Prezada veciña
/ prezado veciño
Desde a nosa
tradición de esquerda, transformadora e anticapitalista, levamos moito tempo en
ESQUERDA UNIDA traballando desde o convencemento de que existe unha alternativa
ao sistema capitalista, hoxe transformado nun verdadeiro monstro cobizoso baixo
a súa faciana neoliberal.
Xa hai un
lustro que nos dimos conta de que sós non se vai a ningures. Que o rival é
demasiado poderoso como para que pequenos átomos acudan a loitar contra ese
xigantesco Goliat. Así naceu o proceso da Refundación da Esquerda en Esquerda
Unida que fraguou no 2012 na conformación da coalición Alternativa Galega de
Esquerda, con representación no Parlamento de Galicia.
Mais as
urxencias son demasiadas. Son moitas as frontes. Ningún eido queda liberado das
gadoupas dos recortes, deste austericidio que empurra á pobreza a cada vez máis
persoas. Un sistema de vida que nos quere submisos e resignados.
Chegou o
momento de traballar con honestidade, con xenerosidade e con sinceridade para
avanzarmos na conformación de procesos de confluencia, de converxencia das
diferentes forzas políticas, sociais e cidadás desexosas de artellar un
programa de acción destinado a debuxar no futuro a esperanza da transformación
desta sociedade e deste sistema de vida. Todo desde un dobre enfoque: reducir
as diferenzas que nos separan ao mesmo tempo que as respectamos no esencial.
Un programa de
acción que debe asentarse no principio primordial de devolver a democracia á
cidadanía. Con vistas a elaborar as liñas mestras deste programa, Esquerda
Unida lanza en Galicia unha serie de actos públicos baixo o lema #ENCONTRO PARA
UN NOVO PAIS.
En Compostela,
o xoves 23 de outubro, ás 20h15, na nosa sede da rúa Dublín, no barrio de
Fontiñas, terá lugar unha Asemblea Aberta destinada a dialogar, debater e
achegar propostas para contribuír no deseño dese programa de acción. Para iso,
é esencial que o maior número de persoas, organizadas ou non en colectivos de
acción social, decidan achegar a súa perspectiva.
Coa presente
carta desexamos, polo tanto, convidarte a que participes nesta Asemblea Aberta
de Compostela e axudes na dura tarefa de conformar o programa de acción que nos
defina a todos e todas. Ao mesmo tempo, como podes comprobar na documentación
que se adxunta con esta convocatoria, quedas convidado ou convidada ao acto
central de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 25 de outubro no Paraninfo
da Universidade de Coruña ás 12:30, onde contaremos coa presenza do compañeiro
Alberto Garzón (responsable do proceso constituínte) e a compañeira Lara
Hernández (secretaría de converxencia). Para que poidas asistir a este acto de A Coruña poñemos de forma gratuíta e
a vosa disposición un autobús que sairá de Compostela ás 11 horas. Aquelas
persoas que queiran ir nese bus terán que enviar un correo electrónico ao
correo da comarca (eu-santiago@esquerdaunida.org) dando o nome, correo
electrónico e número de teléfono. Como día tope para avisar será este xoves ás
24 horas ou ben indícalo na própia asemblea do xoves. Para calquera cuestión
tamén podes chamar a José M. Tubio –organización EU Compostela- ao teléfono 682
623 090
Agardando poder
saudarte na Asemblea Aberta de Compostela, recibe un cordial saúdo
Xabier Ron
No hay comentarios:
Publicar un comentario