martes, 3 de julio de 2007

Semella que bastante é pouco. Somos así de diferentes?

Reproducimos un artigo elaborado para outro espazo, pero que, polo seu interese, tendo en conta o carácter complexo que esperta o proceso de selección de persoal docente non universitario, reproducimos na súa integridade.

Sabemos que é un tema controvertido, pero coidamos que é preciso reflexionarmos en voz alta sobre estes procesos e, sobre todo, polas consecuencias que espertan.

***

As probas de acceso á función pública docente no ensino non universitario en Galicia sempre deparan sorpresas. Somos así. As persoas que opositan polo que se chama de forma vulgar e incorrecta “por libre”, xa se teñen queixado sobre un sistema que non garante a igualdade de oportunidades nin a transparencia. E nisto, todo hai que dicilo, teñen razón: por que non se fan públicas as notas das distintas partes a medida que conclúe a corrección das mesmas?

A disposición transitoria primeira da LOE quere que en cinco anos se solucione o problema da elevada porcentaxe de profesorado interino e, polo tanto, inestable que hai no noso sistema educativo. De aí, un sistema que alixeira o que había o ano pasado que, á súa vez, alixeiraba a dureza que había naquela oposición de tres partes ben diferenciadas todas elas eliminatorias e cunha encerrona digna dese nome. Pero ben, isto son xuízos quizais subxectivos por ter “padecido” e “superado” dito sistema.

Non imos entrar sobre se unha oposición é o mellor sistema para demostrar que un ten a capacidade para exercer a docencia. Iso sería un tema de filosofías máis fondas.

A convocatoria actual, orde de 9 abril de 2007 estrutura a fase de oposición (falamos por exemplo para as filoloxías, ciencias sociais,..) “nunha única proba estruturada en dúas partes, que non terán carácter eliminatorio (subliñado noso), o tribunal só fará pública a nota final e global da proba”. Partes da fase de oposición:

Parte A- desenvolver 1 tema por escrito a escoller entre 3, 4 ou 5 temas dependendo da especialidade. (4 puntos)

Parte B- Subdivídese, á súa vez, en dúas partes:

B.1. Exposición (que non defensa, xa que non se fan preguntas) do máis relevante da programación que presentan ao concurso-oposición. (3 puntos)

B.2. Preparación, exposición e defensa dunha unidade didáctica (é o que se identifica –de forma parcial e incorrecta segundo nós- con “encerrona”, xa que nesta entraba de novo no bombo todo o temario e non só 15 ou 16 unidades didácticas). (3 puntos)

Pois ben, para ter en conta a disposición transitoria primeira da LOE –reducir porcentaxe de interinidades e ter en conta a experiencia docente- o sistema actual presenta unha novidade que, loxicamente e de forma obxectiva sen máis, beneficia ás persoas que teñen experiencia docente e dentro destas a aquelas que máis anos de experiencia teñen. Cal é a causa: poder presentar unha unidade didáctica para que sexa sometida a valoración e que se emita un informe que supla a parte B.2 (a mal chamada encerrona). Esta pódenna presentar as persoas que exerceran, se non mal entendimos a orde, que figuren como interinas ou que exerceran a docencia neste curso durante 6 meses. Ademais, a esta presentación únese o feito de que se suprima a parte práctica –a dos comentarios e/ou traducións, que tanto dano facía- e a que non hai notas eliminatorias. Isto é, máis doado será acadar o 5 e así sumarlle os méritos. Isto, por moito que se queira minimizar beneficia ao persoal interino. E débenno aproveitar loxicamente facendo o que debe facer todo opositor: prepararse e estudar.

Na orde específicanse os criterios que han de gardar tanto a programación (B.1) como a unidade didáctica (B.2): espazo interliñado dobre, letra arial 12, e 60 páxinas como máximo (a programación), 10 páxinas (a unidade didáctica). Pódese tamén presentar un anexo con diferentes aspectos que se consideren relevantes para incluír aí. Tamén se fala do mínimo que debe conter a programación (pero ollo, non para ser excluído, senón, supoñemos ben valorada): obxectivos, contidos, criterios de avaliación, metodoloxía, atención a alumnado con necesidades de apoio específico.

A comisión de selección da especialidade de ciencias sociais, xeografía e historia “excluiu” (= non presentado = perda de dereitos?) a 120 persoas por diferentes aspectos que atentaban aos criterios de forma e estrutura da programación enumerados anteriormente. En música sucede outro tanto e supoñemos que noutras especialidades.

E aí montouse xa o lío. Pero, procedamos, xa que logo, con tranquilidade. No artigo 3.3. dise que a non presentación é causa de exclusión. Neste caso, cremos nós, non se pode dicir que non se presentasen, senón que a programación presentada incumpre criterios de forma e/ou estrutura. Polo tanto, a nota pode –e debe- ser un suspenso. Teñamos en conta que non teñen efecto eliminatorio as probas.

De quen é a culpa: administración ou tribunais? Na orde dise que as comisións de selección no caso de máis dun tribunal: “actuarán con plena autonomía funcional, serán responsable da obxectividade do procedemento e garantirán o cumprimento das bases da convocatoria” (art. 5.13.1). Dicir comisión de selección é dicir especialidade. Pero, claro, esta plena autonomía funcional non pode ir en contra da orde.

Só noutra altura da orde se fala de causas de exclusión: “se en calquera momento do proceso selectivo os tribunais teñen coñecemento de que algún dos aspirante non pusúe (sic) algún dos requisitos esixidos pola presente convocatoria” será excluido despois de audiencia ao interesado.

[Se son os requisitos especificados en 2.2.1. non atopamos aí o criterio de presentar unha programación non atenta aos criterios de forma como causa de exclusión.]

Dito doutra forma, en ningún momento da orde se di de forma clara que a presentación dunha programación “mala”, “incorrecta”, etc. será motivo de exclusión e, polo tanto, da condición de non presentación.

Isto, cremos nós, é incuestionable.

Agora ben. Como demos pode ser que tendo diante unha orde que especifica ben ás claras o mínimo que se vai esixir que persoas que opositen cometan os erros que vimos: reducir interliñado, reducir tipo de letra, situar obxectivos en anexos, etc….

Temos que ser ante todo serios e esixentes con nós mesmos coma o somos –ou deberíamos- co alumnado que nos presenta un traballo, ao que lle puxemos unhas condicións de entrega. Como pode ser que sexan as persoas que din querer ser docentes as que presenten programacións coas eivas sinaladas?? Por desleixe? Poñen vostedes as notas que nós xa non queremos.

Pero máis aló do feito de que non poden ser excluídas porque a orde non o permite, para nós, en igualdade de condicións coas persoas que si respectaron as condicións de presentación, e foron esforzadas e atentas, merecen un rotundo suspenso. Así de claro. Porque este proceso faise para eliminar un problema coa porcentaxe de interinidades, pero non para regalar unha praza docente. Para ter dereito a dita praza hai, cando menos, que cumprir co mínimo que se esixe.

E non queremos alentar ningunha filosofía anti-nada, nunca tivemos esa teima. Pero cómpre sermos serios. Pero semella que en Galicia todo é diferente e que bastante é pouco.


Xabier Ron
Santiago, 3 de xullo de 2007

No hay comentarios: