lunes, 13 de junio de 2011

Conde Roa e as súas "propostas"

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA QUE AS ACUSACIÓNS DE CONDE ROA SOBRE A DÉBEDA DO CONCELLO SON A XUSTIFICACIÓN QUE NECESITA O PP PARA LEVAR A CABO A SÚA POLÍTICA DE RECORTES.

EU COMPOSTELA CRITICA A FALTA DE ÉTICA DE CONDE ROA AO VERTER ACUSACIÓNS SOBRE A DESTRUCIÓN DE FACTURAS BASEÁNDOSE EN “RUMORES” .


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela tiña a intención de respectar os protocolarios cen días de xestión do equipo de goberno, que, logo da decisión xudicial, sexa o encargado de gobernar en Raxoi, para comezar o cometido, avalado por máis de 1900 persoas, de fiscalizar dita xestión e propoñer medidas para mellorar a calidade de vida das persoas que fan vida no noso concello desde parámetros de esquerdas.

Mais, o que probablemente será futuro alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, non necesitou dese prazo para ratificar as nosas sospeitas sobre o que lle agarda ao noso concello en materia de servizos. En efecto, emulando o comportamento de Feijóo unha vez chegado ao goberno da Xunta de Galicia, unha das primeiras “propostas” de Conde Roa é a acusación, sen máis proba que a súa palabra baseada en “rumores”, sobre débedas e buratos económicos no Concello de Compostela. Argumentos que quere inocular o PP de Conde Roa no imaxinario da sociedade compostelá para, aproveitando dita circunstancia, aplicar a austeridade neoliberal e realizar unha política de recortes e marcadamente antisocial e clientelar.

Desde EU Compostela consideramos que a decencia, que a un cargo público se lle esixe, non permite utilizar “rumores” sobre “trasgos que destrúen papeis” para criticar o aínda actual equipo de goberno en funcións, pois estas verbas non fan máis que demostrar a escasa valía do proxecto do señor Conde Roa para Santiago, chea de confrontación gratuita e demagoxia.

Por todo isto Esquerda Unida Compostela quere ratificar o seu compromiso de realizar nos vindeiros catro anos un traballo serio e honesto, desde as rúas, reuníndose cos veciños e veciñas, elevando ao Pleno do concello propostas e non ocorrencias, defendendo dende o respecto o seu ideario de Esquerda Alternativa e Transformadora.

No hay comentarios: