OS MEDIOS INFORMATIVOS E A PECULIAR IDEA DO DEBATE
Un medio informativo, de alcance local (lembremos que o carácter nacional acádase pola cooperación empresarial doutro xornal de tirada estatal), e seguramente pensando nos seus inversores en medios publicitarios, leva xa varios días facendo contracampaña dun medio de alcance nacional.
O carácter local vs. nacional cadra tamén moi ben coas dúas Plataformas nacidas ao redor da Cidade da Cultura. Unha, ideada por 4 empresarios locais, compostelás; outra, artellada mediante unha iniciativa plural, cidadá, desde distintas partes do mapa galego, e tamén con presenza de persoas con vida social e política en Compostela.
Reflíctese nas páxinas do xornal local en cuestión una teima: facer ver que a Plataforma Pro nace con vocación cidadá e social, cando é mentira. Procuraron os apoios de forma elitista: entre os Políticos que mandan, entre os poderes fácticos da Cidade, entre algúns intelectuais ben representados nos medios de influencia (dos que mandan) , mentres procuraban manipular e desinformar sobre as intencións da primeira Plataforma. Utilízase un rancio recurso reaccionario de raíz identitaria: algo así como "esta Plataforma é a nosa, defende o noso, mentres que a dos outros non, veñen de fóra, atacan o noso".
Loxicamente, é unha absoluta tontería. Xa é disparate situalo só no eido local. Pero o disparate permite extraer unha lectura positiva: é, claramente, unha reacción ante algo que ameazaba / ameaza con erosionar os cálculos realizados por algúns gurús do elitismo social e cultural. É, tamén, indicio claro de que a Plataforma Cidadá "Cultura Si Mausoleo Non", que reclama transparencia e xustiza e unha maior redistribución da riqueza en servizos públicos básicos como educación, sanidade e servizos sociais, está no bo camiño. Cando a clase social e política máis asentada reacciona é que algo no bandullo se lle remove.
Por iso, produce risa, a quen se lle supoña un atisbo de racionalidade ver como dito medio, a través da canle televisiva, difundía a existencia dun DEBATE.....no que só estaban os 4 integrantes da Plataforma reaccionaria. Iso si que é debatir, si señor, malo sería que entre 4 persoas fundadoras da idea se puxesen a ir uns en contra dos outros. Así debatimos en Galicia e así nos vai.
O debate sempre debe implicar posturas dilemáticas e neste caso, xa que de Plataforma se trataba, cabía invitar -era preciso máis ben- á Plataforma que esixe unha clarificación do destino dos edificios, a desaparición da Fundación Gaiás -que debe comer moi ben a custa nosa, en función das facturas existentes-, o remate dos edificios agora mesmo sen rematar, non construir ningún edificio a maiores, e sobre todo non esquilmar máis diñeiro público. Deberíase facer para desfacer a visión localista rancia que pretenden divulgar todos os estamentos da xerarquía compostelá.
UN ERRO DE PERSPECTIVA: NON É UN FEITO DE EIDO LOCAL
Que desde o BNG se diga que a Cidade da Cultura "é cousa do BNG" demostra como está a leira política. Demostra tamén que existe unha visión localista da Cidade da Cultura cando o diñeiro sae do peto de todos os galegos e de todas as galegas. Por iso, o movemento da defensa da transparencia e da xustiza é plural e extensivo a toda Galicia. Se se nos di que manter o funcionamento do Gaiás pode supoñer uns 50 millóns de euros ao ano...refírese aos euros de todos e todas as persoas que vivimos en Galicia. Cando se di que xa se levan gastado 370 millóns de euros e que para finalizar o choio en base ás (desaforadas) planificacións de Eisenman hai que investir outros 200 millóns de euros.... non podemos berrar "xa está ben de gastar o noso diñeiro nun enlousado sen destino claro?
OS COMITÉS DE SABIOS
No noso país é habitual que os políticos se circunden no seu medio ambiente máis inmediato de intelectuais e sabios (sic). Se temos en conta o carácter subvencionista da nosa cultura, o carácter partidista da nosa intelectualidade....que non dirán estes intelectuais???
O caso é que os Sabios que se reuniron tras uns días -de dificil traballo, sen dúbida, e mal remunerado- (agardo que perciban a ironía), chegaron á conclusión de que había que cambiar o nome do enxendro e permitir á cidadanía pasear e contemplar o nacemento do mesmo. Ningunha destas dúas "sabias" e "doctas" reclamacións foron atendidas.
E hai que dicir que eran dúas orientacións básicas.
A CIDADE DA CULTURA VS A CULTURA DA CIDADE
Chamar Cidade a algo que aínda non ten vida, que se contrapón ao que é a verdadeira Cidade non ten sentido. E que o alcalde compostelá insinuara que ía propoñelo para Patrimonio da Humanidade...aínda menos. Pero moito menos podemos chamalo "da Cultura", xa que a verdadeira Cultura é a que deben emanar das rúas da propia Cidade, dos seus axentes sociais e culturais. Da propia participación social vén a propia cultura. E aí, claro está, mal se fan as cousas cando a Sala Galán, a Sala Iago, a Sala Capitol teñen que pechar as súas portas; cando algúns dos cantautores das nosas rúas e locais teñen que facer as maletas porque xa non se deixa tocar en locais que sempre o fixeron -por mor de normas cada vez menos proclives á cultura de base-. Fíxense vostedes no que se pode deducir: a Cidade da Cultura vai ir claramente en detrimento da Cultura da Cidade.
EMPREGUEMOS IRONÍA NO PAÍS DA SINRAZÓN E DOS CÁLCULOS INCALCULADOS
Lémbranse do Monte do Gozo e da utilización que tivo despois da súa creación? Si, verdade! Pois, agora, sexamos bos.
Imaxinemos, por un momento, que todo remata ben.
Imaxinemos que hai unha serie de edificios en pé, cunha serie de persoal contratado de boas maneiras e mellor transparencia, edificios que foron elixidos como os máis funcionais e flexibles dos últimos anos, por un xurado ecuánime que non se deixou enganar polo diñeiro co que o convocaron.
Imaxinemos tamén que todas as liñas de autobuses da cidade chegan ata o último dos edificios e pasean polas rúas de toda a Cidade recollendo entusiastas veciñas e veciños dispostos e dispostas a asistir GRATIS a unha estrea mundial dun artista de renome -ben, mellor será pensar que deciden entregar parte do seu salario para pagar a entrada-.
Imaxinemos que, ao mesmo tempo, as rúas da Cidade explotan de cultura na actuación dun artista tamén afamado. A Cidade experimenta un auxe cultural increíble e chega á altura do Museo de Londres que vive en medio de varias terminais de aeroporto e xoga só cuns cantos millóns de persoas. E é que os empresarios de Galicia se volcan -como se ve na Plataforma creada- e deciden instalar liñas de autobuses gratuitas para os seus traballadores e traballadoras de Viveiro, de Burela, de Cedeira, de Xinzo, de Viana do Bolo, de Baiona, da Guarda, etc., veñen fletados buses para asistir ás exposicións de arte, para pasear persoas embelesadas polos pasillos do Arquivo Nacional, para fotografarse ao carón da figura de Peter Eisenman, considerado o pai da Cidade e da Cultura dos galegos e galegas. Mesmo publicacións entusiastas, aficionadas ás estatísticas, destacan que nas enquisas valorativas Eisenman é máis coñecido que Castelao, que Manuel Antonio e que Rosalía de castro xuntos.
Ah! Si e tamén as clases dirixentes pagan a súa entrada e denegan as invitacións. Que marabilla Galicia!!!
O de menos é ver como morren os auditorios construidos hai escasos anos, como as pequenas salas da cidade malviven e tamén deciden poñerse a vender tartas de Santiago para atraer turistas ávidos de Cultura antes de que se suban ao autobús disposto por Concello e Empresarios que os ha de levar á marabillosa Cidade da Cultura que, agora, xa se chama Faro da Cultura, pois a súa luz alumea os contornos de toda Galicia.
MENTRES NON ACONTEZA....QUEDA A LOITA POR UNHA CULTURA VERDADEIRA, NON ELITISTA, NON XERARQUIZADA;
POR UNHA CULTURA DE BASE, DE REDES SOCIAIS ACTIVAS, DE ACTOS PLANIFICADOS QUE NON CONCORREN EN COMPETITIVIDADE;
LOITAR PARA DINAMIZAR E ESTENDER AOS AXENTES CULTURAIS PROPIOS, SEN CAER NO PROSELITISMO E O SECTARISMO;
TRABALLAR PARA CREAR AS INFRAESTRUTURAS NECESARIAS QUE ANIMEN A CULTURA EMPRENDEDORA DE ALCANCE MEDIO;
LOITAR POR E ESIXIR UNHA CERTA AUSTERIDADE E CONTENCIÓN NOS INVESTIMENTOS CULTURAIS PARA DESTINAR O GROSSO DO DIÑEIRO ÁS ENORMES CARENCIAS EN MATERIA DE TRANSPORTE, EN MATERIA DE SANIDADE, EN MATERIA DE XUSTIZA, EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS, ....
Claro está, isto é unha reflexión, nada máis...para debatir de forma sana con aqueles que opinan de forma contraria e dilemática.
Xabier Ron
No hay comentarios:
Publicar un comentario