viernes, 13 de julio de 2007

INFORME DE VALORACIÓN DO ACORDO DE GOBERNO ENTRE PSDG E BNG

Informe do Consello Comarcal de Esquerda Unida-IU sobre o acordo de goberno asinado entre PSdG e BNG

O Consello Comarcal en reunión mantida o 11 de xullo de 2007, despois de someter a análise e discusión o acordo de goberno asinado o 19 de xuño entre o PSdG e BNG, realiza o seguinte informe de valoración:


Democracia Participativa

O acordo de goberno incorpora 44 medidas que pretenden acadar 5 grandes obxectivos xerais. Como era de agardar, entre estes grandes obxectivos xerais non figura en ningún momento garantir os mecanismos de participación cidadá na elaboración da política que debe seguir o concello. Dito obxectivo resulta esencial para que a medida 42 adquira un valor de verdade e non quede en mera palabrería.

En calquera caso, “favorecer” e “fomentar” son verbos comodíns que non aseguran, nin garanten nada. Pero é lóxico, xa que o acordo de goberno esquece dicir de que forma se vai aumentar a “corresponsabilidade da veciñanza na toma de decisións”. Por se ignoran cal é ese camiño, dirémoslle ao equipo de goberno que mediante un novo regulamento de participación cidadá e mediante a creación e aplicación dos orzamentos participativos.

Por iso, antes de aplicar o Plan Estratéxico (medida 5) é necesaria a súa reformulación completa en base á participación cidadá. E o mesmo cabería dicir dos documentos que rexerán a nosa vida: Plan

Igualdade de Oportunidades e Estado de Benestar

  1. A medida 31 do acordo de goberno ignora a realidade municipal, xa que o Consello Municipal de Migracións xa está creado. O que si falta, e non figura é a elaboración e aplicación do Plan Local de Inmigración, agora mesmo na súa fase incipiente.
  1. Semella que a aplicación da Lei de Promoción da Autonomía das Persoas (Lei de Dependencia) é independente da acción directa do Concello. As medidas directamente relacionadas con isto (medidas 27, 28) son xerais e inconcretas. A creación de Centros de Día planificada é claramente insuficiente. Cómpre tamén a posta en marcha de centros de respiro familiar. Falta a referencia á creación de vivendas tuteladas, a extensión da teleasistencia, das axudas no fogar, etc. Todo indica que, a este respecto, o Concello practicara a externalización mediante a política de subvencións.
  1. En ningún momento se di nada dun Plan de Atención Integral para as persoas invidentes e para as persoas xordomudas. Un Concello integrador non pode seguir desatendendo a estes colectivos.
  1. Segue sen destinarse un mínimo (5%) do orzamento a políticas de igualdade de xénero. E o 0,7% destinado a cooperación debería saír non dos investimentos e si dos orzamentos, sendo desexable o 1% como mínimo.

Emprego

  1. En canto ao impulso do emprego (medidas 1-2) resulta chocante que non se faga mención en ningún momento á elaboración e posta en marcha inmediata dun Plan Municipal pola Calidade do Emprego. Non figura ningunha medida que responda a unha política pública, mediante o compromiso de non privatizar máis servizos municipais e asegurar a remunicipalización dos agora mesmos privatizados. Incidindo neste eido, Esquerda Unida lamenta a ausencia dunha Axencia de Colocación Municipal.
  1. Os cálculos realizados por Esquerda Unida sobre a aplicación da Lei de Dependencia no noso municipio reflicten que se poden crear 1352 empregos con persoal alleo á familia. É imprescindible que o Concello sexa garante da creación destes postos de traballo en tanto que sevizo público ás persoas.
Vivenda
  1. Nas medidas de Vivenda (medidas 7-8) non vemos en ningún momento a necesidade de ligar a oferta coa demanda. Só así poderemos camiñar cara a unha imperiosa sustentabilidade ecolóxica. Para poder equilibrar e facer efectiva política de rehabilitación, con política de aluguer e con construción de vivendas de protección pública é preciso saber por unha banda canta demanda de vivenda protexida hai e cantas vivendas baleiras hai (por iso, reclamamos a a elaboración dun censo motivado de vivendas baleiras).

Calidade de vida e saúde

  1. Esquerda Unida lamenta e visión empresarial do equipo de goberno. Só así se pode xustificar a ausencia da elaboración dunha cartografía de antenas de telefonía móbil con información clara e transparente sobre a súa situación e con declaración de zonas libres de contaminación electromagnética respectuosas co principio de prevención. De novo, as empresas de telefonía móbil poderán obrar ao seu libre albedrío capitalista. Seguirase coa situación actual que vulnera o principio de prevención.

Educación e cultura

  1. No tocante aos centros educativos (medida 25) fálase da reclamacion dun centro público para o barrio de Sar. Pois ben, dita reclamación, hai dous días, xa quedou freada e desestimada. Isto incide na calidade das medidas deseñadas para o acordo de goberno e na escasa predisposición para esforzarse en garantir a realidade das medidas e obxectivos.
  1. Igualmente, están pendentes outras asociacións coma a de Cancelas, para verse dotadas cun local aceitado para realizar as tarefas sociais e cívicas.
  1. A Cultura de Santiago non pode ser unicamente unha cultura escaparate. Por iso, cómpre o desenvolvemento da cultura de base. Sen esta, participación e cohesión son unhas quimeras inalcanzables.

Deporte

  1. Tendo en conta o importante que é o deporte na idade infantil, resulta chocante ver que a creación e consolidación do deporte escolar.
  1. A consecución do cinturón verde debería ser unha obriga xa para esta lexislatura, pero, unha vez máis, demorarase in eterno a súa realidade.

Deficiencias xerais do acordo de goberno

  1. Son escasas as medidas que reflictan a necesaria temporización para a súa execución, dando a sensación de que varias das promesas quedarán, moi probablemente, esquecidas ou, como adiantaron en plena campaña electoral, supeditadas a unha nova lexislatura (referímonos, por exemplo, ás infraestruturas da medida 13).
  1. Bótase en falta unha mellor ordenación das medidas e reflíctese unha deficitaria pedagoxía política, xa que as distintas medidas deberían ir inseridas debaixo dos epígrafes temáticos correspondentes.
  1. Esquerda Unida critica a deficitaria visión metropolitana do acordo de goberno e o seu localismo. En materia de vivenda e transporte é urxente dotarse cunha Oficina de Coordinación Metropolitana. Non pode ser que a edil responsable do tráfico diga que se vai preocupar da xente de aquí e logo da que vén de fóra. Descoñece totalmente a realidade, xa que a situación do tráfico na vila depende de que funcione de forma admirable o transporte público metropolitano, isto é, o tráfico dentro da cidade depende de que se canalice ben o tráfico que provén dos concellos limítrofes.

No hay comentarios: