía suficiente para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou cando se ve obrigado a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos a pagar a factura enerxética da súa vivenda.

A pobreza enerxética depende fundamentalmente de tres compoñentes: os ingresos familiares, os custos da enerxía e a calidade da vivenda en canto á súa eficiencia. Segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares -EPF- e a Enquisa de Condicións de Vida -ECV, arredor do 10% da poboación española sófrea (4 millóns de persoas). A ECV de 2011 destaca que o 6% da poboación non pode manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada, porcentaxe que se sitúa no 8% o caso de mulleres que habitan soas. 

O último informe do Observatorio de Vulnerabilidade de Cruz Vermella sinala que preto do 58% das persoas atendidas por Cruz Vermella durante o 2013 tiña problemas para manter a súa casa a unha temperatura óptima, un 16% máis que no 2011. Outro dato é que unha de cada tres persoas atendidas por Cruz Vermella non pode pagar as subministracións básicas, como a auga, a luz ou o gas.

A pobreza enerxética ten un impacto profundo na vida das persoas e pode influenciar na súa esperanza de vida e no agravamento de enfermidades crónicas. Estímase que a pobreza enerxética pode ser responsable de máis de 2.300 mortes prematuras anuais fronte ás 1.480 provocadas por accidentes de tráfico. As consecuencias da pobreza enerxética son múltiples: a falta de calefacción afecta á hixiene, a saúde (afeccións respiratorias, etc.) e, a miúdo, xera sobre mortalidade e sobre endebedamento, así como illamento social e xeográfico.

A UE tamén comparte este diagnóstico e xa nas Directivas 2009/72/CE e 2009/73/CE do mercado interior de electricidade e gas, respectivamente, expoñen esixencias que obrigan aos Estados Membros a adoptar medidas para abordar o fenómeno da pobreza enerxética.

O Estado español é o país da UE27 cos prezos da electricidade máis caros, despois de Malta e Chipre (FACUA 2012). Segundo datos de Cruz Vermella de 2012, en dous anos o gas incrementouse o 22%, a luz o 34%, a auga o 8,5% e a bombona de butano o 23%. Segundo Eurostat, desde 2001 a 2012, a factura de electricidade en España custa de media un 105,1% máis. Entre 2007 e 2012, un 49% máis.

Mentres concellos e entidades sociais incrementan as axudas destinadas á urxencia social, e concretamente ás referidas ao pago de facturas de gas, luz e auga, as grandes compañías de subministración continúan obtendo beneficios millonarios, que chegan a ser da 6,78% fronte ao 2,62% das europeas, e ordenando o corte de subministracións por débedas irrisorias.

O Estado debería mellorar o actual bono social, para ter en conta tamén as condicións da vivenda e o nivel de ingresos familiares e non só a potencia contratada ou a situación familiar/laboral. Tamén habería que valorar a posibilidade de establecer un bono social para o gas butano, como xa fan outros países.

O Real Decreto-lei 13/2012, de 30 de marzo, polo que se traspoñen directivas en materia de mercados interiores de electricidade e gas e en materia de comunicacións electrónicas, e polo que se adoptan medidas para a corrección das desviacións por desaxustes entre os custos e ingresos dos sectores eléctrico e gasista, fai referencia no seu redactado á pobreza enerxética, anuncia o establecemento de medidas de protección para o consumidor vulnerable e reverte transitoriamente ao bono social eléctrico regulado no Real Decreto-lei 6/2009, de 30 de abril, polo que se adoptan determinadas medidas no sector enerxético e se aproba o bono social.

Existen experiencias a nivel europeo onde ademais de axudas puntuais a colectivos vulnerables para o pago de facturas ou dirixidas ao aforro e eficiencia enerxética, aseguran a subministración en momentos críticos, trátase de impedir a desconexión durante os meses de máis frío ou a consumidores/as vulnerables, é dicir aquelas persoas que por razóns de idade, saúde, discapacidade ou inseguridade financeira grave non están en condicións de garantir o seu benestar persoal e o do resto de membros da súa familia.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Esixir ao Goberno de España a aprobación dunha Lei de medidas para previr a pobreza enerxética que regule o sistema de subministracións básicas do fogar e inclúa mecanismos que prime o aforro e penalice o consumo ineficiente, garantindo que as tarifas non sexan obxecto de mercado, establecendo prezos sociais e elementos de fiscalidade enerxética favorables para as familias con baixos ingresos económicos. Igualmente, na citada Lei estableceranse medidas para que todos os fogares poidan manter unhas condicións adecuadas de temperatura como dispor doutros servizos enerxéticos esenciais a un prezo xusto. Crearase o bono social para aqueles fogares con poder adquisitivo reducido ou en risco de exclusión social, establecéndose unha tregua invernal e impedindo o corte de subministración a estas familias.

Segundo. O Concello de Santiago de Compostela elaborará un plan contra a pobreza enerxética, co obxectivo de garantir o dereito da cidadanía ás subministracións básicas do fogar que permita identificar, previr e corrixir as situacións detectadas

Terceiro. Instar o Goberno de España a modificar a Lei 3//1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido establecendo un IVE reducido para o prezo de gas e a electricidade a nivel doméstico.

No hay comentarios: