domingo, 28 de marzo de 2010

Valoración datos usuarios transporte público

O CONSELLO COMARCA DE EU COMPOSTELA VALORA NEGATIVAMENTE OS DATOS DO 2009 NO NÚMERO DE USUARIOS DE AUTOBUSES PÚBLICOS NA NOSA CIDADE.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE UN MAIOR INVESTIMENTO PARA A MELLORA DO TRANPORTE PÚBLICO.

CÓMPRE COMEZAR CON MEDIDAS SERIAS SE QUEREMOS DE VERDADE CONTRIBUIR CO MEDIOAMBIENTE E ACADAR UN NOVO MODELO.

O consello comarcal de Esquerda Unida Compostela critica duramente as escusas peregrinas argumentadas polo Concello para xustificar a baixada de usuarios no transporte público. En primer lugar non é concebible considerar a crise económica como causante desta baixada, porque precisamente un transporte público, de calidade e económico, sería unha solución moi acaída para os afogos económicos dos habitantes do noso municipio e comarca.

Tampouco a pueril argumentación de que o ano 2008 tivo máis días laborables, só tres, pode xustificar unha baixa de usuarios superior ao dous por cento, e, moito menos, que a xusta reinvindicación dos gandeiros do noso país coas tratoradas supoña, segundo os responsables de Trasnportes da nosa cidade, un retrotraemento dos usuarios á hora de tomar o autobús como medio de transporte.

Dende EU Compostela consideramos laboura indispensable deste Concello, e de calquera outro, a promoción do transporte público, polo que se deben executar medidas orzamentarias que conleven unha mellora sustancial da calidade do servizo, e medidas para elevar a deficitaria eficacia e eficiencia actual, que permitan subsanar as eivas que sofre o transporte público na nosa cidade e que, de seguro, teñen algo que ver coa redución de usuarios: accesibilidade, frecuencias, conectividade cos municipios limítrofes, deficiencias informativas; etc..

En último lugar, e non por elo menos importante, dende Esquerda Unida consideramos de vital importancia o papel que os Concellos deben ter á hora de promover un cambio no modelo de crecemento económico actual, insolidario e insustentable, para acadar outro no que o transporte público sexa de verdade a pedra angular que substitúa a necesidade, electoralista, de infraestruturas custosas, que palien o caos circulatorio do excesivo tráfico que sufren as rúas das nosas cidades, e que provoca a contaminación ambiental e acústica que merma a calidade de vida da xente.

Tamén queremos volver a esixir, como xa fixéramos en febreiro deste ano, que, no tocante ao servizo de transporte metropolitano, se dea marcha atrás e se retome a gratuidade para o coletivo da terceira idade e se inclúa nesta gratuidade ás persoas cunha discapacidade superior o 33%. En caso contrario, para o ano que vén, atoparémonos que, de novo, a crise ten a culpa do descenso de usuarios.

jueves, 25 de marzo de 2010

Moción solidaridade con Garzón

Hoxe o consello comarcal de EU Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión solidarizámonos co xuiz Garzón ante a persecución que sufre, promovida pola extrema dereita, o instruír o caso Gurtel e, sobre todo, polas investigacións dos crimes do feixismo franquista.

miércoles, 17 de marzo de 2010

Moción retirada símbolo franquista

Hoxe o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha moción o Concello e unha rogativa o Reitor da USC, esixindo a retirada do símbolo franquista que, aínda hoxe, se pode ver nas paredes da facultade de Químicas.

viernes, 12 de marzo de 2010

Racismo institucional

COMUNICADO DE PRENSA.
ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ÚNESE A RECLAMACIÓN DE REPARACIÓN URXENTE DO DANO CAUSADO A UNHA MULLER INMIGRANTE DE LUGO.
EU DENUNCIA A HIPOCRESÍA DO GOBERNO DE ZAPATERO QUEN FALA DE AVANCES SOCIAIS PERO ESTÁ A ORDEAR EXPULSIÓNS EXPRÉS.
ESQUERDA UNIDA NACIONAL SOLICITARÁ INFORMACIÓN DA POSIBLE SANCIÓN PARA OS RESPONSABLES DO TRATO DISCRIMINATORIO E DO INTOLERABLE RETRASO NA ENTREGA DO PASAPORTE.

Dentro do traballo que realizamos en tanto que integrantes do Foro Galego de Inmigración seguen chegando a nós mostras da dobre faciana, a da hipocrisía e mesquindade do Goberno de Zapatero: por unha banda, éncheselle a boca falando de avances sociais e, coa boca pequena, as institucións dedicadas a estranxeiría reciben ordes de expulsións exprés e practican o que denominamos racismo institucional.

O Foro Galego de Inmigración solicitou o luns día 8 de Marzo unha entrevista urxente co Subdelegado de Goberno de Lugo para clarificar unha denuncia sobre unha actuación policial como mínimo moi desafortunada cunha persoa estranxeira residente en Lugo. Os feitos que denunciamos son os seguintes:

“Mi nombre es Verónica y estoy residiendo en Lugo desde hace 2 años y medio, viviendo con un español. En el mes de octubre de 2009 presentamos la documentación precisa para casarnos en el Registro Civil, desde donde trasladaron aviso a la Comisaria de Lugo. Citada para presentarme en la Comisaria para responder unas preguntas relacionadas con la boda, me encontré con la sorpresa de que me detuvieron e iniciaron un procedimiento de expulsión, mientras a mi pareja se le comunicaba que tenía que pagar una multa por vivir con una persona en situación de irregularidad administrativa. Además de eso, lo peor sin duda fue el trato recibido: como si fuera una delincuente me negaron un vaso de agua y me acompañaron al baño manteniendo la puerta abierta. Cuando el comisario me vio llorar, revisó el pasaporte y me dijo no me preocupara que sería rápido, ya que no era ninguna "GOLFA". Tampoco les gustó que mi pareja buscara un abogado, ya que preferían que actuara el de Oficio. En conclusión, estuve 4 horas en la Comisaria, las peores de mi vida por cierto. En el mes de diciembre de 2009, nos casamos por el Registro Civil. Presenté un escrito en la Comisaría, para pedir que me devolvieran mi pasaporte, que había quedado retenido en la Comisaria, ya que estando casada con un ciudadano de la comunidad europea tenía que presentarme todos los días 1 y 15 de cada mes a firmar.
Cuando mi marido fue a la comisaria a preguntar por mi situación, lo mandaron a la Subdelegación de Gobierno de Lugo y ahí le dijeron que ellos estaban esperando la contestación de la Comisaria, por lo que volvió a la Comisaria, en la que le informaron que habían perdido el escrito de solicitud del Pasaporte. En conclusión, parece una tomadura de pelo, es indignante que te traten peor que a un delincuente, y sigo teniendo que ir a la Comisaria a firmar y nadie tiene ni idea de nada”.

Esquerda Unida estará nesa xuntanza e, desde logo, apoia as demandas do Foro Galego de Inmigración de esixir unha desculpa oficial para esta persoa, residente e plenamente integrada en Lugo. Por outra banda, o intolerable retraso na entrega do Pasaporte desta persoa debe resolvelo inmediatamente o Sr. Subdelegado de Goberno. Finalmente, solicitaremos información das posibles sancións derivadas dos feitos para persoal funcionario responsables do trato discriminatorio e do intolerable retraso na entrega do pasaporte.


Secretaría de Comunicación de EU Compostela
Vicente Vázquez Freire (659-324643)

martes, 9 de marzo de 2010

Moción 10 de marzo

Moción de EU Compostela en conmemoración do 10 de Marzo día da clase obreira galega, na que pedimos que se nomee unha rúa ou praza "10 de Marzo", e a difusión dunha unidade didáctica.





sábado, 6 de marzo de 2010

Comunicado polo 8 de marzo

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REAFIRMA O SEU COMPROMISO PARA A PLENA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA, neste 8 de Marzo, segue defendendo que as iniciativas políticas e lexislativas deben dirixirse a todos e cada un dos aspectos estruturais de discriminación e violencia que aínda persisten, e estas deben abordarse con medidas preventivas e transversais, baseadas prioritariamente no obxetivo de modificar os valores socias que aínda permiten, toleran e potencian as situacións de desigualdade entre mulleres e homes.

A conciliación entre vida laboral e familiar, de momento é unha mera expectativa. Os homes non comparten equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas. Para que isto suceda, non só é necesario leis que o regulen, senón tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista nunha sociedade igualitaria.

A repercusión que ten a crise no mercado laboral, no caso das mulleres, é cada día máis alarmante. A xa permanente precariedade, a desigualdade salarial e a discriminación por razón de sexo ou polo estado civil das mulleres, que condiciona o seu aceso ao emprego e aos traballos estables, agora máis que nunca están patentes en todos os contratos que se realizan a mulleres.

O risco máis temible para as mulleres nesta situación de crise é o retorno de moitas ás tarefas domésticas e de coidados familiares, o que pode producir unha involución sen precedentes cara a vellos roles patriarcais que estamos combatindo.

Por outra parte, os alarmantes índices de pobreza, que afectan con maior rigor ás mulleres inmigrantes, máis desprotexidas, e ás mulleres maiores, con pensións mínimas ou non contributivas que non chegan a cubrir as súas necesidades básicas, fan máis apremiante aínda o reforzamento do Estado Social e dos sistemas de proteción.

Por iso, neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, Esquerda Unida Compostela estará na manifestación organizada pola Marcha Mundial das Mulleres e que sairá desde a Praza do Toural, ás 20h30. A nosa organización anima a mulleres e homes a que se posicionen sen ambigüidades pola plena igualdade.

Sabendo que está en vigor o III Plan de Igualdade do Concello (2009-2011), Esquerda Unida Compostela reclama que se fagan público os resultados da súa posta en marcha e sabermos en que aspectos se ten que mellorar nas esferas convivencial, laboral, sociocomunitaria e de cooperación institucional para que o noso concello coñeza a plena igualdade entre mulleres e homes.

Compostela, 6 de marzo de 2010.

viernes, 26 de febrero de 2010

Condea verbas Rosa Díez

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANIFESTA A SÚA MÁIS ENÉRXICA REPULSA ANTE A GRAVE OFENSA QUE A PORTAVOZ DE UPyD FIXO AO POBO GALEGO.


FACEMOS NOSA A CONDEA QUE A COORDINADORA XERAL DE EU, YOLANDA DÍAZ, FIXO SOBRE AS DECLARACIÓNS REALIZADAS POR ROSA DÍEZ ESIXINDOLLE UNHA INMEDIATA RECTIFICACIÓN.


EU COMPOSTELA PREGÚNTASE SE ALGUÉN PODE SENTIRSE REPRESENTADO POR UNHA LÍDER QUE NOS INSULTA E HUMILLA .

Para Consello Comarcal de Esquerda Unida, o desprezo da portavoz de UPyD, Rosa Díez, pola sociedade galega quedou patente antonte no programa de Iñaki Gabilondo onde por dúas veces utilizou o termo “galego” de maneira pexorativa, feito que xa tiña cometido no mes de novembro do ano pasado.

Así pois manifestamos a súa máis enérxica repulsa ante a grave ofensa proferida, por Rosa Díez, ao pobo galego. Para a nosa organización a actitude da portavoz de UPyD, lonxe de ter “sentido do humor” é inaceptable e constitúe unha humillación contra todos os galegos e galegas.

En declaracións realizadas onte, a Coordinadora Xeral de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, condenou a actitude da líder de UPyD e esixiulle unha inmediata rectificación ante a grave ofensa proferida contra o pobo galego. A Coordinadora Xeral indicou que é unha vergoña que unha deputada, que ademais é a portavoz do seu partido, insulte a todo o pobo galego. Yolanda Díaz considerou aínda máis grave o feito que Rosa Díez se negue a rectificar.

Pola súa banda, o Secretario de Organización de EU, César Santiso, preguntouse si os votantes e simpatizantes de UPyD na Galiza séntense representados pola súa líder ou si con a actitude amosada consideran que Rosa Díez pode defender os seus intereses. Finalmente, invitou a sociedade galega a darlle as costas a un partido político cuxa líder denota claros síntomas racistas sobre o noso pobo.

Secretario de Comunicación: Vicente Vázquez Freire (659-324643)

jueves, 25 de febrero de 2010

Apoio a Salva o Tren

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ÚNESE A DENUNCIA Á ACTITUDE INQUISITIVA DA POLICÍA NACIONAL, NO QUE CONSIDERA UN INTENTO DE COACCIÓN DA LIBERDADE DE EXPRESIÓN DA CIDADANÍA A INSTANCIAS DE RENFE.


SOLIDARIZÁMONOS CA PORTAVOZ DA PLATAFORMA SALVA O TREN, LUCÍA LATORRE.


UNHA VEZ MÁIS O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA QUEREMOS DEFENDER O FERROCARRIL DE PROXIMIDADE, POR CONSIDERALO UN SERVIZO PÚBLICO ESTRATÉXICO FUNDAMENTAL QUE SEMELLA VITAL PARA O DESENVOLVEMENTO DA MOBILIDADE SOSTIBLE.

Segundo información aparecida en días pasados no xornal a Voz de Galicia, a portavoz da plataforma Salva o Tren, Lucía Latorre, foi retida por dous policías nacionais ao baixarse dun convoi en Vigo, os axentes pedíronlle que se identificase e lles mostrara o billete, trasladándolle, a instancias de Renfe, que a súa actitude durante a viaxe pode levar unha sanción. Lucía Latorre aproveitou o traxecto para repartir uns folletos informativos sobre a desaparición dos trens rexionais e a necesidade dun servizo de proximidade.

Esquerda Unida Compostela considera inaceptable que nun estado de dereito o feito de repartir folletos informativos poida derivar nunha sanción. A nosa organización rexeita a actitude antidemocrática de RENFE, intimidando a unha cidadá no exercicio do seu dereito constitucional de libre expresión.

Resulta abraiante que se intente silenciar a un colectivo que o único que está a reivindicar é que se restableza a igualdade entre comunidades, pois non debemos esquecer que mentres noutras comunidades como Catalunya o Ministerio de Fomento está a investir no tren de proximidade, en Galiza estase a desmantelar.

Desde o inicio da obras da alta velocidade no eixe atlántico, o Ministerio de Fomento foi suprimindo as antigas estacións, aducindo que o tráfico das estacións era moi baixo e non cubría custos económicos, esquecendo que é un servizo público estratéxico exento de especulacións de rendibilidade. Sen embargo os meses anteriores ao peche das estacións desde Renfe se lles ordenou aos revisores que non subiran a picar na estación a pechar, para que non constasen os usuarios nas estatísticas.

Para EU o peche destas estacións condenou a unha poboación cunha media idade elevada a desprazarse en taxi ou vehículo privado e incluso andando, xa que tampouco se dispón dun servizo regular de autobuses, porque só ofrecen servizos cos principais núcleos urbanos.

Esquerda unida, como xa indicara no seu programa electoral, considera o ferrocarril de proximidade un servizo público estratéxico fundamental que semella vital para o desenvolvemento da mobilidade sostible, polo que pulará polo seu desenvolvemento.

Secretario de Comunicación: Vicente Vázquez Freire (659-324643)

domingo, 21 de febrero de 2010

Transporte público

ESQUERDA UNIDA RECLAMA QUE CONCELLOS E XUNTA DEAN MARCHA ATRÁS E RESTABLEZAN A GRATUIDADE PARA O COLECTIVO DA TERCEIRA IDADE .

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A GRATUIDADE PARA AS PERSOAS CUNHA DISCAPACIDADE SUPERIOR AO 33% .

A declarada intención de Xunta e Concellos de facer pagar ao colectivo da terceira idade parte do prezo do billete, rachando coa gratuidade do transporte público comarcal debe definirse como abraiante e, repetimos, inentendible. Inentendible pola adscripción política de varios dos alcaldes (Santiago, Brión, Ames..) participantes. Inentendible e incoherente coas súas contínuas declaracións de que a crise económica non ía repercutir na prestación de servizos públicos e que non se ían reducir os investimentos en política social.

Esquerda Unida non comparte en absoluto os motivos de posibles fraudes como causa. Significa xulgar a todo un colectivo polo comportamento negativo duns poucos. E, se existe ese fraude, abondaría con establecer mecanismos de control como, por exemplo, bonos diferenciados pola súa cor en función do colectivo ao que benefician acompañados da identificación do usuario. A racionalidade aplicada por estes dirixentes é a racionalidade neoliberal: facer pagar por canto servizo público se preste.

Tanto ten que digan que van elaborar un regulamento: o anterior foi incumprido. O servizo, hoxe, presenta múltiples eivas: paradas sen marquesiña; marquesiñas sen papeleiras, o que converte algunhas paradas en lixeiro improvisado; imposible predecir cando se cumprirá cos horarios establecidos e saber se chegaremos á hora para traballar; os propios horarios foron coñecidos hai escaso tempo desde que se asinara o contrato coas empresas de transporte metropolitano; moitas persoas con discapacidade ou mesmo persoas con carriño para meniños aínda non poden subirse aos buses con facilidade, sendo a accesibilidade unha quimera só aplicada nun mínimo número de buses; dánse aspectos ilóxicos como que custe o mesmo un billete desde Brión a Santiago (1,25 €, para 12 quilómetros) que un billete Brión-Bertamiráns (1,25 € para 3 quilómetros) como usuario “libre”; etc.... Todas estas eivas únense a unha mala planificación circulatoria e combinatoria das liñas de bus unha vez chegadas a Compostela, e fan que o servizo non medre en canto a usuarios.

Para Esquerda Unida é inentendible que os pensionistas teñan que aboar 0,36 € e só dispoñan dun máximo de 20 billetes ao mes, cando na actualidade dispoñen de 25 billetes mensuais gratuítos. Esta medida afecta a un colectivo de persoas, onde o 70% ten uns ingresos inferiores aos 620 €. Por iso, na racionalidade que defende Esquerda Unida, unha racionalidade radicalmente socialista, a gratuidade debe ser un imperativo.

Para Esquerda Unida o racional é que a comarca dispoña dun bo servizo de transporte público tamén os fins de semana e os festivos, que repercuta e beneficie a todas as persoas, e que se pense sobre todo no colectivo da mocidade para evitar os desprazamentos en vehículo privado.

Para Esquerda Unida o racional é que os autobuses cheguen ao polígono do Tambre os días laborais (cun bono-traballador) para disuadir o uso do coche particular. Para Esquerda Unida o racional é establecer a gratuídade do servizo para as persoas cunha discapacidade superior ao 33%.

Por iso, desde Esquerda Unida reclamamos a Concellos e Xunta que dean marcha atrás nesta política social regresiva.