jueves, 18 de septiembre de 2014

Elección democrática de alcaldes e alcaldesas



Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o ámbito local é un espazo complexo e plural, a primeira instancia para a resolución dos problemas da cidadanía e para a mellora das condicións de vida da xente.

Os Concellos son o principal dique de contención contra a crise, una espazo de resistencia, de dignidade, de defensa dos dereitos da cidadanía, onde se xeran alternativas sociais e económicas para paliar os efectos da crise e dos recortes.

O Consello Comarcal de EU defendemos un modelo de goberno local de proximidade, un modelo que desenrole a autonomía local e as competencias, con recursos suficientes para facelas efectivas.

A educación, os servizos sociais, as políticas de igualdade, a cultura, a solidariedade e o dereito á vivenda son as claves da vertebración municipal e a construción da cidade que demandan as veciñas e veciños.

Os Concellos son a expresión máis evidente da chegada da democracia: concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas, escollidos para satisfacer as demandas dos seus veciños e veciñas. Desde ese principio de administración máis próxima, configuráronse os Concellos como as entidades que visualizaron a democracia e que representaron a primeira experiencia, ata agora irreversible, de descentralización política.

A democracia no é compatible cun goberno municipal que non reflicta a maioría dos votos expresados nas eleccións. Iso significa que unha lista municipal non pode ter a maioría de goberno e, consecuentemente, a alcaldía, se non ten o respaldo da maioría dos votantes, expresada por un sistema de representación política constitucionalmente establecido.

A democracia quedaría seriamente afectada e os criterios de proximidade e participación vulnerados. A maioría das veciñas e veciños verían a alcaldes e alcaldesas como cargos públicos afastados da realidade social e non queridos.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. O Pleno do Concello manifesta a súa oposición a calquera reforma relativa ao método de elección de concelleiros/as e alcaldes/sas das Corporacións Locais e, moi especialmente a:

a) A atribución de calquera prima de representación por concelleiros á lista ou listas máis votadas, por vulnerar os principios de proporcionalidade e voto igual establecidos constitucionalmente.

b) A atribución da alcaldía á lista máis votada, cando non teña o respaldo da maioría dos concelleiros elixidos en voto igual mediante un sistema proporcional e constituídos no Pleno do Concello.

c) A constitución do Pleno Municipal por concelleiros/as que non foran elixidos/as no mesmo acto electoral mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, tal como establece o art. 140 da Constitución Española

No hay comentarios: