A cidade de Trondheim (Noruega) en 2002, froito dunha iniciativa dos sindicatos, puxo en mans das organizacións políticas que se presentaban ás eleccións municipais do 2003 un programa político de 19 puntos destinados a poñer en marcha un programa de remunicipalización dos servizos públicos.
En Suecia procurouse a reorganización interna dos servizos públicos para que mellorasen a súa eficacia e eficiencia…sen despedir persoal…
A cidade de Bergkamen (Renania, Norte-Westfalia) en xullo de 2006 rescindiu contrato coa empresa privada encargada do servizo de limpeza e eliminación de residuos. A empresa pública, cáseque un ano despois, eliminou nun 30% os custos, mesmo a pesar de ter mercado 6 vehículos novos e manter os niveis salariais de todos os seus empregados.
En Italia creouse hai pouco un Foro pola Auga Pública para acabar coa privatización das empresas de auga locais e recuperar a xestión pública de servizos rexionais e locais agora en mans privadas.
Os exemplos en Europa son cada vez máis numerosos debido a unha grande constatación: a xestión privada dos servizos básicos non mellora a calidade, eficacia e eficiencia do servizo, nin se aforra en xestión, nin se melloran as condicións salariais dos e das traballadoras, etc.
Cómpre que en Galicia cunda o exemplo Trondheim. Cómpre un compromiso pola remunicipalización dos servizos básicos agora mesmo entregados a empresas privadas.
***
Agora, os alcaldes da comarca compostelá móvense un chisco para protestar pola calidade do servizo de transporte metropolitano. E fan ben, pero fanno tarde, como se se esforzasen unicamente despois da campaña electoral. En efecto, temos que lembrar que desde Esquerda Unida remitimos varios comunicados de prensa (o primeiro deles o 21 de decembro de 2006) nos que facíamos unha crítica da calidade do servizo, de marquesinas sen horarios, da absoluta ausencia de información, etc. E mesmo, o 15 de febreiro de 2007 presentabamos unha moción no Concello de Santiago co seguinte título Desenvolvemento das condicións necesarias para a elaboración dun plano integral de transporte sustentable en tanto que servizo público para a cidadanía. Nun dos puntos aludíamos á necesidade de crear un órgano de coordinación metropolitana de transporte público.
Iso o dixemos sempre. E apelando sobre todo, e non desde a perspectiva actual, a transporte en tanto que servizo xestionado e servido pola administración pública (nacional e local).
***
En certo modo, a apreciación da edil choca coa visión de Sánchez Bugallo que si acerta á hora de falar de transporte comarcal –e de recoller a nosa idea dunha oficina de coordinación metropolitana- pero erra á hora de atribuirse responsabilidades á hora de definir quen debe realizar e ofrecer dito servizo.
Certo é que precisamos de máis cartos, pero non para que se vexan beneficiadas empresas privadas de transporte de viaxeiros. Necesitamos máis cartos para que o transporte sexa realmente un servizo de xestión e titularidade públicas. Di Bugallo que o “transporte non é barato”. E nós dicimos que si é barato, xa que as consecuencias dun servizo público de transporte son enormes: medioambientais, sociais e mesmo culturais. Para nós resultan moito máis caras as asistencias técnicas entregadas para proxectos de dubidosa rendibilidade social (campos de golf en Bando, Museo do Neno na Cidade da Cultura (sic)
Pensemos antes na rendibilidade social e comprobaredes, os amantes do sector privado, que a economía tamén mellora. Trondheim, Bergkamen sinalan que é posible. Só falta talla política.
No hay comentarios:
Publicar un comentario