A
ÁREA DE MOCIDADE DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE MELLORAS NO FUNCIONAMENTO
DO TRANSPORTE PÚBLICO DA COMARCA.
Dende a Área de Mocidade de Esquerda Unida
Compostela esiximos melloras no funcionamento do transporte público da comarca.
Demandamos medidas que verdadeiramente faciliten o
seu uso e fomenten a fidelización, e que teñan en conta aos colectivos máis
necesitados deste servizo, como o estudantado ou a xente en situación de
desemprego. Cremos necesarias políticas sociais de transporte público que
loiten contra a exclusión social, a contaminación medioambiental e a conxestión
do tráfico.
Solicitamos un abaratamento xeral dos prezos para
estudantado que, se ben dispoñen dunha tarifa especial, segue a constituír un
desembolso periódico moi importante; especialmente para un colectivo que
enfronta numerosos gastos e dispón de fontes de renda limitadas.
Consideramos tamén preciso o establecemento dunha
liña de transporte público que permita á clase traballadora achegarse aos seus
centros de traballo nos polígonos industriais da nosa comarca coa fin de
facilitar a súa integración laboral nos puntos que ofrecen unha maior
problemática de desprazamento.
Por outra banda, entendemos que é urxente que o
sistema de tarificación recoñeza a gratuidade deste servizo para a cidadanía
desempregada; unha iniciativa básica que xa foi tomada en moitos concellos de
Galicia e que responde a unha necesidade elemental dun dos sectores da
cidadanía máis prexudicado pola crise-estafa que padecemos.
Ao mesmo tempo, consideramos necesarias melloras
que solventen o desequilibrio do transporte urbano nas distintas zonas da
comarca e unha maior atención á súa puntualidade e fluidez.
Para garantir a calidade do servizo de transporte,
solicitamos un estudio e debate profundos sobre a remunicipalización desta
prestación, constituíndose a xestión directa como unha alternativa e aposta
política forte.
Asemade, cremos na necesidade de promover na
sociedade o emprego de medios de transporte non prexudiciais co entorno,
tendentes a fomentar hábitos de vida saudables na mocidade e a mellorar a
convivencia urbana, e resolver a problemática da fluidez do tráfico nas nosas
estradas. O método para resolvelo o máis eficientemente posible sería a
creación de diversos puntos en toda a cidade onde se puidese coller unha
bicicleta gratuitamente e, como forma de complementalo, desenvolver unha rede
de carrís bici na cidade.
Tamén consideramos oportuno retirar as cámaras de
videovixianza en favor da contratación de máis persoal que comprobe que a xente
mercou o seu correspondente billete ou bono.
Por outra banda, é preciso que Santiago, como
localidade que reúne a un gran número de mozas e mozos de diversas áreas
xeográficas durante todo o ano, conte coa existencia do Noitebus, transporte
que supoñía unha alternativa segura e eficaz ao uso dos vehículos particulares,
que estea en funcionamento durante as horas que os autobuses urbanos permanecen
inactivos.
Finalmente, consideramos de vital importancia as
melloras no transporte metropolitano que comunica Santiago coas súas áreas
limítrofes, como o viaxe gratuíto para as persoas en situación de desemprego,
as e os pensionistas e o estudantado.
Reiteramos que o transporte público é un servizo
de primeira necesidade e non pode converterse nun obstáculo para o acceso ao
traballo ou á educación, nin dificultar a mobilidade ata a cidade ou
discriminar aos cidadáns das poboacións veciñas.
Así pois, propoñemos que as liñas cubertas polo
transporte urbano inclúan tamén, de xeito habitual e dinámico, tódalas aldeas
da nosa contorna nas que exista xuventude, como único instrumento posible para
outorgarlle unha alternativa ao transporte privado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario