O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario que o
Concello se involucre activamente para garantir o dereito a unha vivenda digna.
Demandamos que o goberno local do Partido Popular leve a cabo un censo de
todos os inmobles de titularidade municipal, dende vivendas ata locais, co fin
de estudar cales poden ser aptos para evitar que veciñas e veciños queden sen
vivenda por mor dos desafiuzamentos.
Recordamos, que como medida para garantir o dereito a unha vivenda, o
pasado 24 de marzo de 2012 presentamos unha iniciativa para crear a Axencia
Pública Municipal de Aluguer, que ademais doutras vivendas, se pode facer cargo
dos inmobles de titularidade municipal que sexan aptos para este cometido.
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela apoiamos a proposta
da PAH para a sanción dos inmobles permanentemente desocupados propiedade de
entidades financeiras e outras grandes empresas.
Incluso o pasado 16 de xuño de 2012 presentamos unha moción na que
demandábamos a xestión pública das vivendas dos bancos e caixas, promovendo que
se fixera a través da Axencia Municipal de Aluguer.
Outra, das moitas medidas que propuxemos para garantir o dereito a unha
vivenda, foi a elaboración dun censo de vivendas baleiras para aplicarlles a
recarga máxima no IBI que permita a lei, e así fomentar a súa posta en aluguer.
Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes
preguntas para a súa resposta por escrito:
- Ten previsto o Concello elaborar un censo de inmobles de titularidade pública?
- En caso afirmativo, acometerá un estudo sobre novas posibles utilidades que poder darlle a estas instalacións municipais, como, por exemplo, a de vivenda para persoas desafiuzadas?
- Que medidas ten previsto realizar este Concello para garantir as veciñas e veciños o dereito constitucional a unha vivenda digna?
No hay comentarios:
Publicar un comentario