Comunicado de prensa do Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU sobre o acordo de goberno asinado entre PSdG e BNG
O acordo de goberno asinado polo PSdG e o BNG o 19 de xuño representa o triunfo da inconcreción. Son escasas as medidas que reflictan a necesaria temporización para a súa execución, dando a sensación de que varias das promesas quedarán, moi probablemente, esquecidas. Dicir tamén que o texto asinado é deficitario desde o punto de vista estrutural, xa que as medidas deberían ir reagrupadas en base ás áreas de acción política.
“Favorecer”, “fomentar”, “impulsar” son os verbos comodíns máis empregados e, como o seu propio significado indica, non “aseguran”, nin “garanten” nada. Estos semellan, xa que logo, os compromisos: non garantir nada.
Destaca, tal como detallamos no informe que se adxunta, a ausencia da democracia participativa como gran obxectivo xeral, máis importante se cabe despois de comprobar que un 43% da poboación se abstivo de pronunciarse nas urnas o pasado 27 de maio. Non se garanten os mecanismos de participación cidadá (un novo regulamento, orzamentos participativos, …) na elaboración da política que debe seguir o concello. Dito obxectivo resulta esencial para que a medida 42 adquira un valor de verdade e non quede en mera palabrería.
O acordo de goberno demostra descoñecemento da realidade municipal, xa que o Consello Municipal de Migracións xa está creado (medida 31). O que si falta, e non figura é a elaboración e aplicación do Plan Local de Inmigración, agora mesmo na súa fase incipiente.
A escasa visión metropolitana, a ausencia de medidas que concreten a aplicación e desenvolvemento da Lei de Dependencia, a ausencia dun Plan de Atención Integral para as Persoas Invidentes e Xordomudas, a falta de compromiso orzamentario con Políticas de Muller (mín. 5% ) e Cooperación (mín. 1%), a ausencia dunha cartografía de telefonía móbil, e outros aspectos que desenvolvemos no Informe, reflicten as enormes eivas do acordo de goberno asinado.
Todo apunta a que seguirá a externalización mediante a política de subvencións e que se insistirá na política de privatización, xa que non se garante, en ningún momento, a súa paralización e remunicipalización dos servizos públicos esenciais.
A pesar das enormes eivas sinaladas, Esquerda Unida vixiará polo cumprimento estrito do que consignaron PSdG-BNG para que dentro de 4 anos non teñamos un listado de promesas incumpridas e os nosos veciños e veciñas a sensación de que, unha vez máis, foron vítimas da palabra dada (pénsese, por exemplo, no probablemente xa desaparecido centro educativo para Sar, medida 25).
No hay comentarios:
Publicar un comentario